Opinión

Grecia como reflexión

Teñen razón aquelas forzas de esquerda que din que Grecia é un laboratorio das políticas neoliberais, como hai catro décadas o foi Chile. Nesta conxuntura a punta de lanza das alternativas do capital para o novo período histórico están centradas na Unión Europea, no eido económico e social. A pouca distancia séguenlle Portugal, Irlanda e o Estado español.


Teñen razón aquelas forzas de esquerda que din que Grecia é un laboratorio das políticas neoliberais, como hai catro décadas o foi Chile. Nesta conxuntura a punta de lanza das alternativas do capital para o novo período histórico están centradas na Unión Europea, no eido económico e social. A pouca distancia séguenlle Portugal, Irlanda e o Estado español. O outro escenario é o mundo árabe, no uso da vía militar para a solución dos atrancos económicos e estratéxicos, neste caso en asociación coas forzas máis reaccionarias, como son as monarquías do Golfo e o integrismo neoliberal en Exipto, Tunisia, Libia, Siria e Turquía. Nestas frontes estase decidindo, en parte, o reparto da torta entre as vellas potencias e, entre estas, e as emerxentes, especialmente China e Rusia. Nesta disputa, pola hexemonía, teñen un papel sobranceiro, mais que en ningún outro momento da historia da humanidade, os medios de comunicación e a cultura de masas, amplamente controlados polos Estados Unidos. Este é un feito que non se pode ignorar, facendo análises exclusivamente económicas da correlación de forzas, máxime cando esta potencia ten un poder inmenso en áreas tan importantes, como a militar, innovación, alimentaria, financeira e da divisa de referencia.

Grecia é un país pouco industrializado e moi dependente do turismo, ou sexa, como o Estado español (EE) e Portugal. O certo é que, en moi pouco tempo por mor das medidas tomadas agravouse en todos estes estados a situación na economía, no emprego, nas prestacións de servizos e condicións laborais, e o equilibrio orzamentario. Un feito que acaba de recoñecer nun recente informe o economista xefe do Fundo Monetario Internacional, Olivier Blanchard, ao entender que a austeridade foi demasiado acusada. Isto non garante que se fagan rectificacións, polo menos na intensidade que son necesarias para non seguir afogando as clases populares, xa que as políticas desenvolvidas sonlle enormemente beneficiosas á alta burguesía, que acrecenta aceleradamente os ingresos. Na historia da humanidade, nunca se conseguiu sen loita unha distribución máis xusta e solidaria da riqueza e do poder. Ademais, non se trata só de que se conseguira impoñer un novo reparto dos ingresos máis vantaxoso para as grandes fortunas, senón que o retroceso das condicións de vida, e de contestación das clases populares e as nacións máis débiles, pode marcar todo un novo período histórico (se non se evita).

"Na historia da humanidade, nunca se conseguiu sen loita unha distribución máis xusta e solidaria da riqueza e do poder".

Se consideramos especificamente a situación de Grecia temos que a renda por persoa (en capacidade de merca, PPS), cunha media de 100 na Unión Europea, baixou de 93 puntos no ano 2008 a 79 no ano 2011. Os medios dan un descenso no PIB, dende que encetou a crise, do 25% aproximadamente para finais do último ano. Para o 2013 as previsións son dunha nova caída de -4,2%. Toda unha traxedia: aumento do desemprego, emigración, desafiuzamentos, pobreza, peche de pequenas e medianas empresas, deterioro dos servizos esenciais, privatización e venda do patrimonio público. No referente ao equilibrio fiscal, que tanto lle preocupa á Unión Europea, Banco Central Europeo, e ao FMI, xa que se trasladou a débeda privada (de empresas e bancos) ao Estado, ou sexa a todo o pobo heleno, o certo é que, ao final, pode atrapar a todos os países da UE, xa que cada vez é máis grande e difícil de pagar a débeda por Grecia. Concretamente a débeda era 340.000 millóns de euros a principios de 2012 (165% do PIB), despois dunha quita en marzo de 107.000 millóns, a final de ano atinxe os 352.000 millóns (un 176%) do PIB. Ou sexa, a situación esta peor que ao inicio, para o pobo grego.

O certo é que, todo indica que se mantén como sexa a Grecia na UE, non tanto por axudar ao seu pobo, como para garantir a recuperación de toda débeda que se poida (e cuantiosos xuros) e o resto cobralo apropiándose de bens privatizados a prezo de saldo (o Deutsche Bank adquiriu o Emporiki Bank por un euro, despois de saneado). O último tramo que se pagou do crédito concedido pola Troica insire como contrapartida que non se podan utilizar razóns de soberanía nacional para impedir embargos por falta de pago. En todo caso, é convinte saber que 1/3 dos gregos están pola saída da eurozona. Nesta situación está Grecia hoxe.

"O certo é que, todo indica que se mantén como sexa a Grecia na UE, non tanto por axudar ao seu pobo, como para garantir a recuperación de toda débeda"

Neste contexto hai que valorar as posíbeis solucións para as clases populares gregas, así como as últimas eleccións, as mobilizacións sociais, e o futuro das distintas alternativas políticas. Os bos resultados da coalición “radical” Syriza alentou na socialdemocracia reformista e nas forzas eurocomunistas o espellismo de que esta era unha tendencia que se vai a reproducir no resto da Unión Europea, cando menos nos estados da periferia próximos ao resgate. Mais, non hai nada que confirme esta tendencia, nen en Portugal nen no EE. O que aconteceu na Galiza hai que entendelo en clave moi interna, e ademais non se substitúe á socialdemocracia como opción alternativa á dereita estatal. O bipartidismo tradicional, representado por un partido de dereita e outro socialdemócrata, aínda que moi debilitado, segue tendo funcionalidade para as clases dominantes tanto no EE, como en Portugal ou na Galiza. Iso non quer dicir que a situación non se poda modificar rapidamente, xa que estamos nun contexto sen foto fixa, con grandes mudanzas económicas e sociais. Unha conxuntura con moita confusión política, que non sempre os medios de comunicación de masas controlados polas clases dominantes poden condicionar, aínda que normalmente si o fagan.

Esta situación tan dinámica pode xogar moi positivamente a prol daquelas forzas que ofrezan alternativas máis radicais, teñan dirixentes con perfiles máis atrevidos e contundentes, e se afasten con máis rapidez de propostas e formas de axer que son vistas como responsábeis da actual crise. Agora ben, se estas propostas non son coherentes, o avance será conxuntural, especialmente naquelas forzas que non son necesarias para a xestión dos intereses da alta burguesía. Non me quero deter moito no tema, porque xa o teño tratado noutros artigos, mais todo fai pensar que este último é o caso de Syriza que se apresenta como unha forza anticapitalista, e despois non fai propostas que rachen co sistema, só pretende limar o neoliberalismo. Propón a saída da OTAN (a súa medida máis radical) e logo non rexeita o proxecto político ao que serve o bloque militar, a Unión Europea, e considera vital manter o seu instrumento económico principal, o euro. Con estes obxectivos, Syriza pode ser funcional para o sistema como a única alternativa posíbel á coalición gobernante formada pola Nova Democracia (ND), de Samaris, o PASOK e Gregos Independentes. A outra opción seria unha coalición (no futuro) entre a ND e Aurora Dourada, para recuperar o perfil contestatario do PASOK, se Syriza lles parecera conflitiva. En todo caso, Tsipras cóidase moito de non facer propostas que vaian máis alá da renegociación do memorando coa Troica, e anuncia vagas promesas de recuperar o esplendor perdido para Grecia.

"Syriza que se apresenta como unha forza anticapitalista, e despois non fai propostas que rachen co sistema, só pretende limar o neoliberalismo"


No escenario grego non se poden desbotar outras dúas opcións contrapostas, a fascista de Aurora Dourada, e a comunista representada polo KKE. Mesmo recoñecendo que ambas son minoritarias a nivel electoral, teñen un peso moi forte nos sectores máis organizados e activistas, e iso vai contar moito se a situación laboral e social se segue deteriorando. A ditadura con arroupe en forzas fascistas e de extrema dereita sempre é unha opción das clases dominantes, máxime se teñen un certo peso social. Son dos que teño máis simpatía polo KKE que pola socialdemócrata Syriza, que semella un novo engano reformista, nun mundo que xa non dá xogo a estas organizacións que pretendían humanizar o capitalismo. Porén, dende o lonxe, non penso que o KKE sempre teña en consideración o estado de ánimo da xente, e ás veces dá a impresión que por o situar todo no estratéxico, pode estar perdendo a oportunidade de reforzar os cambios, por xestionar moi sedentariamente o táctico.

Por último, quero facer unha breve valoración, dende a distancia, en relación coa contestación social dada en Grecia aos sucesivos planes do seu Goberno e da Troica, para, rebaixando as condicións de vida e restando dereitos e soberanía, acelerar o proceso de centralización e concentración da riqueza e do poder e, ao mesmo tempo, disputar a distribución dos ingresos con outras potencias nun escenario de maior globalización neoliberal. O pobo heleno é un exemplo no número de folgas e mobilizacións realizadas para se opoñer ás políticas neoliberais, e utilízase decote como exemplo do que se debe facer. O que sen dúbida é correcto. Despois dise, en base a este dato, que se os gregos non conseguen frear os planos das clases dominantes, será imposíbel que se acade este obxectivo en ningún outro lugar da UE. Aparecen como factíbeis só dúas alternativas reais, ou a resposta violenta e desesperada, ou a submisión procurando os menores custes. Porén a análise da conflitividade en Grecia pode que sexa ás veces moi simplista, xa que non se pode obviar que, malia que as folgas son masivas, a participación nas manifestacións non ten as mesmas proporcións. Son menores que as que se dan en Portugal, sendo Lisboa unha cidade da mesma dimensión que Atenas, e, en proporción non se poden comparar coas convocadas nunha cidade como Vigo en circunstancias semellantes. E Vigo non está precisamente nun contexto pre-revolucionario. Parto das informacións que saen nos medios e fan distintos comentaristas.

"O pobo heleno é un exemplo no número de folgas e mobilizacións realizadas para se opoñer ás políticas neoliberais, e utilízase decote como exemplo do que se debe facer."

Analicemos esta eiva na mobilización de masas máis polo miúdo, xa que pode sérmonos de ensinanza para o traballo político e sindical no noso país, na Galiza. Partindo da base de que o capitalismo está nunha etapa na que non vai facer concesións, especialmente na UE, todo avance, por máis cativo que sexa, vai necesitar dunha presión moi forte das clases populares, non abonda con ter unha ampla representación parlamentar, senón que ademais se necesita un pobo mobilizado acotío. Mesmo tendo maioría no Parlamento esta condición é esencial, porque os poderes económicos e grupos de poder teñen moitos medios para atrancar calquera mudanza e mesmo facer caer a quen as promova (en pequeno e non exclusivamente, óllese o que aconteceu no bipartito). Daquela a mobilización é fundamental, esencial, para calquera avance, mesmo reformista, neste contexto, e moi especialmente na periferia da Unión Europea.

Agora ben ¿que tipo de mobilización?. Resulta evidente que non chega cunha folga xeral, e pode que nen sequera con que se fagan sete ou oito. Tampouco abonda con mobilizacións, malia que sexan cotiás, senón son masivas. Daquela, a práctica danos algunhas respostas. Que por outra banda non son unha novidade, se percorremos a historia do movemento obreiro. Mesmo na Galiza, vemos que para evitar o despedimento dunha parte do cadro de persoal na Construtora Naval de Ferrol, en xuño de 1932, a cidade parou solidariamente durante 23 días e en toda a Galiza durante tres. Hoxe parece unha hipótese imposíbel de considerar. Dimitiron ducias de concelleiros dos municipios da comarca de Ferrol, e houbo duros enfrontamentos coa policía, mesmo con algún morto. Se analizamos as loitas de 1972, máis próximas no tempo, o conflito foi dunhas dimensións semellantes. En Vigo a industria e construción pararon 15 días, houbo ducias de detidos, condenados, despedimentos masivos e moitos fuxiron ao exterior. Esas loitas deixaron semente, e deron lugar a un forte e combativo movemento obreiro que contribuíu a un forte cambio na correlación de forzas, e obrigou a negociar ás clases dominantes. Porén, no se vive eternamente do pasado.

"Resulta evidente que non chega cunha folga xeral, e pode que nen sequera con que se fagan sete ou oito. Tampouco abonda con mobilizacións, malia que sexan cotiás, senón son masivas".


Todo fai pensar que se deben medir moi ben as folgas que se convocan, xa que se dan en sociedades urbanas, nas que as persoas carecen doutros recursos de supervivencia (como unha horta), e na que a precariedade está moi estendida. De facer paros, ou ben se suceden no tempo, por exemplo durante o mesmo día en varias semanas, ou en días continuados, para que o impacto sexa maior. Agora ben, outro instrumento eficaz segue sendo a manifestación social, especialmente se dura varias horas e atranca sectores claves da circulación de mercadorías e persoas. Ou a combinación das manifestacións con algo tan efectivo e impactante como a ocupación de lugares públicos durante un espazo de tempo moi longo, por varios centos de persoas ou máis. Neste aspecto o 15-M (coas súas limitacións políticas e illamento da clase traballadora), e os métodos de protesta en Exipto e Tunisia non se poden desprezar, pola súa efectividade propagandística, sen esquecer que nestes últimos casos eran a punta do iceberg dun forte movemento de protestas laborais. Cómpre alentar un pulo cualitativo que permita terminar ocupando de xeito permanente a rúa, os espazos públicos, como presión e expresión do poder popular. Evidentemente para iso cómpre planificar, formar e axitar, para sumar máis activistas, gañar a complicidade da maioría social e neutralizar sectores que apoian o sistema. É imposíbel realizar mobilizacións masivas e constantes sen a politización e organización efectiva da clase traballadora nas empresas, do movemento veciñal, dos estudantes, dos labregos e mariñeiros e dos pensionistas.

"É imposíbel realizar mobilizacións masivas e constantes sen a politización e organización efectiva da clase traballadora nas empresas"


Se o lector ten en conta o dito nos anteriores parágrafos pode imaxinar como se debe construír este escenario para cambiar a correlación de forzas. Coido que este é o único xeito de atrancar o proxecto das clases dominantes, e pasar a un novo nivel na loita de clases. Esta non é aínda a situación que hoxe albiscamos en Grecia e, por suposto, en ningún dos estados da UE. Moitos paros e mobilizacións duran tempo, porén son sectoriais ou de empresas, e son esporádicos cando teñen un carácter global. En Grecia, Syriza ten forza no Parlamento, porén carece da disciplina e fortaleza do KKE na rúa, e ademais para alén da consigna, non fai propostas que rachen co sistema, e apóiase nas direccións pactistas do sindicalismo heleno. Este afastamento entre a realidade parlamentar e a presión na rúa, no peso da esquerda antisistémica, nesta etapa de reaxuste, non axuda aos intereses da clase traballadora. Isto tamén acontece hoxe no noso país. Non penso que Grecia sexa mellor exemplo que Portugal, de ambos hai aspectos que recoller. En todo caso, cada nación, en función da súa historia e correlación de forzas, debe trazar o seu propio camiño;ademais, nesta conxuntura é o momento oportuno e necesario tensar a loita de clases ampliando ao máximo a mobilización social .

http://manuelmera.blogaliza.org/