Opinión

Ilegalizar o PP (4). A corrupción nos concellos galegos

Pode haber tramas coma a Gürtel e non hai que saír de Galiza. Isto é só unha pequena mostra da corrupción e financiamento ilegal do PP en Galiza.En Gondomar a corrupción urbanística foi noticia durante os últimos anos.

Pode haber tramas coma a Gürtel e non hai que saír de Galiza. Isto é só unha pequena mostra da corrupción e financiamento ilegal do PP en Galiza.

En Gondomar a corrupción urbanística foi noticia durante os últimos anos. O BNG consegue a alcaldía nas eleccións municipais de 2007 e comprométese a acabar con esa situación. Aqueles que se beneficiaban da corrupción non podían permitir esa rexeneración democrática e roubaban a alcaldía ao BNG a través dunha moción de censura que firmaron o PSOE (foron expulsados do partido), PP e o partido Móvete Gondomar.

Unha sentenza dun xurado popular consideraba, por unanimidade dos nove integrantes, que os concelleiros do PP Alejandro Gómez Garrido, de Urbanismo, José Luis Mosquera Veleiro, portavoz municipal e concelleiro de Cultura, e Francisco de Borja Ramilo, arquitecto contratado pola firmas extorsionadas, formaban unha trama para cobrar 540.000 euros –960.000 euros segundo o fiscal– de tres promotoras, a cambio de facilitar o desenvolvemento dos convenios urbanísticos firmados co concello. O destino deses cartos era financiar o PP en Uruguay (“cada cuatro años se le manda dinero por dar muchos votos”) e o citado partido independente. A Audiencia Provincial de Pontevedra condenaba os concelleiros do PP a unha multa de 675.000 euros por tres delitos de suborno –o fiscal solicitaba 1,92 millóns de euros para cada concelleiro e sete anos de inhabilitación– e non ingresaron no cárcere porque recualificar non é delito.

"Pode haber tramas coma a Gürtel e non hai que saír de Galiza"

Pero non acaba aquí o “culebrón” de Gondomar. A Audiencia de Pontevedra condenaba a seis meses de prisión e sete anos de inhabilitación a Carlos Silva Mariño, concelleiro de Gondomar, deputado provincial do PP e vicepresidente da Deputación, por un deleito de prevaricación urbanística. Dimitía dos seus cargos políticos, o mesmo que o concelleiro do PP, Ángel Gregores, porque formaban parte da Xunta de Goberno Local que o 17 de xaneiro de 2006 outorgaba unha licenza a unha filla dun funcionario de Urbanismo, sabendo que o Plan Xeral de Urbanismo estaba anulado.

Alfredo Rodríguez foi alcalde de Nigrán polo PP entre 2004 e 2007. Non se presentou como candidato en 2007 polo desgaste político que sufriu na elaboración do polémico Plan Xeral de Urbanismo. Pero segundo sentencia do Xulgado número 2 de Vigo, que coñecemos en agosto de 2010, pagou con fondos públicos parte da campaña de Alberto Valverde, o seu sucesor en 2007 como candidato á alcaldía polo PP.

José Antonio Rodríguez Ferreiro, ex alcalde de Os Blancos foi condenado a 5,3 anos de cárcere por prevaricación, falsidade e malversación de fondos por utilizar irregularmente 200.000 euros das arcas locais. Roberto Vázquez Souto, alcalde de Portas, foi condenado á suspensión de cargo público durante un ano por adxudicacións a empresas que subcontrataban a firmas do seu ámbito familiar. Posteriormente o alcalde de Portas foi condenado o 23 de agosto de 2012 a pagar 315.000 euros por un delito contra a Facenda Pública, xa que evadiu impostos na súa empresa construtora e falsificou documentos. Continuou como alcalde porque un mes antes solicitaba a baixa provisional no partido xunto a todos os seus concelleiros.

A Xunta de Galicia de Feijoo resolvía en 2010 un expediente contra a construtora Construcuatro –que anteriormente arquivara a Xunta de Fraga e que retomou en 2007 a conselleira de Vivenda, Teresa Táboas– polo cobro duns sobreprezos en pisos protexidos no barrio vigués de Navia. Telmo Martín, candidato á alcaldía do PP en Pontevedra e anteriormente alcalde de Sanxenxo, era socio desa construtora. A Xunta considera probado que Construcuatro encareceu o prezo dos pisos sociais en 62 dos 88 casos denunciados, que a promotora asumiu nunha declaración complementaria ante Facenda para evitar fraude fiscal. Faltoulle tempo ao PP para saír en defensa de Telmo Martín e o mantivo como candidato. Telmo Martín estaba implicado noutros asuntos como a construción en Sanxenxo dun edificio de seis plantas que invadía o dominio público da praia de Xilgar. Abríuselle unha investigación por esta actuación e o técnico da Xunta que instruíu o expediente en 2005 solicitaba unha multa 3.055.841 euros. O Consello da Xunta de 24 de novembro de 2011, que presidía Feijoo, acordaba perdoar esta multa á empresa de Telmo Martín.

En novembro de 2010 unha sentencia do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) condenaba o alcalde do PP de Melón (Ourense), Alberto Pardellas, a oito anos e medio de inhabilitación para exercer cargo público e ao pago de 120.000 euros por ter prevaricado na construción dun polideportivo, anexo ao mosteiro cisterciense de Santa María, catalogado como Ben de Interese Cultural (BIC), non facendo caso dos informes municipais e da Xunta, que advertían da ilegalidade. Todo quedaba na familia e Cristina Francisco, esposa de Pardellas, encabezaba a lista do PP en maio de 2011 e foi elixida alcaldesa. Seguía os pasos do marido e declaraba como imputada por un presunto delito de falsidade documental pola firma de certificados de traballos comunitarios a veciños do concello, que nunca se realizaron.

A policía detiña na Costa da Morte en xaneiro de 2011, dentro da chamada “Operación Orquesta”, a máis de dez persoas por presuntos delitos de prevaricación, tráfico de influencias, falsidade documental e subornos, vinculados á adxudicación irregular de obras públicas. Son investigados pola Unidade de Delincuencia Económica e Fiscal da Xefatura Superior de Policía de Galicia: José Manuel Traba, alcalde de Fisterra e deputado provincial polo PP, e os concelleiros do PP Santiago Insua, concelleiro de Cultura e Deportes, e Ramón Redonda, concelleiro de Obras; José Manuel Santos Maneiro, alcalde de Mazaricos e deputado provincial do PP; Ramón Ramiro Vigo, fora alcalde independente de Cee e gobernaba en coalición co PSOE, e Juan Bautista Areas Lestón, concelleiro de Obras. Era tamén detidos: Daniel Ogando e o seu fillo, Ramón, de Construcións Ogando, que teñen o negocio de palcos de música; Jorge Luis López Lago, representante de orquestras, que foi detido en 2003 nunha operación contra o narcotráfico. Os tres concellos implicados adxudicaron a Construcións Ogando en 2010 obras por un importe de 1,8 millóns de euros.

Corruptos e defraudadores aprovéitanse da lentitude dos xulgados galegos, como moi ben sinalaba Carlos Varela, Fiscal Xefe de Galiza: ”Rápidos en xulgar e condenar a un ladrón de bagatela e lentísimos en xulgar os defraudadores do erario público e os violadores da inocencia do país, sempre ben asesorados para facer durar os procesos ata o paraíso da prescrición”. Unha proba desa lentitude da xustiza foi o que sucedeu no concello de Ares onde o alcalde Manuel Cendán, do PP, gañaba as eleccións en 2003 por 43 votos, facendo trampas e despois de inscribir no censo dese concello a 73 persoas de fóra, que figuraban con residencia falsa: 31 persoas na propia casa do alcalde e outras en garaxes baleiros, casas en ruína etc. Estes feitos foron denunciados polo BNG e unha sentenza de marzo de 2012 condenaba ao ex–alcalde por fraude electoral a cinco anos de inhabilitación especial para cargo público. Co visto bo do seu partido, estivo dez anos cobrando de fondos públicos, primeiro de alcalde, de 2003 a 2007, e despois de concelleiro, até que o 26 de decembro de 2012 a Audiencia Provincial da Coruña desestimaba o recurso de apelación interposto por Cendán. Onde queda o código ético do PP?

"Deu o PP algunha explicación destes casos de corrupción e financiamento ilegal do partido?"

Era de dominio público que cando Gerardo Conde Roa era xefe da oposición municipal en Santiago, acumulaba débedas co concello por máis de 7.000 euros por non pagar o Imposto de Bens Inmobles da súa promotora Geslander de Edificación S.L. Tamén era público que non cumpría con Facenda, xa que entre o 12 de febreiro de 2010 e o 12 de abril de 2011, a Axencia Tributaria publicaba no BOE 18 notificacións de embargo por demora de pagos da súa empresa. Tal e como recollía o BOE eran “incidencias judiciales en fases ejecutivas que indican que la sociedad no está al corriente en el cumplimiento de sus obligaciones con Hacienda, con la Seguridad Social o las Administraciones Locales y Autonómicas”. Por outra parte, era deputado no Congreso antes de acceder á Alcaldía de Santiago, cando era incompatíbel coa súa actividade empresarial. O 3 de abril de 2012 saltaba a noticia de que a Fiscalía imputaba ao alcalde de Santiago do PP e administrador único de Geslander por un presunto delito contra a Facenda Pública, tipificado no artigo 305 do Código Penal, por non declarar o IVE dunha venda de 61 vivendas por un importe de 4.059.142 euros. O fraude fiscal era de 291.289 euros, que era a diferenza entre o que tiña que declarar -300.810 euros do IVE, que si cobrou aos clientes- e os 9.521 euros que declarou. Como puido presentar o PP a Gerardo Conde Roa como candidato á alcaldía de Santiago, coñecendo a súa traxectoria política e os seus antecedentes defraudadores? Que autoridade moral pode ter un alcalde para esixir o pago dos impostos municipais, cando é o primeiro que incumpre as súas obrigas tributarias?

Deu o PP algunha explicación destes casos de corrupción e financiamento ilegal do partido? En absoluto; declaraban que non sabían nada. Aínda máis, Alberto Núñez Feijoo sacaba peito e pedía os demais partidos que actuasen coa mesma celeridade coa que o PP rompeu relacións con algúns destes cargos público. E Cristóbal Montoro declaraba que o seu partido se presentaba ás eleccións xerais de novembro de 2011 como “bandera de regeneración democrática contra la corrupción”. ¡Manda carallo!

·Decenas de políticos imputados, mais a cidadanía non castiga electoralmente os corruptos·.

Cando se desata a chamada “Operación Campeón” na que eran detidos o director xeral e subdirector do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), por presunto fraude en subvencións públicas, Núñez Feijoo negábase a dar explicacións, co argumento de que “a mí me llegan los principios éticos y la supremacía moral que me dan los gallegos con sus votos”. Carlos Fabra tamén pasaba olimpicamente dos tribunais de xustiza e declaraba, despois de ter bos resultados electorais en Castellón: “El pueblo me ha absuelto”. Noutras palabras, os votos que reciben exculpan aos dirixentes políticos de todo delito de corrupción. Esta é a orixinal forma de entender no PP a democracia e o mandato das urnas: se teño o voto da cidadanía recibo a absolución, independentemente do que decidan os tribunais de xustiza.


Seguen en marcha as chamadas operacións “Pokémon”, “Campeón” etc., con decenas de políticos imputados, mais a cidadanía non castiga electoralmente os corruptos. Cómpre unha maior implicación dos medios de comunicación na condena da corrupción e na educación da cidadanía na ética e valores democráticos. Habería que tomar medidas preventivas a nivel lexislativo porque, como sinala Carlos Varela, isto non é un fenómeno ocasional, senón unha “corrupción sistémica”. O Fiscal Xefe de Galicia sinalaba varias vías de actuación: aumentar a presión social para que os corruptos deixen os seus cargos públicos; creación dun órgano de vixilancia anticorrupción dedicado a previr desde a pedagoxía, identificando os posíbeis riscos e deseñando plans, de obrigado cumprimento, que favorezan a transparencia das Administracións; dotar á Fiscalía dunha estrutura máis especializada e con medios suficientes para poder abordar ese tipo de delincuencia. Próximo capítulo: Baltar, de “cacique bueno” a prevaricador.

Comentarios