Opinión

Feijóo mente, tamén sobre o galego

Por vez primeira desde que goberna, Feijóo está á defensiva no que ten a ver co debate sobre a política lingüística do seu executivo

Por vez primeira desde que goberna, Feijóo está á defensiva no que ten a ver co debate sobre a política lingüística do seu executivo. A extraordinaria resposta cidadá á convocatoria de Queremos Galego, resposta que Sermos Galiza non pode máis que aplaudir, puxo de manifesto que existe un sector social moi importante na Galiza que ve en Monte Pío o maior inimigo da lingua galega. Non é desbotábel que esta percepción estea atinxindo tamén segmentos do electorado do Partido Popular. En todo caso, non está o PP como para desaproveitar ningún voto. Lembremos que nas europeas de maio de 2014 o PP colleitou o peor resultado na Galiza desde que se constituíu como tal, sobre as cinzas de Alianza Popular. Os inquéritos, por moito que os adubíe a imprensa amiga, non son moi positivos para o partido da gaivota para o curso 2015, duplamente chave, coas municipais de maio e as xerais de novembro.

A resposta de Feijóo á grande manifestación cívica do 8 de Febreiro afástase lixeiramente do guión habitual. No canto de facer a apoloxía de rigor ás bondades do pretenso bilinguismo harmónico, Feijóo opta por negar a evidencia -os incontestábeis dados do Instituto Galego de Estatística- e por proclamar autocompracente que con el no executivo se ten producido un "cambio de tendencia" a favor do galego.

Por vez primeira desde que goberna, Feijóo está á defensiva no que ten a ver co debate sobre a política lingüística do seu executivo

Empregándomos un coloquialismo, diríamos que Feijóo é un especialista en vender fume. Esa, a da propaganda, é a principal característica do xeito de goberno feijoniano. Mas neste caso non estamos ante a venda de mercadoría avariada, senón estamos ante directamente unha mentira. Feijóo mente e faino, aliás, en sede parlamentaria, o que, en termos políticos, é duplamente grave.

O galego está hoxe moito peor que en 2009. No plano dos usos sociais e no plano da protección legal. O Goberno Feijóo é o primeiro goberno que lexislou directamente contra a lingua, a reducirlle espazos en áreas tan sensíbeis como a escola ou a atención á infancia nos meios de titularidade pública.

Esa é a verdade. Feijóo mente e a sociedade galega toma nota.

Comentarios