Opinión

Festas do agosto ou como españolear Galiza

É  agosto. Sábese, para alén do que din as páxinas do calendario, porque nas tabernas que restan de antes de eles e elas partiren se ouven falares de reencontro. E tamén porque nas verbenas e romarías que enchen o mes transcenden bicos e apertóns de mans seguidos da presentación de novos membros da familia, criaturas que non contribúen a frear a nosa queda demográfica por máis que moitas delas reciban augas de baptismo nalgunha igrexa en que xa non se di misa, só celebración da palabra, que ven sendo a forma eclesiástica de denominar os recortes en vocacións.

É  agosto. Sábese, para alén do que din as páxinas do calendario, porque nas tabernas que restan de antes de eles e elas partiren se ouven falares de reencontro. E tamén porque nas verbenas e romarías que enchen o mes transcenden bicos e apertóns de mans seguidos da presentación de novos membros da familia, criaturas que non contribúen a frear a nosa queda demográfica por máis que moitas delas reciban augas de baptismo nalgunha igrexa en que xa non se di misa, só celebración da palabra, que ven sendo a forma eclesiástica de denominar os recortes en vocacións.

"Españolear é a proposta festiva e lúdica tanto para quen reside aquí todo o ano como para aqueles e aquelas que partiron -e parten- porque o Estado non garante o dereito ao traballo na nosa, na súa Terra"

Chegan de Bilbo ou de Miranda de Ebro; algúns de Catalunya e case ninguén de Madrid. Os derradeiros en partiren para a Alemaña ou Australia, Brasil ou Ecuador,  non voltan este ano, que as distancias son longas demais e os salarios curtos por recomendación do Fondo Monetario Internacional.
Hainos que retornan á casa da que partiron e outros que teñen piso de alugueiro ou de compra nalgunha vila próxima a aquela onde naceron. Tamén hai quen fixo casa en parcela de seu e agora retorna para abrir portas e xanelas e botar fóra a humidade do inverno, apousada en paredes e roupeiros.

Partiron por centos, como agora o fan a un ritmo de ducias por día, e tornan para a festa parroquial con noras ou xenros que naceron fóra e falan castelán. Van á festa do emigrante e a todas cantas ocasións de entrar en  sociedade se presentan na contorna. Partiron por razóns a un tempo iguais e diferentes e voltan en medido ritual. 

E con que se encontran ao chegaren? Encóntranse con misas rocieiras e concursos de sevillanas; con espectáculos taurinos que xa viron e nada lles din; coa lingua que aquí deixaron desaparecida das programacións festeiras, das cancións que as orquestras interpretan nas verbenas, dos oficios relixiosos; co País inteiro  convertido nun enorme parque de atraccións do que desapareceu toda referencia ao propio e no que só se busca a introdución do peor do alleo. Un país cuxas autoridades acreditan cada vez con máis fervor na idea que no ano 1969 espallou o cantante Luís Lucena – na realidade Luís Lisart Tamarit, de apelidos e ascendencia catalá: Españolear.  Españolear é, segundo o dicionario “facer propaganda exaxerada da España”, iso que fai o alcalde da Coruña, ou o de Vigo, ou o que fai o ministro García-Margallo,  partidario de españolear o mundo. Díxoo hai dous días en Madrid, e repetiuno agora en Bruxelas. 

A razón xa está na letra daquela canción: considérannos turistas na nosa propia terra, nin sequera súbditos.

En agosto, españolear é a proposta festiva e lúdica tanto para quen reside aquí todo o ano como para aqueles e aquelas que partiron -e parten-  porque o Estado non garante o dereito ao traballo na nosa, na súa Terra; andaron o mundo por terror á miseria, por vontade de seren cidadáns con dignidade.  Alá habitan 11 meses ao ano; aportando traballo e riqueza fóra da súa Patria; aquí menos de un. Mais séntense, e son, galeg@s de nación e condición que poden participar en festas e romarías, mais non nos rituais desta democracia – eleccións autonómicas, por exemplo- que cada vez prescinde máis de nós e deles. 

Primeiro españolízannos -díxoo Wert- e agora o que compre é españolearnos. A razón xa está na letra daquela canción: considérannos turistas na nosa propia terra, nin sequera súbditos.

Comentarios