Opinión

Grecia, unha cuestión de soberanía

No discurso en que se dirixiu ao país para comunicar a convocatoria do referendo do 5 de xullo

No discurso en que se dirixiu ao país para comunicar a convocatoria do referendo do 5 de xullo, Tsipras ligou dous conceptos que a luz da experiencia recente demostra seren as dúas caras da mesma moeda, soberanía e democracia. Esta sen aquela vira en letra morta.

Desde a convocatoria do referendo, as presións antidemocráticas por parte dos Estados da UE para condicionar o sentido de voto do pobo heleno teñen sido abafantes e revelan o enorme déficit democrático que presentan as institucións da Unión Europea, e a estrutura xerárquica, ferreñamente liderada por Berlín, que as dirixe.

Ante estas presións, o goberno de Tsipras abaneou un chisco, procurando inxenuamente un acordo in extremis con Bruxelas que lle permitir salvar a cara. As enquisas sinalan que Syriza podería perder o referendo, co cal o seu líder amagou cun pacto que lle permitise ou ben desconvocar a consulta ou ben reformular a súa petición de voto, en favor do SI.

A posición de Alemaña, inflexíbel, abortou a operación e deixou a Tsipras sen máis opción que continuar adiante co referendo e coa petición do voto non

Mais a posición de Alemaña, inflexíbel, abortou a operación e deixou a Tsipras sen máis opción que continuar adiante co referendo e coa petición do voto non. Merkel non xoga a empatar, xoga a gañar, a proxectar a clarísima mensaxe de que na zona euro só cabe unha política económica, a súa, neoliberal e procíclica. Unha política que só concibe resgatar a banca, nunca as persoas e moito menos as nacións periféricas.

Na realidade, a rotura das negociacións entre Atenas e Tsipras, o desencontro que levou Tsipras a convocar o referendo, non ten tanto a ver coa economía como coa política. De feito existía un pre-acordo e o disenso era perfectamente superábel. Mais as razóns políticas si eran insuperábeis. Berlín quere a rendición -claudicación, titulou onte El País cando se especulaba con que Tsipras mostraba a bandeira branca- e nin sequer lle vale unha política de austeridade light, só se conforma co programa de máximos, isto é, coa conversión de Grecia nunha sorte de protectorado alemán.

Por unha cuestión de dignidade elemental, felizmente Grecia mantén o referendo e o Goberno Syriza, a petición do voto non. Calquer outra vía significaría a súa desaparición como país.

Comentarios