Opinión

Harrison (son un friqui)

Hai un par de meses, cando se cumpriu non sei que efeméride (case que a diario haiche unha) relacionada cos Beatles, chamáronme da Radio Galega para participar nunha tertulia sobre o asunto. Seica alguén na redacción da radio pública dixera que "chamade o Francisco Castro que é moi fan".

Hai un par de meses, cando se cumpriu non sei que efeméride (case que a diario haiche unha) relacionada cos Beatles, chamáronme da Radio Galega para participar nunha tertulia sobre o asunto. Seica alguén na redacción da radio pública dixera que "chamade o Francisco Castro que é moi fan". E a amiga Carme Vidal, xornalista deste Sermos Galiza que me acolle cada sábado, pídeme que como andiven chiando a primeiros de semana (xa temos Twitter en galego, daquela, xa non diremos máis nunca tuitear, senón chiar) que o artigo de hoxe que sexa sobre Harrison quen, de vivir, tería xa setenta anos. Daquela, fica claro que son, sobre este asunto dos Fab Four de Liverpool, un friqui recoñecido.

E por certo, un friqui feliz.

En efecto, de vivir, Harrison tería setenta anos. Naceu un día despois que Pablo Milanés. Non foi, daquela, mala colleita musical a do ano 1943, que foi quen de alumbrar dous músicos de semellante sensibilidade. E de vivir, estou certo de que, coma Lennon, estaría hoxe militando na causa indignada, tentando refundar a democracia, que é, moi probablemente, un dos atafegos máis urxentes que nos deberían ocupar os tempos e as angueiras.

"George Harrison foi un home comprometido politicamente co seu tempo, un home disposto a actuar e cambiar a realidade dun xeito radical"

E isto é o que me gustaría destacar hoxe se teño que falar de George Harrison. Porque cando de el se fala lánzanse sempre os mesmos tópicos recoñecidos e cómodos: que se era o beatle tranquilo, que se non puido desenvolver o seu talento porque os Lennon-McCartney non lle deixaban, que se foi quen trouxo a influenza hindú da meditación e todo iso a occidente...tópicos que son certos pero que agochan e minimizan outra faceta descoñecida do músico e que cómpre, nestes tempos convulsos nos que precisamos ilusións e utopías, poñer nun primeiro plano. E refírome a que George foi tamén un home de acción. A pesar da súa vida recollida, case que desaparecida en anos, malia o seu desexo de non destacar, George Harrison foi un home comprometido politicamente co seu tempo, un home disposto a actuar e cambiar a realidade dun xeito radical, un músico moi consciente da súa importancia e da transcendencia de calquera cousa que fixese e das consecuencias (positivas) que iso podería ter para mellorar a vida de moitas persoas. Por iso foi dos máis activos (quizais non con tanta fortuna mediática coma Lennon) na procura dunha filosofía global de paz. E sobre todo, cómpre que lle recoñezamos o mérito (ao que logo se sumou toda a cultura rock coma unha seña esencial de identidade) de ser o inventor dos megaconcertos a prol dunha boa causa. Así o fixo no famoso Concerto por Bangla Desh en 1971, no que conseguiu xuntar ás grandes estrelas da música do momento (incluso a un Bob Dylan que levaba un tempo, digamos, desaparecido e "despistado") para recadar fondos para un país castigado pola fame e a indolencia do Primeiro Mundo.


George Harrison, si, morreu hai uns anos. Lembro o exacto intre no que no meu móbil apareceu un sms dun amigo dándome a nova. Lembro -chamádeme friqui- a dor aguda que me produciu saber do pasamento dun home ao que tanto admiraba e admiro. Mais, en realidade, sei que non morreu. Porque eu, agora mesmo, mentres escribo estas liñas, escoito a súa música. Que me inspira. E daquela, está vivo porque me dá a gana.

E porque os friquis somos así.

Comentarios