Opinión

Fóra chove

Fóra chove. O vento e a chuvia déixanse sentir no comezo deste outono pre- electoral. Anúncianse treboadas e  temporais que non serán exclusivamente meteorolóxicos. O terceiro poder non quere pasar desapercibido e irrompe con forza. O tempo dirá se temos que acreditar na casualidade ou polo contra, a independencia que se lle presume non é tal.

Fóra chove. O vento e a chuvia déixanse sentir no comezo deste outono pre- electoral. Anúncianse treboadas e  temporais que non serán exclusivamente meteorolóxicos. O terceiro poder non quere pasar desapercibido e irrompe con forza. O tempo dirá se temos que acreditar na casualidade ou polo contra, a independencia que se lle presume non é tal. Chama atención que non exista a mesma dilixencia e entusiasmo á hora de perseguir a grandes estafadores, coñecidos e recoñecidos, que aniñan felizmente no mundo das finanzas e a banca. O debate político desaparece, enxordecido por un tremor que acapara tertulias, noticias e xornais. Mentres a Xunta, copada de candidat@s do PP, empregan a vella táctica fraguiana de utilizar as institucións como prolongación do partido. Os medios públicos funcionan como terminal propagandística, repiten acriticamente a consigna do día e converten a Feixoó  na estrela invitada do telexornal. É triste ver a televisión pública que pagamos entre todos e todas convertida no Nodo particular do presidente en funcións.

Fóra chove. Milleiros de persoas viven situacións realmente difíciles. Un mozo máis, merca billete de ida ao estranxeiro. Non vai de viaxe, atopou traballo. Familias enteiras apagan a luz. Hai que aforrar en gastos que están por riba das súas posibilidades. Unha pensionista chora. Maldice o día que a engaiolaron coas participacións preferentes. Os traballadores de Alcoa demandan solucións para evitar un peche inminente. O naval protesta. Non comulgan con rodas de muíño, nin promesas valeiras. Nais e pais do rural defenden o ensino. Os nenos e nenas son especie en perigo de extinción e hai que defendelos. Mulleres berran: nós decidimos. O seu corpo non é territorio invadíbel por falsos moralismos.

Fóra chove. Mais habitamos no país da esperanza. Non da fé cega, nin de mesías autoproclamados. Habitamos na Galiza que non cala, nin se resigna. A que estivo nas rúas na folga xeral. A que defende a sanidade e o ensino públicos. A Galiza que quere galego. A Galiza que se defende e proclama o dereito a decidir como pobo. A que non está disposta a renunciar a ter os centros de decisión aquí (e non en Madrid) A que defende a igualdade, a xustiza e a solidariedade. A Galiza que sabe que en Bloque podemos. Fóra chove. Mais a esperanza habita en nós, e se chove, mollámonos por Galiza.

Comentarios