Opinión

Ilegalizar o PP (2). A trama Gürtel e o financiamento ilegal.

O financiamento ilegal do PP non é un suposto, senón un feito comprobado a través de numerosas declaracións e informes da policía, que recolle o sumario sobre a trama Gürtel (palabra que significa correa en alemán).

O financiamento ilegal do PP non é un suposto, senón un feito comprobado a través de numerosas declaracións e informes da policía, que recolle o sumario sobre a trama Gürtel (palabra que significa correa en alemán). José Luis Peñas, ex–concelleiro do PP en Majadahona, que destapou esa trama en 2007, explicaba a conexión co PP: “El PP es el PP de Gürtel, un partido corrupto y trufado de corrupción desde el primer dirigente al último. Si miro a los dirigentes actuales del PP lo único que veo es Gürtel por todas partes".

O xuíz Baltasar Garzón comezaba a instrución do sumario desa trama despois da denuncia do citado concelleiro do PP da comunidade de Madrid. Esta era a opinión que tiña do seu partido: “El partido al que pertenecí durante muchos años es un partido corrupto. Pero me vengo arriba cuando me comparo con sus dirigentes, cuando veo a Cospedal mintiendo continuamente, cuando veo a Rajoy, que no tiene verguenza ni perdón de Dios. Yo intenté hablar con los dirigentes, pero no quisieron escucharme. Todos sabían lo que estaba pasando y no hicieron nada".

Peñas explicaba que o proceso para conseguir as doazóns ou comisións das empresas partía dunhas instrucións da dirección do PP: "En mi declaración ante el Tribunal Superior de Justicia de Madrid, muy al principio de la investigación, en 2009, yo conté un encontronazo que tuve con Guillermo Ortega [que fue alcalde de Majadahonda cuando Peñas era concejal] porque me dice que ha venido un fax del PP en el cual nos exigen que ayudemos a una serie de empresas que son las que a su vez ayudan al PP. Y este fax viene de la tesorería del PP justo después de una campaña". (
público.es, 1-2-2013).

Segundo investigación da policía, Francisco Correa, dirixente da Gürtel, facía de intermediario para cobrar as comisións ilegais, unha especie de “imposto revolucionario” que había que pagar a este partido para conseguir obras públicas. Nunha conversación con José Luis Peñas, gravada por este e que figura no sumario, Correa manifestaba: “Le he llevado a Bárcenas 1.000 millones de pesetas. Se lo he llevado a Génova (sede del PP) y a su casa. Todo de adjudicación de obras de Fomento, cuando estaba Cascos, 1.000 quilos. Sé dónde los tiene, cómo los saca de España y el paraíso fiscal”. (El País, 4-2-2013). Todo isto demostra que hai unha estreita relación entre Gúrtel e o financiamento ilegal do PP, a través de Luis Bárcenas, que era quen controlou durante máis de vinte anos (como xerente e tesoureiro) as finanzas do PP.

"Francisco Correa facía de intermediario para cobrar as comisións ilegais, unha especie de “imposto revolucionario” que había que pagar a este partido para conseguir obras públicas".

O goberno de Francisco Camps, da Comunidade Valenciana, adxudicou á trama Gürtel, que dirixía Correa, 7,2 millóns de euros en contratos. Segundo o Servizo de Intervención do Estado, dos 85 contratos localizados, cando menos 14 foron irregulares. Destes expedientes, 76 foron tramitados como “contratos menores”, isto é, as ofertas eran por debaixo dos 12.000 euros par evitar o concurso público. Están implicados 17 departamentos do goberno valenciano –pertencentes a Presidencia, Vicepresidencia e sete consellerías– que deron traballo a empresas de Francisco Correa e ao seu home nesa comunidade, Alfonso Pérez “El Bigotes”, segundo recollía La Voz de Galicia de 30-4-2010.

El Bigotes” era o xerente de Orange Market, empresa adxudicataria da Generalitat de Valencia, que organizou os actos electorais da campaña do PP nesa comunidade nas eleccións municipais e autonómicas de 2007 e xerais de 2008. “El Bigotes” e Camps tiñan unha estreita relación, como recollen as gravacións da instrución. Camps falaba del como “amiguito del alma” e “El Bigotes” contestaba: “Te quiero un huevo”.

Francisco Camps, Presidente da Generalitat Valenciana, estaba imputado por un delito de suborno pasivo impropio por aceptar 14.021 euros en traxes de empresarios da trama Gürtell entre 2005 e 2008. Nese tempo, e entrementres repartían agasallos a numerosos dirixentes do PP, conseguiron contratos millonarios da administración autonómica. Camps presentaba a súa dimisión o 20 de xullo de 2011 como un servizo ao PP e a Mariano Rajoy, para que chegase á Moncloa. Pola súa banda, Rajoy eloxiaba a “grandeza de Camps” e nun mitin na praza de touros de Valencia, o 2 de xuño de 2009, dicía: “Creo en ti y en lo que haces; te he visto actuar. La inmensa mayoría de los valencianos y los españoles creen en ti. Siempre estará detrás de ti, o delante, o a un lado. Gracias Paco”.

O auto do xuíz Flors sinalaba que o obxectivo do grupo que controlaba Francisco Correa era “ganarse el afecto o el favor de las personas obsequiadas”. Segundo o xuíz, Camps e os outros acusados aceptaron as prendas “a sabiendas de quién asumiría el pago de su importe”. O auto indicaba que “contar con la complacencia y el favor del Presidente y Vicepresidente de una comunidad autónoma, a quienes se agasaja, puede ser una forma determinante para que los interesados pudieran verse favorecidos en sus intereses económicos”.

Calquera ocasión pode ser aproveitada para facer caixa. Seguindo os sabios consellos de Juan Antonio Martínez Camino, portavoz da Conferencia Episcopal (declarou que “La visita del Papa a Barcelona e Santiago en novembro de 2010 será un negocio económico y espiritual”), o sumario recolle que a Gürtel cobrou máis dun millón de euros en comisións ilegais pola visita do Papa Bieito XVI a Valencia os días 7 e 8 de xullo de 2006. Así foi o negocio económico: Pedro García Jimeno, director xeral de RTVV (Radio Televisión Valenciana) e home de confianza de Camps, contratou unha empresa externa para a sonorización de todo o acto e para a montaxe de pantallas de vídeo por 6,4 millóns de euros. Elixiu para este traballo a Teconsa, unha empresa que, como non tiña experiencia neste tipo de montaxes, sub-contratou o servizo a unhas empresas sevillanas. Pablo Crespo (ex–responsábel de organización do PP de Galicia) viaxou a Sevilla a recoller o diñeiro das comisións ilegais, que foi ingresado nunha caixa de seguridade e unha parte na caixa B, que, supostamente, utilizaba a organización de Correa para facer subornos a políticos do PP, segundo información de
El País de 16-10-2009. Falaremos de Teconsa noutro capítulo porque aparece tamén nas contas secretas de Bárcenas.

A policía atopaba nun ordenador da trama Gürtel un documento co título “Relación actos E.A.–Beltrán.xls”, que desmontaba toda a argumentación da presidenta da Comunidade de Madrid, cando declaraba que non sabía nada desa trama. Resulta que E.A, son as iniciais de Esperanza Aguirre, e o tal Beltrán é o nome de pila de Beltrán Gutiérrez Moliner, xerente do PP de Madrid. Todo isto proba que a rede corrupta organizou, a través de Special Events, todos os actos protagonizados por Esperanza Aguirre na precampaña e campaña electoral das eleccións autonómicas de 2003. O informe policial, remitido ao xuíz Antonio Pedreira o 30 de xullo de 2010, cifra en 1,3 millóns de euros as facturas electorais falseadas polo PP entre 2003 e 2004. Segundo a policía, esta falsificación fíxose en conivencia coa rede de Francisco Correa e utilizando a Fundescam (fundación que depende organicamente do PP de Madrid) como canal opaco de financiamento do PP. Un ano despois das citadas eleccións –que Esperanza Aguirre perdeu, mais que acabou como Presidenta, grazas ao
tamayazo– o goberno da Comunidade de Madrid adxudicaba a dedo máis de 300 contratos á trama Gürtel, como pagamento aos servizos prestados ao PP, segundo o xornal Público de 19-10-2010.

"A organización de todos estes actos, entre 2004 e 2008, foi contratada a empresas da trama Gürtel por un importe que superaba os 3 millóns de euros"

Esperanza Aguirre (é unha persoa austera e dixo que tiña dificultades para chegar a fin de mes) gastou 34.748 euros na organización da visita a un parque empresarial de Xetafe; 32.296 euros na presentación do libro Toda unha vida, que recompilaba cartas de amor escritas por usuarios de centros de maiores; 21.480 euros na presentación da Cumbre Flamenca no Metro; 23.803 euros por organizar a entrega de 250 vivendas de protección oficial; 12.000 euros pola ornamentación floral da sede da Presidencia para o Día da Constitución. A organización de todos estes actos, entre 2004 e 2008, foi contratada a empresas da trama Gürtel por un importe que superaba os 3 millóns de euros.

A rede de Francisco Correa realizaba regalos e subornos a responsábeis políticos do PP de varias comunidades autónomas, algúns tan significados como o senador Luis Bárcenas, responsábel de Finanzas do PP. Orange Market realizou regalos na Comunidade Valenciana a membros do goberno e asesores por valor de 8.832 euros; a presidenta das Cortes Valencianas, Milagros Martínez, que daquela era conselleira de Turismo, recibiu un reloxo valorado en 2.400 euros, e Ricardo Costa, daquela responsábel de Organización, unha maleta de 1.130 euros. Había regalos para todos, maletas para os fillos de Camps e un bolso de Loewe para súa esposa.

A
Unidad Central de Delincuencia Económica y Fiscal (UDEF) da policía entregaba o 1 de febreiro de 2013 ao xuíz Pablo Ruz da Audiencia Nacional, un informe que revela pagos da trama Gürtel a Ana Mato (ministra de Sanidade) e ao seu marido Jesús Sepúlveda (ex–alcalde de Pozuelo polo PP) entre 2000 e 2004. Segundo a policía, Álvaro Pérez, El Bigotes, entregou a Mato dous regalos da marca de luxo Louis Vuitton por importe de 225 e 385 euros. Pagou tamén 50.000 euros en viaxes (incluía billetes para unha empregada de fogar da familia), hoteis e coches de aluguer, a través de Pasadena Viajes, propiedade de Francisco Correa, e 11.800 euros para diversos eventos familiares como aniversarios e primeiras comuñóns. Esta documentación apareceu nunha das empresas que tiña Correa en Alcorcón. Sepúlveda continúa en nómina do PP e traballa na sede central.

A trama Gürtel salpicaba tamén o delegado do goberno en Baleares, José María Rodríguez, que presentaba a súa dimisión o 16 de xullo de 2012, despois de ser nomeado para ese cargo por Mariano Rajoy o 30 de decembro de 2011. Segundo un informe da garda civil, habería falsificado facturas a favor da empresa de comunicación Over Marketing cando na lexislatura 2003-2007 era conselleiro de Interior do goberno do PP, que presidía Jaume Matas. (
La Voz de Galicia, 17-7-2012).

"Un pen drive que contén unha detallada relación de cargos públicos do PP supostamente subornados pola trama corrupta e unha carpeta azul que recolle as doazóns de promotores"

Algún empresario, como Alfonso García Pozuelo (aparece tamén nos papeis de Bárcenas), imputado polo pago de comisións, tivo que vender unha das súas empresas, Construtora Hispánica, para abonar 20 millóns de euros a Facenda por delitos fiscais derivados do caso Gürtel. Os problemas xudiciais deste empresario aparecen cando a policía, por orde do xuíz Garzón, realiza un rexistro e requisa un pen drive que contén unha detallada relación de cargos públicos do PP supostamente subornados pola trama corrupta e unha carpeta azul que recolle as doazóns de promotores que aspiraban a levarse algunha adxudicación de obras públicas; entre eses construtores aparecía García Pozuelo, segundo información de El País de 11-10-2010.

Unha das numerosas ramificacións do caso Gürtel foi a contratación pola Generalitat Valenciana de Orange Market para a instalación do pavillón desa comunidade en Fitur (Feira Internacional de Turismo) entre os anos 2005 e 2009. José Francisco Ceres, xuíz instrutor do Tribunal Superior de Xustiza da Comunidade Valenciana, acordaba o procesamento de tres deputados do PP polos presuntos delitos de tráfico de influencias e prevaricación: Vicente Rambla, que foi vicepresidente con Camps; Milagros Martínez, conselleira de Turismo entre 2004 e 2007 e Angélica Such, conselleira de Turismo entre 2007 e 2009, segundo informaba
La Voz de Galicia de 13 de decembro de 2012.

Parece ser que para o financiamento do PP non chegaba co diñeiro procedente da trama Gürtel, mais para iso estaban os amigos. O PP, a través de Fundescam, recibía de Unión Fenosa dous xenerosos donativos: o primeiro, de 120.000 euros, o 23 de maio de 2003, dous días antes das eleccións autonómicas; o segundo, de 36.000 euros, o 4 de marzo de 2004, dez días antes das eleccións xerais. Era presidente desta compañía eléctrica Antonio Basagoiti, pai do líder do PP vasco. (
A Nosa Terra dixital, 20-7-2009). O ex–presidente da CEOE, Gerardo Díaz Ferrán, sentía verdadeira admiración polas políticas ultra-liberais da presidenta da comunidade de Madrid, Esperanza Aguirre, e declaraba: “Es que es cojonuda”. E a nivel político ten tamén o seu corazonciño, por iso doaba 192.000 euros ao PP en 2003 e 54.000 euros no ano 2004. Noutro capítulo falaremos do “Caso Bárcenas” e das doazóns que recibía o PP de varias empresas que, curiosamente, aparecen tamén no sumario da trama Gürtel. Próximo capítulo: A trama Gürtel en Galiza.

Comentarios