Opinión

Grecia: vitoria política, derrota económica?

Tres días despois de obter unha esmagadora vitoria no referendo, o Goberno Tsipra solicita á Unión Europa un novo resgate.

Tres días despois de obter unha esmagadora vitoria no referendo, o Goberno Tsipra solicita á Unión Europa un novo resgate, por valor de 50.000 millóns de euros, e por un período de tres anos. Non é precisamente o que necesita Grecia para tirar o país do estado de ruína provocado xustamente polos dous resgates anteriores.

O labirinto grego non é tal: conduce a un único beco sen saída. O beco da austeridade. O núcleo dirixente de Syriza foi moi hábil politicamente ao chamar ás urnas, para se dotar de maior lexitimidade popular, mais en termos económicos o seu compromiso coa eurozona é tal que antepón a permanencia na moeda única a calquer outra consideración, incluída a imposición de novas políticas antipopulares.

 O resgate das cidadás e dos cidadáns non aparece por ningures. Ao contrario, terán que sofrer novos cortes

Así, a vitoria política pode virar en derrota económica no curto prazo. Unha nova dose de austeridade (less austerity pedía Varoufakis, mais menos austeridade sempre é máis que ningunha) pode deprimir aínda máis a demanda agregada e, consecuentemente, pode contribuír para paralizar aínda máis a actividade económica e a produción de riqueza no país. O problema é que a cúpula de Syriza -que no curto prazo ten reducido a oposición interna, a plataforma de esquerdas, maniatada após a convocatoria do referendo- non ten unha alternativa substantivamente distinta ás que ofrece Bruxelas. A UE formulou un resgate para a banca. Agora Tsipras propón un resgate para a débeda pública que foi nacionalizada polos distintos Estados da UE (socializando as perdas dos bancos europeos que emprestaran diñeiro a Atenas). Mais o resgate das cidadás e dos cidadáns non aparece por ningures. Ao contrario, terán que sofrer novos cortes, desde o incremento do IVE até o retallamento das pensións.

Tiña outra opción Tsipras? Dificilmente dentro da eurozona. Ter a mesma moeda que Alemaña, sendo economías tan disímeis, fai que Grecia teña de asumir un tratamento de choque que ameaza con converter o país nunha sociedade depauperada sen futuro.

Comentarios