Opinión

Ilegalizar o Partido Popular (e 6). Luis “El Cabrón” e as contas do PP

Que difícil é titular un artigo! Este mesmo ía levar por título Bárcenas, “un ejemplo de decencia” (así era definido polo PP), que cambiei por outro, recollido no sumario da trama Gürtel. Na contabilidade B de Francisco Correa aparecían anotacións sobre pagos de diñeiro a “L.B” e a Luis, “El Cabrón”, que poden corresponder a Luis Bárcenas.

Que difícil é titular un artigo! Este mesmo ía levar por título Bárcenas, “un ejemplo de decencia” (así era definido polo PP), que cambiei por outro, recollido no sumario da trama Gürtel. Na contabilidade B de Francisco Correa aparecían anotacións sobre pagos de diñeiro a “L.B” e a Luis, “El Cabrón”, que poden corresponder a Luis Bárcenas. 

O PP sempre defendeu a Bárcenas pola súa folla de “servizos” ao partido desde 1982 e por iso recorreu dúas veces a súa imputación. A pesar de que agora no PP todos din que non saben nada deste home, Bárcenas era un dirixente do PP de plena confianza e por iso foi nomeado responsábel de Finanzas, a proposta de Rajoy, no congreso do PP de xuño de 2008.

Ao día seguinte de que Garzón presentase indicios de criminalidade contra Bárcenas e outros militantes do PP, Rajoy declaraba: “Estoy seguro de que nadie podrá probar que no son inocentes”. Bárcenas non só tivo un apoio total do PP, senón que mantivo o seu despacho, xunto ao de Rajoy, na sede central do partido e o PP pagoulle o avogado. Cando cesa como tesoureiro, o PP saía, novamente, na súa defensa: “Demostrará su inocencia frente a las falsas imputaciones de las que ha venido siendo objeto”. Non se quedaba atrás Javier Arenas, que declaraba en xuño de 2009: “Bárcenas es un ejemplo de buen trabajo, profesionalidad y, en nuestra organización, siempre ha sido un ejemplo de decencia". O 28 de xullo de 2009 unha nota de prensa oficial do PP dicía: “El Partido Popular confía en la inocencia de Luis Bárcenas y en que así se demostrará en los Tribunales de Justicia. El Partido Popular quiere manifestar su reconocimiento a los más de 28 años de servicios de Luis Barcenas a nuestro partido, que han sido un ejemplo de profesionalidad y buen hacer”.

"O PP sempre defendeu a Bárcenas pola súa folla de “servizos” ao partido desde 1982 e por iso recorreu dúas veces a súa imputación".

O xuíz Garzón imputaba a Luis Bárcenas en marzo de 2008 por cobrar presuntamente 1,3 millóns de euros da trama Gürtel, por facilitar a Correa contratos co PP durante anos, mais este dirixente do PP continuou dous anos máis como tesoureiro do seu partido até que se levanta o segredo de sumario da trama Gürtel en abril de 2010. Poucos días despois pedía a baixa como militante, deixaba o seu escano de senador por Cantabria, que ocupaba desde 2004, e cesaba no cargo de tesoureiro. Podemos estar ante o caso máis grave de corrupción política e de presunto financiamento ilegal dun partido político nos últimos anos. En xaneiro de 2013 coñecemos que Luis Bárcenas tiña contas en Suíza cun saldo superior a 22 millóns de euros. “Resulta sorprendente”, dicía Esperanza Aguirre, que ninguén da dirección nacional do PP soubese nada da existencia desas contas de Bárcenas en Suíza. Bárcenas ten varios frontes abertos coa xustiza. En relación co caso Gürtel está imputado por branqueo de capitais, suborno e un delito contra a facenda pública, mais tamén está imputado desde maio de 2011 polo suposto financiamento irregular do PP valenciano nos comicios locais e autonómicos de 2007 e xerais de 2008, segundo a causa aberta polo Tribunal Superior de Xustiza de Valencia 

> "Entre 1997 e 2008 Rajoy habería recibido 322.231 euros en 35 entregas"

O ex–deputado do PP, Jorge Trías Sagnier, nun artigo en El País, titulado “Sombras o certezas”, recoñecía o pago deses sobresoldos en negro no PP: “Ellos tienen los documentos o información suficiente. Llevaban esa contabilidad B, cuando la hubo, de las donaciones personificadas y de las anónimas –legales hasta hace unos cuatro o cinco años– y de a quiénes o a qué menesteres se destinaba ese dinero. No pueden esconderse ni mentir. Por lo que yo pude saber, sí se entregaban sobres con dinero en efectivo que servían como complemento del sueldo que percibían algunos dirigentes”. Esa contabilidade de Bárcenas recollía ingresos de 7,5 millóns de euros en 15 anos: de 1990 a 1992 e de 1997 a 2008. Desa cantidade o 70 % das doazóns rexistradas, é dicir, 5 millóns, incumpriron a lei de financiamento de partidos políticos porque superaban o máximo de 60.000 euros ou porque procedían de empresas que tiñan contratos vixentes coas administracións públicas.

Entre as doazóns das empresas ao PP, que figuraban nos papeis de Bárcenas, hai que destacar as anotacións de Juan Miguel Villar Mir (OHL) con 530.000 euros; Luis del Rivero (Sacyr) cun total de 380.000 euros; José Mayor Oreja (FCC), irmán de Jaime, con 165.000 euros: Nos anos que realizaron esas entregas, as citadas construtoras tiñan 6.600 millóns de euros en obras de administracións públicas. Tamén Mercadona entregaría 240.000 euros. Os pagos concéntranse, curiosamente, en 2004 e 2008, que foron anos de eleccións xerais. Aparecen tamén con doazóns empresarios vinculados á trama Gürtel (Alfonso García Pozuelo, Pablo Crespo) e Juan Cotino, da empresa valenciana de servizos Sedesa, que fixo unha doazón de 200.000 euros.

"Os pagos concéntranse, curiosamente, en 2004 e 2008, que foron anos de eleccións xerais"

Unha reportaxe de Ignacio Escolar en eldiario.es, de 26 de febreiro de 2013, demostraba que as doazóns rexistradas por Bárcenas coinciden con adxudicacións de obras por parte de administracións públicas controladas polo PP. Así, o concello de Madrid adxudicaba a OHL o 15 de outubro de 2004 a construción dunha nova saída á M-30 por 25 millóns de euros. Catro días despois nos papeis de Bárcenas aparecía a anotación dunha doazón de Juan Miguel Villar Mir, presidente desa empresa, de 100.000 euros. Sacyr recibía a adxudicación das obras de prolongación do Metro de Madrid que superaba os 150 millóns de euros. Unha semana despois, o 15 de setembro de 2004, Luis del Rivero, pasaba por caixa e entregaba unha doazón de 120.000 euros ao PP. Os hospitais de Coslada, Parla, Sureste, Torrejón e Vallecas, da Comunidade de Madrid, foron construídos por Sacyr, FCC, OHL e Ploder, empresas que aparecían con doazóns nas listas secretas de Bárcenas. Que casualidade!

Por outra banda, hai datos que non cadran. Segundo informes da policía, Bárcenas cobrou 600.000 euros procedentes da Constructora Hispánica (270.000 euros en febreiro de 2002 e 330.000 en decembro de 2003), máis neses cadernos de Bárcenas só aparecen doazóns desa empresa, por un total de 144.000 euros (menos do 25%).

Nun primeiro momento o PP negou todo e dicían que as notas de Bárcenas eran unha falsidade. Despois, cando se foron confirmando algúns dos apuntes, dixeron que todo era falso, excepto algunhas cousas. Que dirán mañá? Pode que todo sexa un invento e que os apuntes que aparecen nos papeis de Bárcenas –“Trajes Mariano, 9.100 euros”, en decembro de 2006; “Trajes Mariano, 11.020 euros”, en abril de 2008; “Corbatas presidente, 667 euros”, en xuño de 2006– sexan produto da imaxinación dun escritor afeccionado.

Algunhas persoas que aparecían neses documentos confirmaban a veracidade dos apuntes de Bárcenas. Así, Calixto Ayesta, membro da executiva do PP en Navarra, recoñecía que recibiu 3.900.000 pesetas do PP entre 1991 e 1992 cando foi nomeado conselleiro de Sanidade do Goberno de Navarra, como compensación por deixar a súa consulta de dermatólogo. Santiago Abascal Escurra, membro do PP na deputación de Álava, recoñecía que recibiu dous millóns de pesetas en 1999, pero que non lembraba onde, nin como recibiu ese diñeiro.

Aparecían tamén nesas anotacións de Bárcenas varios ingresos procedentes de Galiza entre xaneiro de 1997 e maio de 1998, cun total de 18,9 millóns de pesetas (un de 5 millóns, catro de 3 millóns e outro de 1,9 millóns). Por outra banda, aparecen uns ingresos de Pablo Crespo por un total de 26 millóns de pesetas (21 en maio de 1999 e 5 en xullo de 2000). O PP de Galicia non deu unha explicación desas anotacións.

"Nesas anotacións de Bárcenas varios ingresos procedentes de Galiza entre xaneiro de 1997 e maio de 1998, cun total de 18,9 millóns de peseta"


Un informe da Unidade de Delitos Económicos y Financeiros (UDEF) sinalaba que as actividades económicas de Bárcenas no permitían xustificar a fortuna do ex–tesoreiro do PP en Suíza: “Las operaciones de carácter inmobiliario que constan inscritas en los registros oficiales realizadas tanto por Luis Bárcenas como por su mujer Rosalía Iglesias Villar, tres en total, indican unos beneficios totales de 324.545 euros”. “No consta la participación ni directa ni indirecta en operaciones de compraventa de obras de arte”. A esposa de Bárcenas tamén aparecía implicada xa que, segundo a Oficina Nacional de Investigación do Fraude (ONIF), en 2007 non tiña traballo e ingresou 11 millóns de euros nunha conta de Caja Madrid.

Que hai detrás de toda esta trama? Ademais doutras batallas, estamos asistindo a unha guerra interna por facerse co control do PP. O que ninguén pode ocultar son as gravísimas responsabilidades de Rajoy, xa que era coñecedor dos contratos que as empresas da trama Gürtel firmaban coas administracións gobernadas polo PP; coñecía a relación desas empresas con Bárcenas e, a pesar de todo iso, nomeou a Bárcenas tesoureiro do PP.

O mesmo día que Cospedal manifestaba que Bárcenas deixou de ter relación co PP en abril de 2010, este declaraba ante o xuíz que chegou a ter 38 millóns de euros en Suíza; que entre 1999 e 2007 o PP recibiu 33 millóns de euros en doazóns (23,7 tiñan unha procedencia anónima), que Bárcenas e o PP se negaban a detallar. Os avogados de Bárcenas presentaban ese mesmo día unha “Demanda de despido improcedente, previa a la vía jurisdiccional laboral frente a la empresa Partido Popular”, na que dicía: “Trabajo para la empresa demandada desde el 2 de marzo de 1982 con la categoría de licenciado, habiendo ostentado el cargo de Gerente Nacional hasta el mes de junio del año 2008, pasando a ser Tesorero del Partido hasta marzo del 2010, fecha en que ceso en dicho puesto y paso a ser asesor del partido, con un salario mensual de 21.300 euros. No estoy de acuerdo con esta baja causada por la empresa toda vez que todavía hasta la fecha el que suscribe no ha tenido conocimiento de que la Empresa haya prescindido de mis servicios, ni haya extinguido mi relación laboral”.

A demanda de Bárcenas deixaba moi claro que as declaracións de Rajoy, Cospedal e outros dirixentes do PP eran unha mentira continuada. Non había unha finalización da relación laboral de Bárcenas co PP e neses 23 meses como “asesor” Bárcenas cobrou 489.900 euros. Dan a Bárcenas de baixa na Seguridade Social o 31 de xaneiro de 2013, curiosamente, o mesmo día que El País publica os papeis secretos de Bárcenas cos ingresos por doazóns e o pago de sobresoldos a dirixentes do PP.

"Gravísimas responsabilidades de Rajoy, xa que era coñecedor dos contratos que as empresas da trama Gürtel firmaban coas administracións gobernadas polo PP"

Non acaban aquí as iniciativas de Luis “El Cabrón” porque denunciaba ao PP por entrar no seu despacho na sede central do PP e roubarlle dous ordenadores persoais e, posteriormente, outra denuncia por maltrato laboral o pasado 5 de marzo ante a Dirección Xeral de Traballo en Madrid.

O PP presentaba o 6 de marzo unha demanda civil contra a empresa editora de El País e contra "el autor de los falsos papeles publicados que, según dicho medio de comunicación, es Luis Bárcenas, aunque él lo haya negado públicamente y ante la Fiscalía Anticorrupción" (con esta frase o PP evitaba presentar directamente a demanda contra Bárcenas) por vulneración do dereito ao honor e un dano á imaxe e prestixio dos demandantes. Segundo o PP, Ángel Acebes, Javier Arenas, Jaime Mayor Oreja y Rodrigo Rato "han emprendido las mismas acciones legales que el Partido Popular, por entender que se ha vulnerado su derecho al honor".

Curiosamente, o PP non demandaba a El Mundo a pesar de que foi este xornal o primeiro en publicar o 19 de xaneiro de 2013 que Bárcenas pagou con diñeiro negro, cada mes e durante vinte anos, sobresoldos a secretarios executivos, cargos públicos e outros membros do aparato do partido, que procedían de construtores, empresas de seguridade e doazóns.

Estamos ante uns feitos de extrema gravidade porque, ademais do tema do posíbel financiamento ilegal do PP, se os papeis de Bárcenas son auténticos, o PP e os empresarios que aparecen nesa contabilidade terían incorrido nun fraude de lei porque, segundo a lei electoral, as empresas que teñen obras contratadas coas distintas administración, non poden realizar doazóns aos partidos políticos.

"Se estamos diante dunha estrutura perfectamente organizada para realizar actividades tipificadas como delito e un financiamento ilegal do PP habería que pedir a ilegalización deste partido"

Se o PP non respecta os principios democráticos que deben inspirar a actuación de toda organización política, cómpre unha mobilización cívica para impedir que o PP continúe con estas prácticas e se, como todo parece indicar, non estamos ante feitos illados, senón ante unha estrutura perfectamente organizada para realizar actividades tipificadas como delito e un financiamento ilegal do PP, como quedou demostrado nesta serie de artigos, habería que pedir a ilegalización deste partido.

Comentarios