Opinión

Galego e estreleiras: estranxeiras nunca máis

 

O mesmo Goberno que, por vez primeira desde que temos Parlamento, ten lexislado contra o uso do galego no ensino fica de brazos cruzados perante o abuso de poder que sofren @s seareir@s galegos aos que se lles incauta as súas bandeiras patrióticas, estreleiras, cando tencionan acceder a campos de fútebol españois. Non debe admirarnos.

O mesmo Goberno que, por vez primeira desde que temos Parlamento, ten lexislado contra o uso do galego no ensino fica de brazos cruzados perante o abuso de poder que sofren @s seareir@s galegos aos que se lles incauta as súas bandeiras patrióticas, estreleiras, cando tencionan acceder a campos de fútebol españois. Non debe admirarnos. O PP goberna no Estado e na Galiza. E ten un proxecto ideolóxico ben clariño: de integrismo españolista, abertamente excluínte. Só unha identidade. Só unha bandeira. Unha. Grande. Libre.

Unha chamada do ministro do Interior bastaría para que cesase o atropelo aos seareiros galegos que, no libérrimo uso dos seus dereitos, expresan simbolicamente a súa pertenza a Galiza levando as estreleiras aos estadios de fútebol. Mas isto é política. Isto vai de xestos. E o Goberno do PP reserva os acenos para a súa freguesía máis estrema, a que porta enseñas franquistas, predemocráticas, fascistas. A mesma que entoa o Cara ao Sol no Santiago Bernabeu sen que se despeitee en tribuna o presidente Florentino Pérez? A mesmiña.

O ministro non fará esa chamada e continuará a aplicar unha leitura non só restritiva, senón abusiva, intereseira, partidista, da Lei do Deporte, ao servizo da ideoloxía españolista. O texto legal só prescrebe que se prohíba o acceso aos campos de símbolos que incitan á violencia. Na ideoloxía do imperialismo español, o nacionalismo é sinónimo de violencia. As vítimas da opresión nacional, os pobos como Galiza, deveñen en verdugos para os que escreben (e nos impoñen) a historia. 

Practícase aquí unha unha inversión absoluta da realidade. Xusto como no campo lingüístico: é o galego o que está en situación de estrema inferioridade, nalgúns eidos á beira da inanición. Pois ben: os tímidos intentos de restauración de usos da lingua que se teñen practicado desde as administracións autonómicas teñen sido cualificados de “imposición” polo españolismo político nunha estratexia de criminalización da normalización lingüística aplaudida con fervor polos meios españolistas, xenerosamente subvencionados a conta dos impostos de tod@s. Que imposición? Aquí a única lingua imposta é a que trouxo o Imperio do que falaba Nebrija. E como ten dito a profesora Pilar García Negro do que se trata non é de impor o galego, senón de o pór, de o facer existir, naqueles ámbitos nos que sinxelamente non está.

Na defensa dos símbolos que nos identifican como o que somos vainos a vida como sociedade. O galego, a bandeira. Son obxecto de persecución por parte do españolismo porque neles reside boa parte das opcións que temos de continuar a ser un pobo diferenciado, con perspectiva de futuro.

Celebramos a Día das Letras. Claro que hai futuro. Mais con outra política. Coa que naza do seo da sociedade, do impulso da auto-organización. O galego e as estreleiras non poden ser estranxeiras na súa patria nunca máis. Deben ser muito máis visíbeis, ocupando o territorio que lles corresponde.

Comentarios