Opinión

Galiza, bala contra a autodeterminación?

"No es posible afrontar la crisis económicasin plantearse la solución a la crisis institucional"Felipe González. Madrid. 28/11/2012 "Galicia es la mejor muestra de que lo nuestro es un éxitocolectivo y de que nada podrá impedir que lo siga siendo" Mariano Rajoy. Compostela. 04/01/2013 Felipe González.

"No es posible afrontar la crisis económica
sin plantearse la solución a la crisis institucional"

Felipe González. Madrid. 28/11/2012

"Galicia es la mejor muestra de que lo nuestro es un éxito
colectivo y de que nada podrá impedir que lo siga siendo"

Mariano Rajoy. Compostela. 04/01/2013


Felipe González. Ex-presidente do executivo español, asesor de Gas Natural e do magnate Carlos Slim declaraba recentemente nun foro sobre a reforma constitucional, a necesidade, desde o punto de vista do estado, de abordar as “reformas” económicas no mesmo paquete que as institucionais; isto é, o encaixe, como eles gostan de falar, de Galiza, Euskal Herria e os Países Cataláns no esquema constitucional español.

Coa chegada do ano novo, Mariano Rajoy, aterraba na Galiza, para proclamar a nosa Terra exemplo de comportamento cara o Estado, as súas institucións e a súa carta magna. Ao seu paso, condecoraba a Albor coa “Gran Cruz de la Orden de Isabel la Católica”; na honra daquela raíña que iniciou a política de “Doma y Castración del Reino de Galicia”. E todo para destacar o seu “galleguismo integrador”.

Estes son dous posicionamentos máis que veñen sumar á pingueira constante de declaracións e iniciativas que de esquerda á dereita e do independentismo ao unionismo se veñen producindo no ciclo politico aberto após as eleccións galegas e catalanas por volta da saída ás crises que vive o “Reino” . E neste ponto Galiza ten moito que dicir, moito que aportar. Os unionistas, sábeno ben. Nós, como exemplo dun povo perfectamente “integrado”, cun nacionalismo feble e afastado de procesos soberanistas e independentistas. E a verdade é que hoxe non molestamos. Simplemente existimos, controladamente.

Semella acertada pois, a proposta lanzada publicamente no acto de homenaxe a Castelao en Rianxo: unir forzas a prol da soberania e o cambio social. Para o nacionalismo galego é compatíbel defender o cambio de modelo socioeconómico coa loita por unha República de Galiza soberana. De seguro que están por madurecer os contidos da proposta, o seu alcanzo e os aliados. Mais se cadra, ningún outro axente político no País podía dar este paso.

A oferta xorde nun escenario no que o sucursalismo propagou “a prioridade da cuestión de clase, da cuestión social”. Na cuestión de clase e social xa andaba o nacionalismo galego, o seu sindicalismo e as súas forzas políticas cando outros pactaban a actual constitución ou suscribían “Pactos de la Moncloa”. O cal, finalmente, lévanos a pensar que esta “prioridade”, oculta que teñen claro que queren seguir unidos (federados, confederados, “autodeterminados”...) pero unidos ao fin ao estado español. Tampouco se intúe unha radicalización revolucionaria ou de clase.

Os e as que aspiramos a construir un estado galego e socialista, sempre nos guiamos pola indisolubilidade da loita de liberación nacional e social. E polo tanto, por construir as ferramentas organizativas e as alianzas políticas axeitadas para acadalo. Que certos sectores do soberanismo compren agora o vello argumento da esquerda española de que a cuestión nacional “é secundaria” non o podemos entender doutro xeito que coma un retroceso nos plantexamentos políticos que o nacionalismo contemporáneo no ano 1964 enunciara.

Finalmente semella incomprensíbel comprobar como no medio desta conxuntura, non concorreu no último proceso electoral autonómico, unha candidatura que abandeirara unha saída soberanista sen ambigüidades ao actual estado de cousas. Probabelmente, por unha mistura de incapacidade das forzas xenuinamente independentistas combinada co timoratismo das direccións con capacidade para situar con forza a cuestión soberanista no debate político.

Agora, novas reflexións e propostas abren o camiño. Comezemos a camiñalo.

Comentarios