Opinión

Gañou o PP, perdeu Galiza

É tempo de valoracións e análise de resultados partindo de dous datos claros e irrebatíbeis, o primeiro que o Partido Popular gañou as eleccións aumentando a súa vantaxe e por tanto refrendou cando menos electoralmente o apoio ás políticas de recortes e lesivas para o intereses da nosa nación aplicadas por Feijóo, e o segundo que Galiza perdeu pois ademais de gañar o PP aumenta a presenza do

É tempo de valoracións e análise de resultados partindo de dous datos claros e irrebatíbeis, o primeiro que o Partido Popular gañou as eleccións aumentando a súa vantaxe e por tanto refrendou cando menos electoralmente o apoio ás políticas de recortes e lesivas para o intereses da nosa nación aplicadas por Feijóo, e o segundo que Galiza perdeu pois ademais de gañar o PP aumenta a presenza do españolismo no parlamento galego reducíndose por tanto a do nacionalismo.

Nun artigo publicado antes da campaña electoral e vendo como actuaba o inimigo sinalei que o obxectivo fundamental do PP era o nacionalismo “Se consiguen sementar a dúbida e que parte desa xente non vaia votar ou apoie co seu voto opcións electorais do simple cabreo que non van ter percorrido no tempo considerarán acadado o obxectivo de dar a impresión de querer cambiar todo para que á hora da verdade nada mude.” E debemos recoñecer que ese obxectivo acadouno plenamente, desgaste por unha banda e pola outra creación da sensación artificial de que existe unha alternativa supostamente “pura” á que pode apoiar a xente.

Un nacionalismo dividido e desgastado por conflitos internos convenientemente amplificados desde hai máis dun ano, a situación das cidades onde a crise, o individualismo e a españolización fan que a xente se mova máis por reaccións primarias de cabreo e non de construción de alternativas e que o nacionalismo perda pé, a incapacidade para facer desaparecer os restos do “ti traicionáchenos no bipartito e agora es como os demais”, a dificultade de algúns cadros do nacionalismo en asumir na súa actuación práctica o novo contexto de aparente pero moi volátil politización da sociedade…, estes son algúns dos elementos que ao meu entender deben ser analisados pola dirección e o conxunto da militancia do BNG co obxectivo de asumindo erros e valorizando no seu xusto termo os acertos establecer liñas de actuación que permitan resistir neste difícil momento e poñer as bases dunha recuperación de apoio electoral.

O día 21 pasou e o nacionalismo perdeu unha batalla desta longa guerra; hoxe é 22, mañán 23, e temos por diante moitos máis días nos que proseguir o camiño de afortalar Galiza, e non esquezamos que hai sete ou oito meses ninguén daba un peso polo futuro do nacionalismo galego.

PD: aproveito para parabenizar agora públicamente, pois onte fíxeno en privado, á esquerda abertzale polo resultado electoral.

Comentarios