Opinión

Ilegalizar o PP (5). Baltar, de "cacique bueno" a prevaricador

“Yo soy un cacique, vale, pero un cacique bueno”; esta era a autodefinición de José Luis Baltar, cando era presidente da Deputación de Ourense. Comportábase como un auténtico señor feudal e por iso manifestaba: “Vosotros sois mis trabajadores, no los trabajadores de la Diputación”. Despois foi acusado pola Fiscalía de “prevaricación continuada”.

“Yo soy un cacique, vale, pero un cacique bueno”; esta era a autodefinición de José Luis Baltar, cando era presidente da Deputación de Ourense. Comportábase como un auténtico señor feudal e por iso manifestaba: “Vosotros sois mis trabajadores, no los trabajadores de la Diputación”. Despois foi acusado pola Fiscalía de “prevaricación continuada”.

O caciquismo en Ourense ten a súa máxima expresión no goberno da Deputación provincial. Como declaraba o mesmo presidente, José Luis Baltar, “Ya todo el mundo sabe que soy un cacique, pero a mí me siguen votando y a ellos no”-

As ilegalidades na deputación de Ourense veñen de lonxe. O maxistrado–xuíz do Xulgado do Contencioso Administrativo nº 1 de Ourense, Francisco de Cominges, atendía a demanda dun opositor e ditaba sentenza, considerando ilegal o sistema que utilizaba a Deputación ourensán para contratar o seu persoal laboral temporal desde o ano 2003. O xuíz consideraba que o procedemento seguido “infringe los principios de interdicción de la arbitrariedad, publicidad, seguridad jurídica, transparencia y objetividad que rigen este tipo de procesos selectivos”. O xuíz puña tamén en cuestión que os estatutos do Instituto Ourensán de Desenvolvemento (INORDE), que depende da Deputación, teña exclusivamente persoal laboral. Consideraba o xuíz que debería contar tamén con funcionarios, xa que desenvolve competencias propias da Deputación.

Chove sobre mollado xa que outra sentenza xudicial de 2001 apuntaba a irregularidades nas contratacións a través dunhas oposicións en 1998 (conseguiron praza de funcionarios tres fillos de cargos públicos do PP) e que o presidente, José Luis Baltar, non debería haber participado no tribunal. Tiveron que repetirse esas oposicións. Outro opositor conseguiu en 2011, a través dunha denuncia ao Valedor do Pobo, que a Deputación de Ourense modificase a súa oferta de emprego público, reservando as prazas que a lei establece na administración para as persoas que teñen discapacidade.

"Chove sobre mollado xa que outra sentenza xudicial de 2001 apuntaba a irregularidades nas contratacións a través dunhas oposicións en 1998"

O Plan Daredo 2002-2004 tiña un presuposto de 5.320.000 euros e permitiu a posta en marcha de 38 depuradoras para dar servizo a núcleos de poboación da provincia de Ourense non superiores a 500 habitantes. O prego de condicións do concurso podería estar deseñado a medida da empresa adxudicataria –Soluciones Medioambientales y Aguas (SMASA)– xa que esixía unhas condicións técnicas e uns prazos difíciles de cumprir. A oposición denunciaba que Rogelio Martínez –alcalde de Arnoia polo PP durante trinta anos, ex–vicepresidente provincial e delegado territorial da Xunta na actualidade– foi quen xestionou todo o relacionado con este proxectos das depuradoras e que tiña relacións familiares coa empresa adxudicataria. Tamén podería estar baixo sospeita a rehabilitación de seis estacións de tren en desuso para dinamizar o turismo rural na provincia, cun presuposto de 6,2 millóns de euros. A maioría desas infraestruturas seguen sen uso ou non teñen o destino proxectado inicialmente. A Audiencia Nacional condenou en 2009 a Martínez, cando era alcalde de Arnoia, a devolver fondos cobrados da UE por obras inexistentes. A Audiencia Provincial ordenaba en 2012 a reapertura do proceso (arquivado por un xulgado local por prescrición dos posíbeis delitos) contra Rogelio Martínez por presuntos delitos de estafa, falsidade documental e prevaricación vencellados á xestión de fondos europeos. Martínez cobrou subvencións de até 51.000 euros, cando era alcalde de Arnoia, para a realización dunhas obras dentro do programa comunitario Leader que, segundo o xuíz instrutor, "nunca chegaron a executarse". Malia a acusación, o presidente da Xunta non lle pediu a demisión e mesmo volveu a nomealo delegado após recuncar na presidencia do executivo galego.

Esta corrupción continuada é investigada tamén na UE. Dous técnicos da Oficina Europea de Loita Antifraude (OLAF) visitaban Galiza en febreiro de 2012 para investigar posíbeis fraudes da Deputación de Ourense na xestión de fondos comunitarios. Despois dunha pregunta de Ana Miranda, eurodeputada do BNG, o comisario de Fiscalidade, Auditoría e Loita contra o Fraude, o lituano Algirdas Semeta, contestaba en abril dese ano que existía unha investigación e que hai un expediente aberto porque “existen sospeitas suficientemente fundadas de que se cometeron actos de fraude, corrupción ou outros actos ilegais, que afectan aos intereses financeiros da UE”. Un portavoz da OLAF informaba que a investigación se debía a “posíbeis irregularidades en relación a dous proxectos de plantas de tratamento de augas en Ourense”. O presidente da Deputación, José Manuel Baltar Blanco, do PP, definía esta investigación como “simples verificacións técnicas” e acusaba ao BNG de “vilipendiar” a imaxe dos funcionarios provinciais.

"Antes de ceder a Presidencia ao seu fillo, tivo tempo de incrementar a cadro de persoal en 75 persoas"

Antes de ceder a Presidencia ao seu fillo, tivo tempo –desde o 1 de xaneiro de 2012 até o 6 de febreiro dese ano, que tomou posesión José Manuel Baltar– de incrementar a cadro de persoal en 75 persoas, 15 delas relacionadas co PP: formaron parte das súas listas electorais, foron compromisarios no Congreso que elixiu ao seu fillo ou eran familiares dalgún cargo público. O mesmo día que se despedía do cargo deixaba preparadas dez novas contratacións, entre elas dous fillos de deputados provincias do PP.

Baltar fillo non quedaba atrás e desde que inicia o seu mandato até o 30 de abril de 2012 daba de alta a outras 75 persoas. Quedaba claro que a Deputación de Ourense é un exemplo de clientelismo ao servizo do PP. E Feijoo non dixo nada.

O Fiscal Xefe da Audiencia Provincial de Ourense, Florentino Delgado, presentaba o 28 de decembro de 2012 unha querela contra José Luís Baltar por un presunto delito de prevaricación continuada por aplicar reiteradamente un procedemento irregular na contratación de 104 persoas (pode haber outros 76 casos, realizados posteriormente) na Deputación de Ourense para familiares e persoas integrantes de listas do PP, nas semanas previas ao congreso provincial do PP de xaneiro de 2010, que levaría ao seu fillo á Presidencia. O Fiscal acusaba a Baltar de crear un estado “clientelar” político a través das contratacións, que se realizaron sen “ningún tipo de procedimiento reglado”. Rajoy dicía en 2009 nunha visita electoral a Ourense: “Baltar es el PP”. Claro, e Gerardo Conde Roa e Francisco Camps e Jaume Matas, que son a corrupción.

Despois de tomar declaración sobre as contratacións de persoal aos xefes de servizo, que descargaron toda a responsabilidade en José Luis Baltar, a Fiscalía concluía que “fueron elegidas por el propio presidente de la Diputación sin sometimiento a los mínimos principios que rigen la contratación pública …siendo el único criterio de contratación un mero acto arbitrario de designación de los contratados por él mismo”. Pola súa parte, o secretario da deputación, Francisco Cacharro Gosende, corroboraba a ilegalidade do proceso, declarando ante o xuíz que os 104 contratos de José Luis Balatar, que centraban a querela da Fiscalía, “incumplieron el trámite previsto en relación a la publicación del concurso”. Cando o xuíz chama a declarar a algunhas das persoas contratadas a dedo, explicaron que había 32 porteiros para un Centro Cultural (parece ser que quedaron reducidos a 16) e que a súa función era “colocar sillas, colocar catálogos cuando hay exposiciones y vigilar las dos puertas abiertas al público”. O xuíz preguntaba como é posíbel que a maioría dos contratados sexan militantes do PP ou familiares de afiliados a ese partido, e José Luis Baltar contestaba que era “casualidad”.

"O xuíz preguntaba como é posíbel que a maioría dos contratados sexan militantes do PP ou familiares de afiliados a ese partido"

José Manuel Baltar Blanco vetaba o 18 de xaneiro de 2013 a creación dunha comisión para investigar as numerosas contratacións irregulares realizadas polo seu pai durante vinte anos como presidente da deputación de Ourense. En pleno proceso dun ERE que afectaba a 31 traballadores da deputación, contrataba como asesor en asuntos de política cultural a César Manuel Fernández Gil, portavoz do PP en Ribadavia, cun custe anual para a deputación de máis de 30.000 euros; e a José Jesús Cudeiro (ex–xerente de UrbaOurense) como asesor técnico de presidencia, cun custe anual de 80.000 euros. O “cacique bueno” pode acabar condenado por “prevaricación continuada”. Próximo capítulo: Luis, “El Cabrón”.

Comentarios