Opinión

Ou Galiza ou a Troika

Comeza a campaña ao Parlamento europeo e as estratexias das forzas políticas co centro de decisión en Madrid xa están perfectamente deseñadas.

Comeza a campaña ao Parlamento europeo e as estratexias das forzas políticas co centro de decisión en Madrid xa están perfectamente deseñadas. Tratan de españolizar a campaña, de situar o centro de gravidade do debate na dialéctica política española. No caso do PP, a estratexia é a de se apresentar como garantes da unidade do Estado e da pretensa recuperación económica (por máis que a realidade empírica -e a EPA- a desmintan). No do PSOE, o discurso é o de se postular como única alternativa razoábel, sen desbotar no subtexto hipotéticas alianzas bipartitas futuras, eis os exemplos pioneiros de Vigo e agora Lugo como ensaios. No de IU, o relato é o do asedio a La Zarzuela e ao réxime de 1978, embora a forza política hexemónica dentro das siglas lideradas por Cayo Lara participase, e de forma moi destacada, no pacto que o alumeou.

E Galiza? As forzas políticas españolas non teñen o menor interese en que Galiza apareza como argumento decisivo e mobilizador na campaña. Moito menos en contrapor Galiza e a Troika. Galiza, o seu pobo, os seus intereses materiais, e esta Unión Europea e o seu euro, e as súas políticas deflacionistas, feitas ao servizo exclusivamente do gran capital transnacionalizado con matriz alemá.

As forzas políticas españolas non teñen o menor interese en que Galiza apareza como argumento decisivo e mobilizador na campaña.

Terá de ser, portanto, o nacionalismo galego quen enarbore a bandeira de Galiza durante a campaña, quen poña o acento na mellor forma de defender os intereses do país perante unha UE que, nos seus alicerces básicos, conta co respaldo das forzas políticas españolas. Convén aquí lembrar que no Congreso dos Deputados ningunha forza política española votou en contra do Tratado de Maastricht, a acta fundacional da actual UE. Os únicos votos en contra no Parlamento español, o nacionalismo galego daquela non tiña representación nel, foron os da esquerda abertzale. Salientemos tamén que a única forza política que na Galiza realizou unha intensa campaña contra Maastricht, anunciando os efectos desastrosos que irían resultar para Galiza da súa posta en marcha, foi o Bloque Nacionalista Galego.

A campaña xa está aquí. É tempo de propostas. Analizaremos cales enfrontan con radicalidade real o actual marco, isto é, cales teñen como obxectivo estratéxico rachar coa dependencia que lastra a nosa nación.

Comentarios