Opinión

Galicia crea tendencia? Abofé que si

Cando me preguntan que é iso das tendencias, e mesmo en que consiste adicarse a cazalas, tento que a explicación resulte moi sinxela: trátase de ollar o que fan países ou empresas que adoitan ser precursoras en innovación, en acción de repercusión social e mediática, atopar un denominador común entre esas iniciativas e adaptalas a lugares, empresas ou institucións para convertelas en

Cando me preguntan que é iso das tendencias, e mesmo en que consiste adicarse a cazalas, tento que a explicación resulte moi sinxela: trátase de ollar o que fan países ou empresas que adoitan ser precursoras en innovación, en acción de repercusión social e mediática, atopar un denominador común entre esas iniciativas e adaptalas a lugares, empresas ou institucións para convertelas en seguidoras e, ao mesmo tempo, precursoras de dita tendencia no noso país. Sempre poñemos a Finlandia como exemplo de boas prácticas económicas, pero se funciona, por que non facer o mesmo, ou semellante? Por que non ollar o que está a demandar o cidadán, o consumidor? Non parece evidente que nestes intres reclama transparencia, valores, seriedade, firmeza, proximidade, empatía, vontade de resolver...? A esta capacidade de ollar denomínaselle coolhunting (termo americanizado, coma non), é dicir, cazar tendencias.

En realidade é moito máis sinxelo do que aparenta o seu estrambótico nome. A ninguén se lle escapa que estamos a asistir a un cambio no modelo de familia, no modelo de cidadán e no modelo de consumidor. Dous de cada tres matrimonios divórcianse, outros deciden de xeito meditado non ter fillos (dinkis), outros convértense en solteiros para toda a vida (singles) e outros, os seniors (un termo moito máis amable que “terceira idade”) adícanse en moitos casos a viaxar, facer cursos ou ir á universidade. E é aquí onde xorden as oportunidades e novos nichos de mercado, onde nace a hiperespecialización das empresas para artellar solucións orixinais e específicas para eles.

"Proxectos coma Suministros Integrales de Geriatría (SIG), Ingennius, adicada a obradoiros de estimulación creativa infantil, ou Zarpamos.com son exemplo da capacidade de creación de iniciativas novidosas en Galicia".

Existen en Galicia proxectos espectaculares, como Granxa O Cancelo, unha cooperativa que, ademais de ser unha das precursoras dos expendedores do leite fresco nas grandes cidades, fabrica xeado artesán con froita fresca, como resultado da tendencia de volta ao consumo de produtos naturais. O proxecto, tamén cooperativista, de Milhulloa produce e distribúe, entre outros produtos, grelo deshidratado e plantas de producción ecolóxica, que xa vende en países coma China, entre outros moitos. Hai proxectos dentro de I+D+i que sorprenden en canto os descubres. Umana é un deles. Con base en Vigo, adícanse á análise biomecánica do corpo humano, e estase convertendo xa nun centro de referencia en medicina, enxeñería e mecánica. Martínez Otero é unha empresa da Estrada que deseña e fabrica tendas para Zara, mais tamén para a cadea de hoteis Hilton ou as tendas de Nespresso en España. Abogaley, un portal web de servizos xurídicos low cost con sede na Coruña, ofrece paquetes básicos e consultas inmediatas para os seus clientes a un prezo ao alcance de calquera. Podemos falar tamén de Urban Square, que deseña mobiliario urbano do máis vangardista e xa expuxo as súas obras en Londres.

Outras iniciativas informativas, coma o portal www.disquecool.com, son perfectas para amosar o que é e seguirá a ser a adaptación das iniciativas empresariais á nova realidade do mercado.

Galicia ten unha capacidade de emprendimento moi importante; unha cultura emprendedora que moitas outras comunidades envexan. Ten xente traballadora, preparada, con historia, como as que lles contaban os seus avós dende Londres, Suiza, dende Venezuela. Os galegos temos capacidade para xerar proxectos, mais precísanse políticas de impulso e apoio institucional aos emprendedores e autónomos. E non me refiro ao diñeiro, senón aos recursos. Podo apostar a que, investindo en innovación e mellorando a nosa capacidade de producción, Galicia tería a capacidade de ser pioneira en moitos ámbitos. Quizais tamén hai que seguir cambiando o chip, pero esta nova forma de vida xa é unha realidade.

Dicía A. Einstein que “a auténtica tolemia é seguir facendo o mesmo, e agardar resultados diferentes”. A ver se nos aplicamos o conto.

Comentarios