Opinión

Facendo Memoria(s)

Andamos os e as docentes de ensino non universitario nestes días de peche mensual, trimestral e escolar. Unhas semanas antes ese peche mesmo chegou a ser físico e visualizado no compromiso colectivo para co ensino público en numerosas comunidades educativas galegas.Cómpre agora pecharmos documentos, arquivos, pastas e gabetas que certifiquen o visto e prace á superación do curso 2011-2012.

Andamos os e as docentes de ensino non universitario nestes días de peche mensual, trimestral e escolar. Unhas semanas antes ese peche mesmo chegou a ser físico e visualizado no compromiso colectivo para co ensino público en numerosas comunidades educativas galegas.

Cómpre agora pecharmos documentos, arquivos, pastas e gabetas que certifiquen o visto e prace á superación do curso 2011-2012. Non esquezo, non, descoiden!, que aínda quedarán uns retalliños pendentes das últimas puntadas de setembro, mais a sensación (necesidade?) de lle tomarmos o pulso ao punto e final bate na porta e non somos quen de ignorar o seu ruxerruxe.

Mais antes de iniciarmos o camiño dos soños da quebra da rutina laboral, a burocracia administrativa estridente fai acto de presenza nas pantallas dos nosos computadores. Chegou a hora da... MEMORIA! Non se trata de analizar o estado da memoria do computador na fin de curso, non. Debemos facer memoria e render contas das nosas actuacións académicas. E entón a miña memoria lévame a parafrasear -con desculpas antecipadas- aqueles versos de Curros Enríquez para Rosalía de Castro: render contas nós, precisamente @s que non temos quen rece por nós!!!

Ennovelamos (enténdase ben! … de novela pouco ou nada... ou si?) unha memoria que dea conta dos obxectivos cumpridos naquela programación redactada nun setembro xa caduco e do plan de actuacións desenvolvidos para a consecución dos fins aos que a literatura legal nos obriga.

Recompilamos, nun intenso proceso cuantitativo, medido en cifras calculadoras resultado de sumas e divisións, porcentaxes de resultados e declaracións de veracidade daquilo que foi no seu día propósito de emenda.

E como dan as contas, preguntaranse?

Cada un fala da feira segundo como lle vai nela, escoitei ben nova nos campos da feira da miña infancia, debo responder eu.

Por que? Porque mentres nos obriga o engaiolador (que non engaiolante...) aparello bu(r)rocrático administrativo a recoller numericamente o HABER derivado desas contas, hai quen, coma min, renova insistentemente as acordanzas desoutro capítulo que día a día nos foi obrigando a superar obstáculos desde a pértega vocacional: o respecto polo alumnado.

O meu caixón das lembranzas persoais, concepto abstracto de seu, intanxíbel en calquera documento impreso ou gráfico, fala de sorpresas, descubertas, interrogantes, emocións, sentimentos adolescentes que comezan a agromar na procura de respostas comprensíbeis.

Aquela ollada fixa de F. nos gravados de Castelao no Museo de Pontevedra; a descuberta da experiencia da memoria do exilio intelectual galego naquel audiovisual que provocou en A. investigación maior noutras fontes directas e familiares até entón agochadas no baúl arrombado no faiado; o visionado colectivo e posterior lectura d´A lingua das bolboretas; a lectura a viva voz de T. interrompida polas apremiantes bágoas daquel (in)tenso poema de Makinaria (Carlos Negro, un poeta galego mozo que fala coma nós!) que lembraba cruezas de velocidade sen freo, vividas noutras experiencias mozas próximas; a ironía convincente de E. para facer realidade o soño do teatro escolar amador; o afán de superación de J; as reflexións da actualidade interactiva blogueira; a achega dun coñecemento plural da música galega invisíbel; a revolta interna provocada logo da lectura d´A cabeza de Medusa; a sorpresa de se ter convertido en politono (case) universal unha fermosa melodía portuguesa de André Sardet; a quebra da fronteira lingüística alén Miño...

Nesta altura en que estamos a piques de colgar o cartaz de “Pechado por vacacións”, só a convicción na importancia do noso traballo como docentes, como sementadores de preguntas e reflexións, como entes coeducadores dunha sociedade galega que se recoñeza en si propia desde os valores irrenunciábeis da xustiza, cohesión, pluralidade e respecto equitativo, reafirma os nosos azos para continuar a travesía e virar os ventos.

Comentarios