Opinión

Impacto da crise nas crianzas. Nacer sen futuro.

Hai moito tempo que nenas e nenos non veñen de París. Nin traen pan debaixo do brazo. Hoxe cada nena e cada neno que nace no estado chega cunha “débeda pública” duns 15.570 euros, cantidade que nun contexto de notábel redución da capacidade de aforro das familias, xunto cunha porcentaxe de desemprego xuvenil inamisíbel, os enfronta cunha paisaxe vital ben pouco grata, desértica.

Hai moito tempo que nenas e nenos non veñen de París. Nin traen pan debaixo do brazo. Hoxe cada nena e cada neno que nace no estado chega cunha “débeda pública” duns 15.570 euros, cantidade que nun contexto de notábel redución da capacidade de aforro das familias, xunto cunha porcentaxe de desemprego xuvenil inamisíbel, os enfronta cunha paisaxe vital ben pouco grata, desértica. E o peor é que esa débeda non vén derivada de o estado asumir importantes gastos en protección social para ofertar aos recén nados alimentación ou cueiros máis baratos; non, vén derivada de o estado se converter en protector de defraudadores e de mercenarios financeiros.

 
Neste contexto, UNICEF acaba de facer público un informe, sob o título “A infancia en España 2012-2013”, con datos actualizados a marzo de 2012, que centra a análise no impacto que a actual “crise” exerce sobre as crianzas. Nel, e co propósito de “presentar unha fotografía obxectiva” sobre a situación dos nenos e nenas no estado valóranse unha serie de parámetros para concluír que no contexto estatal a pobreza non se só incrementou para pasar da xa elevada taxa do 24% ao 26,2% senón que, cousa peor, non só son máis, senón máis pobres, de tal forma que os nenos e nenas son xa o grupo de idade máis pobre.

No ano 2009 o estado español era un dos espazos políticos con menor capacidade para reducir a pobreza entre nenas e nenos. Desde aquela a debilidade de protección do sistema público para os menores viuse acrecentada. Unha das situacións máis asociadas á pobreza, e que ten un impacto máis contundente na situación familiar, é o desemprego, xunto coa redución de salarios e o incremento de impostos. Cabe salientar que no contexto actual nin os salarios, nin a maioría dos impostos, teñen en conta a presenza de nenos e nenas de xeito que o contexto socioeconómico non só incorpora novos fogares á pobreza, senón que incrementa a precariedade que xa existía neles.

Ao anterior hai que sumar a eliminación de todo tipo de axudas, desde a universal por nacemento de fillos recollida na lei 35/2007, até aquelas recibidas en compensación de gastos no sistema educativo -bolsas, comedores e, no caso de Galiza, especialmente a supresión do programa de gratuidade de libros de texto e a súa substitución por sistemas de menor alcance, circunstancia que o propio informe recolle como un dos elementos que axuda a crear desigualdades.

E aquí é onde a Xunta de Galiza, tras detectar que a poboación galega "non é consciente" do problema demográfico da Comunidade, porá en marcha medidas segundo as que os non natos contarán como membros da entidade familiar naqueles trámites nos que se considere conveniente, como na solicitude dunha praza nunha gardaría (para que precisará gardaría un non nato?) ou no acceso á vivenda.

Non parece algo burlesco que a Xunta rexistre os “nasciturus” para recibir axudas, mentres os xa nados ven piorar día a día a súa situación? Teño a impresión de que non comparten para nada as palabras de Gabriela Mistral sobre o porvir das crianzas que xa están sobre a pel deste mundo: O futuro das nenas e dos nenos é sempre hoxe, mañá será tarde.

Comentarios