Opinión

Fortalezas e feblezas de Feijóo (e compañía)

Para alén da palabrería dirixida a convencer aos pouco informados ou incautos a práctica amosa que Feijóo ten nada claro que poida repetir como Presidente da Xunta de Galiza, e por esta razón está a empregar todos os medios que ten o sistema (que son moitos) para condicionar a vontade popular, mesmo ás veces dun xeito moi arriscado. É evidente que neste proceso electoral conta co apoio do gran capital sen fendas de ningún tipo.

Para alén da palabrería dirixida a convencer aos pouco informados ou incautos a práctica amosa que Feijóo ten nada claro que poida repetir como Presidente da Xunta de Galiza, e por esta razón está a empregar todos os medios que ten o sistema (que son moitos) para condicionar a vontade popular, mesmo ás veces dun xeito moi arriscado. É evidente que neste proceso electoral conta co apoio do gran capital sen fendas de ningún tipo. A alta burguesía séntese forte abondo como para manter o control da situación sen ter que recorrer nen ás máis mínimas concesións ás clases subalternas, polo que non necesita dun PSOE reconvertido en social-liberal; chégalle con que sexa a principal forza da oposición, para mediatizar o debate político. Non quero dicir que toda a patronal teña os mesmos intereses, nen que estea recollendo os froitos deste reaxuste cunha inmensa concentración e centralización da riqueza e do poder, sinxelamente que a cúpula está moi unificada e os que están perdendo carecen dun proxecto alternativo, xa que as medidas keynesianas non dan resultado no marco da globalización neoliberal, e unha saída do euro e da UE dálles vertixe, porque saben abriría as portas a un cambio na correlación de forzas e a mudanzas sistémicas.

"A alta burguesía séntese forte abondo como para manter o control da situación sen ter que recorrer nen ás máis mínimas concesións ás clases subalternas"

A demostración máis evidente de que o PP optou por medidas arriscadas nesta campaña electoral, como a “coincidencia” e teatralización nos medios, con filtracións precisas, do caso Pokemon; o anuncio cunha gran escenificación mediática e arroupe patronal do acordo con PEMEX cheo de chapuzas e incertezas; a recuperación transitoria da linguaxe das dúas patrias (a galega e española, esta última asumida dun xeito crítico e sacralizante, e a galega como un pecado orixinal); e a aceptación de debates cos cabezas electorais dous dos principais partidos da oposición (Vázquez e Jorquera), que de non ser necesarias nunca aceptaría xa que sempre son un risco para o gañador. Núñez Feijóo e a súa equipa saben que, malia que as enquisas dánlle uns resultados próximos á maioría, a porcentaxe de abstención e indecisos é tan alto que todo está aberto, máxime cando a situación é tan tensa e o noxo social tan amplo. Calquera erro propio ou do Goberno central pode botar abaixo todo e producirse un corremento moi grande de forzas.

A confusión política, habilmente sementada pola burguesía, aproveitando a súa hexemonía nos medios de información de masas e a derrota ideolóxica dunha parte da esquerda, debilitaron e fracturaron a oposición sistémica xusto no momento en que era máis necesaria a súa unidade. Ademais, desde os medios de comunicación e o poder xudicial, en verdadeiras operacións de marketing, co argumento de perseguir a corrupción política estendeuse a sospeita a todos os partidos. Sobre esta base a dereita española en Galiza construíu o seu discurso electoral e espera manter o poder perdendo os menos votos posíbeis e conducindo aos descontentes á abstención ou a opcións sen ningunha posibilidade de obter deputados/as. Xornais como La Voz de Galicia, o maior medio de comunicación do país, traballan a conciencia estes dous aspectos, por exemplo, este pasado domingo na portada local de Vigo titulaba “manifestación contra os políticos” cando despois se trataba dunha protesta contra a globalización neoliberal e a prol da convocatoria dunha folga xeral. Non é o único medio que fai o seu “traballo” sobre o imaxinario colectivo, botando auga no muíño dos intereses conservadores, e alentando no seu día a ruptura co BNG daqueles sectores que ficaron en minoría na Asemblea de Amio.

 "A dereita española en Galiza construíu o seu discurso electoral e espera manter o poder perdendo os menos votos posíbeis e conducindo aos descontentes á abstención"


Porén Núñez Feijóo e o Partido Popular teñen moitos puntos débiles que a oposición pode explotar. Carece de alternativa para saír da crise, para alén de facer promesas baleiras, como no 2009 que cando afirmou que ao chegar á Xunta ía rematar axiña co desemprego, as medidas que aplicou foron responsábeis da perda de máis 130.000 empregos, da emigración de 60.000 mozos e mozas, da desfeita de sectores estratéxicos como o naval, lácteo, pesqueiro, bancario, etc. Ou sexa, máis do mesmo non vale, como confirman as predicións económicas que dan unha queda do PIB do 2% este ano e outro tanto o vindeiro. Por se non abondara, o Goberno central traballa coa hipótese de que até o ano 2020 non se vai xerar emprego neto, co que significa isto para milleiros de familias, así como para a débeda pública, os orzamentos, as pensións e prestacións esenciais, de se manter a actual liña de prioridades económicas e sociais. Asemade, facer conxecturas sobre o que vai acontecer no ano 2020 non deixa de ser un espellismo, dado que estamos nunha conxuntura con varios escenarios posíbeis abertos. Non deixa de ser unha hipótese máis, e dado que sobre ela traballa o Goberno central temos que considerala a máis optimista para os seus intereses e con esta política neoliberal. En resumo, aínda que o tempo é escaso, decidido en función dos intereses do PP, ben utilizado pode ser abondo para facer chegar a mensaxe á sociedade malia o control da información dos medios hexemónicos, para clarificar as diferenzas e as alternativas malia a interferencia xudicial, e limitar a incidencia das dependencias electorais tecidas polas clases dominantes.

"Tanto no contido como na forma o BNG ten ben enfocada a mensaxe, tendo en consideración cal é o contexto desta campaña electoral"

Por último, unha valoración rápida. Asistín á Convención Nacional do Bloque e escoitei detidamente as intervencións, e coido que, tanto no contido como na forma o BNG ten ben enfocada a mensaxe, tendo en consideración cal é o contexto desta campaña electoral. Entendo que é acertado presentar o BNG como a casa común do nacionalismo e destacar que a cuestión nacional e social van unidas nun país colonizado como o noso. Eu diría máis: a esta altura da globalización neoliberal (centralización e concentración) dáse en prexuízo daqueles países que non sexan unha potencia, teñan ou non estado propio (aínda que nestes últimos en maior medida). Non é casual que dende Arxentina até Venezuela, pasando por Cuba e Bolivia, a cuestión nacional está intimamente vinculada non só á resolución da contradición fundamental senón mesmo a poder garantir os dereitos sociais e laborais mínimos. Para alén das dramáticas cifras de desemprego, destacaría tamén o medre da desigualdade na distribución da renda (concentración), e que non é máis acentuada polas xornadas extenuantes ás que se somete a clase traballadora; tampouco esquecería comentar que a alta taxa de paro e a emigración (man de obra de reserva) son un elemento de presión para disciplinar a clase traballadora. E para alén dos resultados, porque o tempo histórico aínda non o determina o nacionalismo, e dos custes dos erros cometidos, o certo é que a fronte nacionalista vese ilusionada e con capacidade transformadora. No seu conxunto os oradores, mozos e maduros, mulleres e homes, soaron ben, como forza humana plural e unida no fundamental, capaz de ofertar unha resposta para a maioría social da nación galega. E, como dixo Guillerme Vázquez: esa solución debe vir da combinación precisa, de: mobilización na rúa e de ocuparmos mediante o voto as institucións políticas. Esta é a prioridade do movemento nacional popular galego.

Manuel Mera