Opinión

Golpismo no Pazo do Hórreo

Está moi na tradición da dereita española perpetrar golpes antidemocráticos e facelo ao amparo dunha legalidade que na súa orixe remite xa para un pasado totalitario

 

Está moi na tradición da dereita española perpetrar golpes antidemocráticos e facelo ao amparo dunha legalidade que na súa orixe remite xa para un pasado totalitario. Isto é o que aconteceu esta semana, co comezo da tramitación no Parlamento da nova lei electoral galega. O sistema electoral alumeado pola Constitución de 1978 é, de seu, favorecedor das forzas políticas herdeiras do franquismo. E iso é así grazas ao estabelecemento da provincia como circunscrición electoral e a non asunción dunha proporcionalidade pura á hora de fixar o reparto dos escanos. Non satisfeito con iso, Feijóo, como fixera no seu día Fraga, muda agora a lei galega, para a tornar aínda menos democrática, menos representativa da sociedade. A dereita leva no ADN as contrarreformas das normas electorais para as axustar aos seus propios intereses, con desprezo absoluto pola estabilidade das regras de xogo.

As normas electorais constitúen o cerne de calquera ordenamento xurídico democrático e, polo tanto, non é lexítimo -pode ser legal, mais non lexítimo- modificalas pola vía da imposición. Esta nova lei electoral é iso, unha imposición. Dun partido que ten a maioría absoluta, certo, mais dun partido que non representa a maioría da sociedade. Non a representou no seu momento, cando gañou as eleccións en 2012 e obtivo apenas o 45,72% dos sufraxios emitidos (isto é, bastante menos da metade) e moito menos a representa agora, como poñen de relevo todos os inquéritos que apuntan inequivocamente para unha queda do voto conservador.

Esta nova lei electoral é iso, unha imposición. Dun partido que ten a maioría absoluta, certo, mais dun partido que non representa a maioría da sociedade

As leis electorais deben ser froito do máis amplo consenso posíbel porque do contrario, se son simplemente regras mutábeis en función das continxencias, deveñen en leis partidistas, en leis de réximes non xenuinamente democráticos. A lei dos 61 escanos será menos democrática que a lei dos 75, porque é menos proporcional e responde menos ao principio de que os votos deben valer o mesmo con independencia de onde se emitan (continúan a se sobre representaren as provincias de Ourense e Lugo, xusto os celeiros de voto do PP). Non é unha lei que represente o Parlamento galego, é unha lei imposta polo PP para se perpetuar no poder. Será lei, mais será golpista.

Comentarios