Opinión

Feminista e nai

Son da opinión de que unha nai debe sentirse feliz e ese será o elemento fulcral para que consiga os mellores resultados na difícil tarefa da educación da crianza. E non falo de educación só no sentido formal de adquisición de hábitos sociais ou non, falo tamén de educación sentimental, dos afectos, da confianza, da complicidade, do amor.

Son da opinión de que unha nai debe sentirse feliz e ese será o elemento fulcral para que consiga os mellores resultados na difícil tarefa da educación da crianza. E non falo de educación só no sentido formal de adquisición de hábitos sociais ou non, falo tamén de educación sentimental, dos afectos, da confianza, da complicidade, do amor. De construír un elo inmaterial e indestrutíbel, a mellor vitamina para o medre das e dos cativos. Un elo de tres, no que o pai debe ser outro elemento esencial. Evidentemente, o concepto de felicidade é suficientemente difuso como para que cada unha se considere feliz en circunstancias non só diferentes, senón mesmo antagónicas.

Lonxe dos anos de crianza, escoito agora falar do novo concepto de ecomaternidade, e debo confesar que a entrevista que escoitei a unha das súas defensoras nun medio de comunicación púxome os pelos de punta. Especialmente cando argumentou que estes momentos de crise son beneficiosos para esta nova doutrina. Ou sexa, que o fracaso laboral e a imposibilidade de contarmos as mulleres coa imprescindíbel independenza económica debe ser entendido como unha bendición? Porque así poderemos practicar unha maternidade mais natural? Mais a que lle chaman natural.

Defenden desde a ecomaternidade que as crianzas sexan atendidas na casa, preferibelmente polas súas nais. Parece entón que levar os nenos a escolas infantís non é natural. Iso é discutíbel. Primeiro porque as escolas infantís permiten a socialización dos nenos e nenas, frecuentar outras persoas diferentes dos seus pais, o que as/os axudará a relacionarse, para alén do plano estritamente educativo. Esta práctica que seguimos moitas persoas, levar as e os pequenos a escolas, é tan natural que está presente na natureza, por exemplo as cachalotas reúnen as súas crías en grupos aos que atenden varias femias e son aleitados por calquera delas, algo semellante do que fan as leoas. E varias especies de primates practican tamén isto ao que @s naturalistas chaman crianza cooperativa.

Na ecomaternidade defenden tamén a lactación a demanda e volver aos cueiros de toda a vida, con matices. Con matices porque logo comprobamos que ao redor desta ecomaternidade se tece un novo mercado de produtos naturais (outra vez o mercantilismo). Cueiros de tela mais que seguen levando un tisú para que as feces non se impregnen na tea e poidan ir á lavadora. Incríbel que tenten convencerme de que iso é máis ecolóxico, tirar o tisú coas feces polo inodoro, no canto de os deitar no lixo. Non señora, o que pasa polo inodoro vai ao río ou ao mar e o que aforra en celulosa gástao en auga, a diferenza en canto á contaminación é irrelevante.

Despois de escoitar varios dos argumentos, considerei a sutileza coa que o patriarcado acaba por dominarnos (e cando digo patriarcado, digo capitalismo, ou neoliberalismo se preferides). Nada mellor que apelar ao natural e ao “eco” para convencernos ás mulleres de que a maternidade debe volver cara a atrás, ser un cometido esencialmente das nais que preferibelmente deberán quedar no fogar, reducindo así as responsabilidades das institucións. Deste xeito eliminar escolas infantís e os seus postos de traballo será tamén “natural”, como “natural” será non atender as reivindicacións de incremento do permiso de maternidade e lactación, a creación de escolas infantís nos centros de traballo, a mellora dos permisos de paternidade, das excedencias por parentalidade, etc. Realmente, hai algo de reaccionario en todo isto. Unha estratexia do sistema, do poder, que adopta a terminoloxía que naceu para poñelo en evidencia e dándolle unha volta de parafuso acaba por usala no seu propio beneficio.

Nos parágrafos previos falei sempre de maternidade e de nais, a mantenta, porque eses foron os termos que quen explicou a ecomaternidade usou. Por que non se fala de parentalidade? Por que non mencionar os pais? Outra vez a maternidade é cousa das nais, que serán mellores nais, máis naturais, máis “eco” se se dedican a selo ao 100%, renunciando aos pequenos espazos acadados despois de décadas de loita feminista. En relación con isto, a filósofa Elisabeth Badinter acaba por falar da maternidade como unha nova forma de escravitude para a muller.

Outra vez culpábeis, a mellor maneira de controlarnos, non somos boas nais, non lles dedicamos bastante tempo aos fillos, non lles dámos a teta cando choran, usamos cueiros de celulosa por non lavar os de tea, levámolos á gardería para non atendelos nós mesmas. Mais quen é que di que é o que está ben e que é o que está mal, os mesmos que non queren ampliar os dereitos laborais das preñadas e das nais e os pais?

Algunhas dicimos moitas veces que o feminismo como táctica é fundamental para a transformación desta sociedade enferma. É un argumento de difícil penetración. Porén parece que o noso “contrario” si entendeu o perigo do punto de visa feminista e non aforra en estratexias que sirvan para coutarnos. E esta, esta “naturalidade” mal entendida pode ser outra máis. As nosas nais aprendéronnos unha lección esencial, formarnos para acadar un traballo que nos dera independenza económica. Foi incríbel comprobar como até unha humilde traballadora da economía submerxida entendera ese principio feminista sen ter lido nunca a Rosalía Castro ou Virginia Woolf. E estes discursos camiñan nesa dirección? Non, porque só axudan a que as nais traballadoras se sintan culpábeis de non seren nais perfectas, segundo “ese” concepto da perfección.

Este non é o debate. Non porque aínda precisamos afortalar os pequenos logros acadados para as traballadoras e os traballadores: duración do permiso de parternidade, exercicio do dereito de lactación, algúns dos que sufriron xa os recortes da crise.

As pequenas e os pequenos precisan pais e nais felices, nais e pais que o sexan porque así o decidiron e que na tarefa que realizan atopen cada día un motivo de satisfacción, nunca a sensación de renuncia, de obriga, de culpabilidade ou de incapacidade.

Como muller non acepto sentirme culpábel por loitar polo meu espazo, algo que compartín coa maternidade, coa seguridade de que o meu fillo quere unha nai que loite polos seus dereitos, o dereito ao seu propio espazo, como muller, como traballadora ou como nai.

Marta Dacosta

Agosto 2012

Comentarios