Opinión

Feira de feiras

  Así, por antonomasia, como Cantar dos cantares ou Muller de mulleres, a de abril está chamada a ser na Galiza das mil feiras a Feira de feiras. Non dispoño de datos numéricos e, daquela, non as podo reflectir neste artigo, mais sei que foron moitas as vilas e algunhas as cidades do noso país que deviñeron Sevilla o mes pasado.

Así, por antonomasia, como Cantar dos cantares ou Muller de mulleres, a de abril está chamada a ser na Galiza das mil feiras a Feira de feiras. Non dispoño de datos numéricos e, daquela, non as podo reflectir neste artigo, mais sei que foron moitas as vilas e algunhas as cidades do noso país que deviñeron Sevilla o mes pasado. Por exemplo Lugo acolleu a celebración no Círculo das Artes, a vedraña sociedade recreativo-cultural situada entre murallas. Seica foi un éxito. Finos e tapas de alén de Despeñaperros, a un magnífico prezo segundo un cronista local; traxes de volantes e lunares (“faralaes”, din algúns, mais seica non é o correcto), sevillanas e outros modos de danzar, ou simular que se danza, ao modo andaluz. Resumindo: Unha parte considerábel da poboación luguesa viviu o soño de non ser galega e, virándolle as costas á propia historia, entender por feira o que aquí durante moito tempo foi outra cousa.

Porque precisamente Lugo distinguiu tradicionalmente os mercados dos festexos, aínda que moitas veces circulasen á par, e por iso os carteis das celebracións de outubro incluían ambas: Feiras e festas de San Froilán. Non é así á outra beira do Miño, onde a palabra “feria” significa festexo ou vacación. Mais, en todo caso, non é ese o problema.

O problema é que nada nos gorenta máis que xogar a ser o que non somos. Como cando na nenez simulabamos ser maiores, a poñer os zapatos de taco da nai ou a nos pintar os bigotes, reais ou imaxinarios, do pai. Levamos máis de medio milenio no ensaio.

E por que andaluces e non casteláns ou estremeños, poño por caso? Podería ser porque nos semellan os habitantes máis ledos do Estado, cun folclore máis diferenciado e colorista; pero isto é discutible. O que xa non é discutíbel é a promoción que do andaluz se fixo como arquetípico do español. Fomos, sobre todo as persoas de certa idade, criadas ao peito dun cine, unhas cancións e un acento que nos fixeron asociar os soños ao sur da península. E, no que toca á xente nova, a televisión segue co labor.

Eu soño co momento en que os galegos e galegas celebremos co mesmo entusiasmo que a feira de abril, e os centos de convocatorias gastronómicas que nos chaman desde o largo e longo da nosa xeografía, as Letras galegas ou o Día de Rosalía. Se cadra a partir dese momento poderemos empezar a falar de país e, consecuentemente, de nós. Ou viceversa.

Comentarios