Opinión

Fagan xogo, Señores!

Que mellor noticia para un primaveral domingo de poalla que a conquista rajoniana dunha liña de crédito ultravantaxosa para a banca española. Diante dunha fiestra chea dun verde esperanzador, un presidente ríxido e distante tentou convencer a un auditorio farto de vagas palabras.

Que mellor noticia para un primaveral domingo de poalla que a conquista rajoniana dunha liña de crédito ultravantaxosa para a banca española. Diante dunha fiestra chea dun verde esperanzador, un presidente ríxido e distante tentou convencer a un auditorio farto de vagas palabras. Se tivera que facer un pequeno resumo da comparecencia de Rajoy en horario de misa, eu diría algo así como: “Todo estupendo, estamos no camiño, isto é un éxito, mellor imposíbel e voume ao partido de fútbol aínda que me perderei a Nadal.”

 

Aquí morre o conto do rescate. Isto é un afortalamento do sector financeiro. Agora fluirá o crédito e a degustar perdices nos comedores sociais. O euro máis fortalecido, Europa moito máis europa e o problema redúcese a uns “hilillos de plastilina”. Perdón, isto non tocaba agora, quería dicir que o problema é unha pequena inxección de 100.000 millóns de euros para o funcionamento correcto do sistema.

 

As persoas que teñen os seus aforros de toda a vida no “corralito” das preferentes, os parados e as paradas que vagan polas cidades, os nenos e nenas que só comen unha vez o día, os que nunca se pensaron volvendo a casa dos seus país, os que hipotecaron até a alma porque ter un piso era unha obriga social, os que perderon a bolsa de estudos, os que non verán renovado o seu contrato como investigadores, os que pechan o negocio co sabor amargo no padal, os que piden outra cervexa no bar de abaixo vencidos e defraudados. Para todos eles, para todas elas, o sistema xa fai tempo que non funciona e mañá non funcionará.

 

O neoliberalismo errou. O mercado non regula a vida, a destrúe. A economía como fin en si mesma, e non como medio, elimina a ética e a política do seu contorno. A economía da avaricia elimina a democracia. Este debería ser o momento da Política, da reflexión sobre que sociedade queremos e sobre que piares a reconstruímos. Na segunda década do terceiro milenio, na chamada sociedade do coñecemento, na sociedade capaz de saber se en Marte hai auga, as diferenzas entres ricos e pobres retrotráennos séculos. Remedo aquí e remedo acolá hai quen pensa que podemos ir tirando. Todo semella que non.

 

É o momento da soberanía individual e colectiva. Decidir sobre as nosas vidas é o primeiro paso para poder decidir sobre as nosas sociedades. O credo neoliberal ben o sabe e por iso se aplica tanto no baleirado cultural, educativo e social. Dar voltas sobre o falso crecemento dun sistema que agoniza é apostar todo a ficha vermella ou negra. Mais sabemos que no grande casino mundial a ruleta xira sempre do mesmo lado. A Banca sempre gaña.

E se non xogamos?

 

Comentarios