Opinión

Fill@s da Transición

Teño un amigo co que comparto certo aburrimento cos tópicos sobre @s nen@s, que adoitan ser cousa de maiores. Pero como é un tipo con talento, el sabe levalos ao seu divertido terreo. Non se considera especialmente agraciado no físico e así un día -seica inspirado por algo que vira nun episodio dos Simpsons- nun parque infantil, cando alguén lle dixo o inevitable “o teu fillo é igual a ti”, respondeu “que está, chamándolle monstro?”. 

Como toda brincadeira intelixente, a resposta contén un desenvolvemento máis amplo. Contra o tópico da simple semellanza xenética xorde outra cuestión moito máis relevante, a dos parecidos nos comportamentos. E esa pode ser unha beizón ou unha maldición. Por exemplo, na orde apodrecida que se agarra á Constitución de 1978 resultan sinxelos de albiscar os nexos de unión entre o gran pai e os seus fillos e as súas fillas. Que son multitude e non pola coñecida ansia sexual que habita na xefatura de Estado, senón polos numerosos participantes naquela farsa en declive, xermolo das lesivas e contestadas políticas do presente, só entendibles desde a súa  total mimetización co proxenitor, ese ao que lle chaman Transición. 

O gran tótem desa “modélica época” foi un monarca designado por un ditador. E segue a ser. Aí está Juan Carlos I, chamando a tiranos árabes para que lle dean traballo ao seu xenro corrupto (presuntamente). É o mesmo que facía durante os tempos de Papá Transición, cando movía fíos para encher as arcas das forzas políticas sistémicas. E pode ser que algunha cantidade se lle perdese polo camiño e de súpeto se convertese nun enorme patrimonio. 

"E segue a ser. Aí está Juan Carlos I, chamando a tiranos árabes para que lle dean traballo ao seu xenro corrupto (presuntamente)".

A orde “autonomista” foi cousa do liberal catalán Miquel Roca, aderezo mediterráneo da “modélica época”. Agora, xusto cando Catalunya intenta superar todas os atrancos que lle poñen á súa soberanía, o señor Roca sitúase a carón da Casa Real, sinónimo de unionismo, defendendo a infanta imputada. É o mesmo que facía durante os tempos de Papá Transición, cando artellou un Estatuto para calar a autodeterminación. 

A dereita mandaba no franquismo, mandou dende as sombras durante a reforma e manda agora. Pero a maquillaxe esquerdista da “modélica época” correu a cargo do PSOE de Felipe González, que agora -á vez que senta no consello dunha multinacional- ataca as mobilizacións da esquerda social contra os desafiuzamentos, os chamados escraches. É o mesmo que facía durante os tempos de Papá Transición, cando tamén tiña como obxectivo desactivar á esquerda real usando a súa dialéctica. Logo nunca aplicou as súas políticas. 

Podería continuar, pero toca resumir. Vivimos unha terrible crise. Provocouna un réxime tamén igualiño ao seu pai. Un monstro. 

Comentarios