Opinión

Feijoo: a síndrome da porta de aluminio

Preguntáballe a un amigo, moi versado en temas políticos, despois dos resultados electorais, cando íamos saír deste lastre de políticos de deseño cool (no orixinal, o cualificativo era máis enxebre). Contestoume que nunca. Cumpría non furar na chaga e mudar de tema, pola rapidez, seguridade e brevidade da resposta.

Preguntáballe a un amigo, moi versado en temas políticos, despois dos resultados electorais, cando íamos saír deste lastre de políticos de deseño cool (no orixinal, o cualificativo era máis enxebre). Contestoume que nunca. Cumpría non furar na chaga e mudar de tema, pola rapidez, seguridade e brevidade da resposta.


Pero esta lacra de moqueta e frases reiterativas e baleiras ante as cámaras non chegou da nada senón dos centos de milleiros de cidadáns que gostan desa posta en escena, un día si un día non, destes chafallas universitarios-funcionarios de carreira, que pensan comer o mundo administrando e repetindo non sei que do déficit cero.


Este fermoso e calumniado país merecía máis. Os seus habitantes tamén cargan unha pesada lastra neses centos de miles de votos que moitas veces se explican polo medo a perder a pensión ao subdesenvolvido «malo coñecido», unido a unha mocidade formada pero sen cultura que aínda pensa que o país está en débeda con eles por ter estudado, e non se senten eles en débeda co país.


En fin, o noso país é fermoso. Os nosos devanceiros souberon, con infinita cultura e ningunha formación, moldealo, afacerse, facer del un lugar único na súa arquitectura, na súa paisaxe labrada, fixeron algo fermoso nas súas aldeas, vilas, nos seus recunchos, carreiros, capelas, igrexas, cruceiros, barcos, portos. Despois veu o «progreso» e puxémoslles a esas fermosas construcións de pedra, dos nosos albaneis, canteiros e arquitectos do pobo… unhas «modernas» portas de aluminio, e acordeime de Feijoo e do Partido Popular (e do PSOE)… eles son a porta de aluminio do noso país e semella que efectivamente nin apodrecen nin enferruxan, pero a cultura do noso pobo, aínda que tarde e non sei cando, fará que voltemos ás portas orixinais.

Comentarios