Opinión

Facendo memoria das "Memorias dun neno labrego"

Unha biografía humana constrúese paseniñamente, aniñando ilusións, acordando experiencias iniciáticas, expóndonos á dor imprevisíbel, ansiando futuros e estrañando pasados en presente.

Unha biografía humana constrúese paseniñamente, aniñando ilusións, acordando experiencias iniciáticas, expóndonos á dor imprevisíbel, ansiando futuros e estrañando pasados en presente.

As persoas, as xeracións de individuos que imos construíndo pobo e comunidade, non somos illas, senón istmos, elos de cadea dispostos a evitar interrupcións definitivas que calquera prestidixitador teime en argallar para nos facer esquecer de onde e de quen vimos. Algunhas destas persoas mesmo teiman en primaren a curiosidade individual e interna para poñela en coñecemento da pluralidade social, mentres que outras se orgullan en seguiren e reproduciren unicamente aquelas opcións que se orquestran desde o exterior con fins non sempre oportunos mais si oportunistas. Quero ver o mundo ou quero ver a través do mundo que me presentan? Velaí o reiterado dilema nunca acabado de superar!

A curiosidade matou o gato, di o saber popular. A curiosidade leva a escoitar detrás das portas ou a descubrir América, pensou o noso veciño narrador portugués Eça de Queirós.

A mesma curiosidade indiscreta que un día me levou a bater cun libro envellecido na casa familiar. A sorpresa puido devir polo aroma afumado daquela capa, pola imaxe de portada descoñecida para min e allea ás series de láminas florais e paisaxísticas que adobiaban paredes indefinidas ou polo tacto rugoso que tropezaba aos poucos con páxinas enleadas e anoadas, como pregos que se resisten a dobregaren perante a man humana, agochando para si até o infinito o segredo dunha lectura que se resiste. Con certeza, a sorpresa entrou polos sentidos, (pre)sentindo, lonxe aínda dese definitivo sentido común que os maiores tanto nos alaban cando as preguntas non achan respostas precisas porque aínda non chegou a hora da verdade. Máis lonxe aínda dese sexto sentido que eles besbesullan ignorando que o nome co que elas o bautizan é o da intelixencia reflexiva.

Aquela noite de nena curiosa apreixei aquel libro diferente, anunciado coas palabras dos avós e do pai e da nai nas súas falas de parella, Memorias dun neno labrego, debruceime nel e librei a batalla milimetricamente estratéxica de desennovelar aquelas páxinas prendidas pola parte superior a cada pouco. E entón lin a dedicatoria “A todos os nenos que falan galego”. Sabía que existían nas miñas fins de semana de ociosidade libertaria, mais eu non era unha deles. Eu era a diferente da cidade na aldea e, ao tempo, a diferente na cidade porque tiña experiencia viva de aldea.

Eu son Balbino... un rapaz de aldea. Como quen di un ninguén.

Como era posible ler aquilo naquela grafía inédita? Un neno protagonista dun libro? Un neno diferente do Lazarillo? Debía ser engano, porque a escola nunca de tal libro nin de tal escritor nin daquel protagonista infantil me falara. E na escola, casa do saber auténtico certificado, aquilo non se estudaba nin examinaba, logo tampouco existía. Non debía ter importancia, entón. Mais, volvín a aquel sentimento tan reiterado nun neno, un ninguén dicía de si propio; como un cativo pode asegurar sentirse coma un ninguén? Quen o despraza? Quen o ignora? Irremediabelmente había que continuar naquela lectura nos anaquiños perdidos da noite a media luz antes de adormecer.

E foron vindo, coma as cereixas sabedoras, a pares ou en tríadas, palabras dos dous avós e das dúas avoas, das bisavoas Daniela, Carmela e Jesusa e dos bisavós Pedro e José. Palabras gorentosas, debuxadas en trazos harmónicos nacendo á vista, ao tacto e á miña oralidade, coma na aldea, mais sen necesidade de fuxir da propia cidade. Descubrira nas Memorias dun neno labrego a miña illa de coñecemento empírico: a testemuña impresa do galego oral, aquel que eu só recoñecía nas conversas de confianza da casa e da familia na aldea nacía para min á vida impresa, asaltara o papel importante dos libros e conquistara campos de batalla tamaño cuartilla que até daquela eran espazo reservado con dereito de admisión a outras palabras escritas noutra lingua para a que algúns aparentaban maior valía. Eu posuía outra lingua que deixaba de ser ágrafa, isto é, podía permanecer escrita para a historia. Estaba a ler historia!

Así visualicei as primeiras palabras, até daquela só audíbeis, verbas que levaba o vento, burbullando estantías naquela chisteira chea de sorpresas infinitas que apreixaba para min no silencio do adormecer do día.

Así nacín eu para o galego culto, o galego dos espazos restrinxidos, opacos ou marxinados, que a escola dos setenta non me aprendía. De mans dadas coa xenerosidade natural da familia, das amizades da aldea, do pobo, de Balbino e de Xosé Neira Vilas. Eis a oportunidade da cita do grande Albert Einstein: “É un milagro que a curiosidade sobreviva á educación regulada.”

E desde a conciencia do idioma galego acordei, como non!, á conciencia da nación negada.

Balbino, un ninguén, axudome a comprender, sen volta atrás, que, en sendo como somos e falamos, somos alguén.