Opinión

Imaxes e significados

Agardei a escreber este artigo a ter comigo fisicamente o cartaz e a folla que anuncian a celebración do próximo Festigal. Coñecía a imaxe que vou comentar pola súa reprodución neste xornal dixital e diversidade de opinións que suscitou.

Agardei a escreber este artigo a ter comigo fisicamente o cartaz e a folla que anuncian a celebración do próximo Festigal. Coñecía a imaxe que vou comentar pola súa reprodución neste xornal dixital e diversidade de opinións que suscitou. Cadrou telo na man no mesmo día (día 11 de Xullo, mais non de alegría como para cantarmos o “San Benitiño de Lérez”) en que o presidente do goberno español anunciou novas e durísimas medidas de tiranía sobre a maior parte da poboación: a incluída no mercado laboral, a excluída do mesmo, a que se verá privada en breve do seu emprego, a precisada de prestacións sociais e a que se encontra en situación indixente extrema. De primeiras, cando vin o cartaz de bon tamaño en toda a súa extensión, pensei se sería -con grande sentido profético por parte dos seus autores- un adianto extremoso do que nos ía vir por parte do goberno español, perdón, da xestoría española da troika e os seus axentes, mais axiña caín na conta de que non había tal. Tal día, igualmente, si que tiven ocasión de rir ben cando lin, a toda plana, no xornal La Afonía de Galicia, un titular tal que así: “España cede soberanía”. Noticia fresca, abofellas! España está cedendo soberanía como mínimo desde o Tratado de Maästricht de 1992, por moito que agora o funcionamento do sistema se revele en toda a súa crueza. Por certo, quen se lembra agora dos diagnósticos e valoracións do nacionalismo galego a aquela altura -hai 20 anos-, despachados como delirios de resentidos anti-europeístas? Alguén debera resgatalos e confrontalos con todo o que está a se pasar.

Mais non é este o contido deste artigo. Volvo ao cartaz e folla de anuncio do Festigal. Aínda non curei o espanto que me produciu. Digan o que dixeren os que o crearon e aprobaron, o impacto da imaxe non mente. O que se ve é a imaxe arrepiada dunha rapaza, cos ollos arregalados, xesto aterrorizado e sangue abundante que escoa desde a boca. Si, sangue, non viño ou zume da arandos, sangue como o que vomita o touro nas horrísonas touradas, cando o matador lle espeta no lugar mortal a espada. Dígaseme como se pode interpretar o trío muller-sangue no rosto-terror na expresión como un produto da estética gore, con suposta finalidade rompedora ou superlativamente rechamante. Aínda que así fose, ¿temos, as-os nacionalistas galegas-os de hoxe, que converternos en seguidores ou copistas do expresionismo barato exportado desde os USA e outros centros do capitalismo mundial? ¿Non lle poderiamos dar á cabeza e á imaxinación para facermos hoxe o que, no seu día, fixeron un Castelao, un Maside, unha Maruxa Mallo, un Luís Seoane? Digo para facer o que eles fixeron: INNOVAREN desde dentro da arte galega e ao seu servizo, non acoplar clonicamente modelos de filmes serie B, como os que inzan no cinema e na televisións (os filmes “de medo” da miña infancia-adolescencia producían, efectivamente, medo; hoxe, inzan os que producen sen máis noxo, vontade de trousar; falo de expresionismo barato por esa imposición da emocionalidade máis visceral e irracional para decatármonos non da violencia do sistema, claro está, senón da que el fabrica e exhibe para se defender e xustificar).

Digan o que dixeren, a asociación con actos de violencia e agresión contra as mulleres é patente. É dáse a circunstancia de que, na vida real, proliferan ao ponto de seguiren aumentando, en listaxe terrorífica, as mulleres asasinadas porque tiveron a ocorrencia de deixaren de ser propriedade dos que se consideraban os seus posuidores. En toda a parte, tamén aquí, ao noso lado (rapaza morta de morte matada en Narón, hai ben pouco).

Obxectaráseme que esta é unha interpretación parcial e que para nada fixo parte da intención dos autores. Dando isto por certo, claro está, retruco lembrando que unha cousa é a intención e unha outra o resultado e a acumulación histórico-cultural. Explícome. Venme ao recordo unha maravilla de mesa grande, de comedor, que teñen na súa casa, por herdanza familiar, unhas amigas miñas. Ten máis de cen anos e é unha das probas da arte acabada dos nosos carpinteiros e artistas. Nos seus extremos, están taraceadas, inscritas nun cuadrado, cruces gamadas, que, sendo símbolo solar, aparecen xa, como se sabe, no antigo Exipto e noutras culturas. Tendo sido utilizadas por quen foron, o nazismo alemán e todo o seu aparato de propaganda e terror, ¿a alguén se lle ocorrería utilizalas hoxe impunemente, abstractamente? Imaxinemos que a min se me ocorrese dignificar a imaxe dun animal como o burro, por traballador, manso e até terapéutico, e colocase unhas orellas de idem na testa dun personaxe coñecido de nós? ¿Sería admisíbel? ¿Tería hipótese de éxito explicativo se teimase en defender que para nada me refería á inepcia do personaxe senón á nobreza do animal?

Animo a autores e promotores deste cartaz a perderen uns minutos do seu tempo para matinaren no seguinte: ¿permitiríanse algún tipo de equívoco nun cartaz destas características que pudese ter connotacións homofóbicas, racistas ou burlescas para calquer colectivo caracterizado? ¿Por que, entón, se utiliza a imaxe dunha rapaza aterrorizada, por que se utiliza unha imaxe feminina? Se tan benévola e non atacante é a imaxe, por que non se utilizou, no canto dunha persoa descoñecida, a dun-ha personaxe pública e coñecida? ¿Gostaríanos? ¿Consentiríamolo? As dúas insignias ou pins que porta a rapaza son identificadores claros do nacionalismo galego. ¿Acaso se quer asociar este con tal recital de noxo e de grima? ¿A quen se pretende conquistar con imaxes como esta? ¿A que tipo de público que acode masivamente ao Festigal se pretende atraír?


  ¿Non seremos capaces de impresionar, conmover, surprender, asustar, animar… doutro xeito?

En Decembro de 1995 (VII Asemblea Nacional, Ferrol), ficou aprobada unha importante innovación na doutrina política do BNG. Consistiu en adoptar como un ben político a necesidade do feminismo, mesmamente por ser resposta e alternativa a unha cárrega enorme de discriminacións, disfuncións, invisibilidade ou secundarización. ¿Estamos dispostas e dispostos a pasarmos do papel ás decisións técnico-políticas, que han de ser acordes co pensamento e o impulso dunhas prácticas de que nos dotamos? Insisto en que non xulgo intencións, en absoluto, senón resultados. Seméllame ouvir alguén: ¿que máis ten?; non é para tanto!; total, non é máis que un cartaz! Daquela, para que se edita e se pasa o traballo da escolla? Porque, desde logo, as imaxes acompañantes da referencia (como na peregrinaxe a S. Andrés de Teixido, vai de morto quen non vai de vivo…) son calquera cousa menos “espontáneas”… ¿Será moito pedir que os responsábeis de tal iconografía saiban a reacción de repudio e de indignación que provoca en públicos moi diferentes, todos eles asistentes ao Festigal?


Coido que a Executiva do BNG, con bon criterio, paralisou a distribución do cartaz, ficando viva a outra imaxe, onde catro rapaces -dous e dúas- debidamente pintarraxeados queren asustar non se sabe quen: confundimos o Festigal co “tren de los horrores” da miña infancia? Quizabes que si e esta infantilización sexa o signo dos tempos. Mais recordo que xa non hai bourgeois a quen épater, porque é agora el o que está detrás desta estética da fealdade programada. ¿Non seremos capaces de impresionar, conmover, surprender, asustar, animar… doutro xeito? Eu espero que si, tanto na asistencia multitudinaria á manifestación do Día da Patria Galega como ao Festigal, sen necesidade de truculencias, por riba asociábeis ao máis deplorábel da conduta masculina, porque, desde logo, a feminina retratada non transmite actividade, rol público, ruptura de tradicións inmobilistas ou valentía social, e si transmite -imaxe contra unha parede- indefensión, parálise e terror ante o que ve. E isto non é unha interpretación: é a montaxe que se utiliza, supostamente para que vaiamos visitar o café concerto, as zonas de xantar, asistamos a debates e presentacións de libros, paseemos por todos os postos etcétera. Bon é que a realidade é bastante máis amena e atractiva do que as imaxes que a anuncian!

Comentarios