Opinión

Franco, Elvis e Bruce Lee

Pasaron xa case que corenta anos dende que morreu Franco. Un mundo de anos. Un lote deles. Moitos moitísimos moitérrimos de anos. Tempo máis que dabondo como para que de verdade se tivese pasado páxina e se conseguise susperar unha etapa griseira, fea, resesa, na que todo era triste, demencial, resignado e, resumindo, unha merda. Sen embargo, e a pesar de que si, que pasou moito tempo, a realidade é que o franquismo segue entre nós.

Pasaron xa case que corenta anos dende que morreu Franco. Un mundo de anos. Un lote deles. Moitos moitísimos moitérrimos de anos. Tempo máis que dabondo como para que de verdade se tivese pasado páxina e se conseguise susperar unha etapa griseira, fea, resesa, na que todo era triste, demencial, resignado e, resumindo, unha merda. Sen embargo, e a pesar de que si, que pasou moito tempo, a realidade é que o franquismo segue entre nós. E semella que moi vivo. Como se fose un becho (porque é un becho malo, que ninguén me diga que é unha ideoloxía coma outra calquera), un deses rabudos imposibles de matar, a mala herba famosa que nunca morre, coma a quenlla da peli de Spielberg, que pensas que xa que si pero xa que non, coma o Alien, bichiño tenro, que reaparece, coma Glenn Close dentro da bañeira en Atracción Fatal...pois o franquismo igual. Mais, a diferenza de todos eses exemplos que puxen, que son festeiros e ata simpáticos, o franquismo social famoso, que así lle chaman os que gozan poñéndolle nome ás cousas, é un asunto indesexable que, ademais manca e fai dano.

O franquismo segue entre nós, como demostran os touros na tele, o que escriben xornais como La Razón ou El Mundo, ou o comportamento de señoras coma Soraya, Esperanza ou Ana Alcaldesa, de mantilla, procesión e catolicismo obrigatorio se lles deixasen. O franquismo nótoo ás veces cando vou a Madrid e me miran raro por ir falando polo móbil en galego. O franquismo vémolo nos ataques criminais de cadeas de radio onde se sataniza o que se saia da ortodoxia centralista. O franquismo vémolo no ataque sen piedade ao que lle chaman estado das autonomías relacionándoas coa crise por iso do gasto. O franquismo vémolo no deseño dunha política educativa de wertigo que fala de españloizar ao alumnado. E vémolo nun goberno que fala de segregar por sexos nas aulas, ou nos Roucos Sigfredis Varelas que seguen insistindo nos perigos da carne, a homosexualidade e o divorcio. O último expoñente desta actitude é o traballo brutal que dende Madrid se está a facer para demonizar o soberanismo. Cando, se é certo que Franco morreu, debería entenderse como un dereito democrático que, ademais, está recollido como un dereito humano básico (o dereito á autodeterminación dos pobos).

Será que Franco non morreu. Veña ho! Quita daí. Franco está vivo. Noutro planeta. Con Elvis e Bruce Lee. Por exemplo.

Comentarios