Opinión

Ideas que matan

Empezo o día cunha nova que me encolle o corazón. J.S.M.C. de 74 anos, última vítima da violencia machista, era unha de tantas galegas “emigrante na capital do Reino” -tal e como me relatou a súa aflixida afillada-. A violencia de xénero sacúdenos sempre os sentimentos e a indignación abafa.

Empezo o día cunha nova que me encolle o corazón. J.S.M.C. de 74 anos, última vítima da violencia machista, era unha de tantas galegas “emigrante na capital do Reino” -tal e como me relatou a súa aflixida afillada-. A violencia de xénero sacúdenos sempre os sentimentos e a indignación abafa. Mais cando se suma a veciñanza, a proximidade e mesmo os lazos amicais, o golpe é duplo; as emocións afloran con maior intensidade.

As crónicas do acontecido amosan a cara cruel -e real- do patriarcado. Segundo relatan os xornais, J. S. M. C. quería divorciarse mais non tiña forza para facelo. O “seu” marido ameazaba: “ Vou morrer pronto, pero primeiro voute levar por diante”. Cumpriu a palabra. Asasinouna o pasado 24 de Abril de 2012 na súa vivenda. Non había denuncia previa, mais ela si pedira axuda. Até ese mesmo fatídico martes, a policía acudira ao seu domicilio respondendo a unha chamada cidadá asustada polos berros que se escoitaban a altas horas da madrugada. Os axentes aceptaron con pasmosa naturalidade a explicación: unha “normal” discusión de parella. Irrita tanta apatía. Acaso non viron nos seus ollos o terror, o sufrimento e o medo? Pode que non. Unha veciña afirma que realmente chamaron á porta, e como non lles abriron, deron volta. Seguramente pesou máis a ideoloxía dominante que teima en afirmar que o que pasa dentro dun fogar non é asunto público, senón privado. Hai ideas que matan.

Descoñezo o nome da vítima. Josefa, Julia? A realidade é que ninguén pode devolverlle a vida. Mais hai que impedir este tipo de situacións se repitan. Exixir unha investigación sobre unha neglixente actuación policial é o máis suave que podemos requirir. Mais tamén cómpre que os poderes públicos e a sociedade tomen nota. Hai que rachar coas inercias que no fondo xeran complicidades –conscientes ou non- coa violencia de xénero. É tarefa conxunta, non só das institucións, senón tamén de todo o entorno social. Redobrar as medidas de concienciación social, de loita contra o machismo, revisar protocolos de actuación, garantir a formación de policías, xudicatura, persoal sanitario... En definitiva, non baixar a garda ante unha violencia que non cesa, que sigue cobrándose vidas, é a única medicina real.

Mais compre unha última reflexión ao alento da dura crise económica que vivimos. Nos últimos anos rexístrase unha diminución das denuncias por violencia de xénero. É intolerábel que as dificultades económicas condicionen a liberdade e ao exercicio dos dereitos básicos das mulleres. Porén, os poderes públicos parecen non darse por enterados. Diminúen os medios e recursos para loitar contra a desigualdade e a violencia. Non se decatan de que están abandonando a moitas mulleres que sofren, demasiadas veces en silencio e soidade, os golpes, os insultos e o menosprezo? A violencia non é imputábel a acción dos gobernos, mais estes si teñen responsabilidade no terreo das medidas que se adoptan para atallala. E francamente, é cruel a política que levan adiante nestes momentos. Os recortes tamén chegaron as políticas para erradicar a violencia de xénero e as axudas ás mulleres que a padecen. E mentres recortan, amplifican de novo, a ideoloxía machista e patriarcal. Cuestionan o dereito das mulleres a decidirmos sobre o noso corpo, defenden o rol tradicional das mulleres na familia (a maternidade e o coidado como fin), aproban reformas laborais que penalizan a incorporación feminina ao emprego remunerado e que agravará aínda máis a precariedade e baixo salarios. En definitiva, defenden a ideoloxía que está detrás da violencia de xénero. E hoxe, é preciso repetir alto e claro, que o persoal é político e que o machismo mata.

Comentarios