Opinión

Exipto, revolta e vía electoral

A intervención dos militares na política de Exipto, dando o último empurrón para a queda de Morsi, tal como esixía unha inmensa maioría da poboación, causa confusión e unha oposición instintiva nunha parte da esquerda mundial, tamén na galega. Se cadra sexa así porque non entenderon que o exército nunca marchou, e que non deixou de tutelar o proceso, para alén dos confrontos verbais coa Irmandade Musulmá (IM) para se disputar protagonismo e poder. En realidade ambas forzas sempre buscaron a cohabitación, como o farán agora os militares cunha parte importante da oposición liberal, aquela que pacte a entrada no goberno transitorio. 

A intervención dos militares na política de Exipto, dando o último empurrón para a queda de Morsi, tal como esixía unha inmensa maioría da poboación, causa confusión e unha oposición instintiva nunha parte da esquerda mundial, tamén na galega. Se cadra sexa así porque non entenderon que o exército nunca marchou, e que non deixou de tutelar o proceso, para alén dos confrontos verbais coa Irmandade Musulmá (IM) para se disputar protagonismo e poder. En realidade ambas forzas sempre buscaron a cohabitación, como o farán agora os militares cunha parte importante da oposición liberal, aquela que pacte a entrada no goberno transitorio. 

"Cando se di que o exército representa os intereses dos Estados Unidos (e os seus aliados)mais pódese afirmar o propio da Irmandade Musulmá e do partido de Baradei e doutras organizacións"

Por iso, cando se di que o exército representa os intereses dos Estados Unidos (e os seus aliados), porque está subvencionado con mil millóns de euros ao ano, estase no certo, mais pódese afirmar o propio da Irmandade Musulmá e do partido de Baradei e doutras organizacións, xa que estas achegas non se circunscriben ao eido militar. Véxase as axudas e préstamos de Turquía, Catar, Emiratos Árabes, Arabia Saudí, etc, segundo o momento e as preferencias, tanto ao goberno como aos partidos islamistas. Ningún destes países é antiimperialista, só son variantes do mesmo proxecto. 

En relación á postura dos militares hai que diferenciar os altos mandos, moi ligados ao Pentágono, daquela que teñen os cadros intermedios, entre os que o islamismo político e o naserismo manteñen unha forte presenza. Tampouco se pode esquecer que é un exército de soldados de re-emprazo, e polo tanto permeábel ás problemáticas sociais. Ademais, na orde de achegamento, para os estados Unidos o máis próximo é o exercito; mais dado que Obama tardou catro dias en recoñecer os resultados do golpe e agora esixe, xunto con Alemaña, un trato especial para Morsi, todo indica que non desbota un futuro goberno dos IM e que aposta por manter con eles boas relacións (e polo tanto con Turquía, Tunisia e a oposición armada Siria). Os Estados Unidos hai moito que en política exterior non xogan a unha soa carta.

Hainos que afirman que se trata dunha agresión contra a maioría musulmá por parte dos sectores laicos (e dos cristiáns coptos), esquecendo que o chamado islam político non representa todos/as musulmás e que é inaceptábel a politización dos sentimentos relixiosos. En Exipto hai persoas crentes en todas as formacións, tanto na IM e aliados como na oposición, e mesmo salafistas/fundamentalistas en ambos bandos; un feito paradoxal e moi clarificador. Tamén resulta sintomático que a principal referencia relixiosa musulmá, o Sheikh de Al-Azhar, así como o Papa dos Coptos, participaran das conversas para o proceso de transición, o que desmente calquera finalidade de discriminación relixiosa por parte dos que pedían a dimisión de Morsi. Moi ao contrario das proclamas contra o laicismo que se fan dende a IM nas súas concentracións. 

"A Irmandade Mulsumá e organizacións afíns: “non son movementos tradicionalistas de tipo campesiño, senón que son basicamente movementos militantes (aínda que cuasifascistas, non esquerdistas) da pequena burguesía”

Mais ¿quen é a Irmandade Musulmá? Nazih Ayubi no seu libro “El Islam Político” (Edicións Bellaterra) di sobre a Irmandade Mulsumá e organizacións afíns: “non son movementos tradicionalistas de tipo campesiño, senón que son basicamente movementos militantes (aínda que cuasifascistas, non esquerdistas) da pequena burguesía”. Pola súa banda o xornalista Robert Fisk afirma “A Irmandade é a máis malinterpretada, ou a máis deliberadamente malinterpretada institución na historia moderna exipcia. Lonxe de ser un partido islamista, as súas raíces sempre foron de dereita máis que relixiosas e baixo Hassan al Banna estaba disposto a tolerar o rei Faruk e os seus  señores feudais sempre que vivisen detrás da súa fachada islámica (Un ejército que se dice del pueblo, Página12, 4/07/2013). Nunha declaración dos Socialistas Revolucionarios de Exipto co gallo da destitución dise: “O Goberno da Irmandade afondou as mesmas políticas do réxime de Mubarak, que seguen a provocar o empobrecemento e a corrupción, nunha defensa desesperada das grandes empresas ao servizo dos intereses norteamericanos e sionistas” (Sin Permiso). A IM foi utilizada historicamente para golpear a esquerda exipcia.

Unha das leituras do acontecido é que Morsi foi derrubado pola mobilización social e a intervención o exército quere evitar que se converta nunha revolución política. Poderíase facer outra leitura, mais daquela teríase que mudar valoracións anteriores. Por iso non é doado de entender que se diga agora que non se respectaron os mecanismos democráticos con esta destitución, algo que en parte é verdade, porén tampouco se fixo con Mubarak. E ademais non é moi democrático que un gobernante incumpra as promesas, e tome medidas que monopolizan o poder, privatizan o sector público, negan dereitos sindicais, criminalizan a todos aqueles que non coinciden coa súa crenza relixiosa e restrinxen o papel da muller na sociedade. Dinos Ahmed Shawki, no artigo Todo Egipto es Tahrir, en Sin Permiso: “a Constitución foi redactada nun día e a súa ratificación tivo importantes deficiencias democráticas (...) a Irmandade erosionou a súa lexitimidade diante da xente (...). O movemento Tamarod -Rebelión- xurdiu coa finalidade de reclamar os obxectivos da revolución: pan, liberdade, xustiza social, e dignidade humán (...) puxéronse como obxectivo recoller 15 millóns de sinaturas para pedir a demisión de Morsi. Recolleron 22 millóns en só seis meses” 

Agora ben, a democracia non se pode converter nun ritual de procesos electorais, polo que son necesarios mecanismos que permitan revogar os cargos electos que non respondan á vontade popular. Tanto en Exipto como en calquera outro país. Isto é esencial, máxime cando, como neste caso, o proceso electoral utilízase cinicamente polo Goberno para ignorar a maior contestación social da historia da humanidade segundo moitos (17 millóns de persoas, o 30% da poboación adulta, nas manifestacións da oposición o 30 de xuño). Hai quen considera estas cifras esaxeradas, mais entón deberíase facer o propio coas da primeira revolta (cifras que ninguén cuestionou) e agora coas concentracións da Irmandade Musulmá. A menos que do que se trate é de cuestionar a lexitimidade da revolta popular diante da prepotencia, desidia e corrupción dos gobernos, e darlle unicamente valor democrático á vía electoral. Porén, mesmo así, non se poden ignorar os millóns de sinaturas recollidas pedindo a demisión de Morsi; e que a súa Constitución foi aprobada por unha minoría do electorado.

"A democracia non se pode converter nun ritual de procesos electorais, polo que son necesarios mecanismos que permitan revogar os cargos electos que non respondan á vontade popular"

Cando se nega o dereito do pobo a se rebelar e substituír un goberno, dándolle exclusivamente a vía electoral para o facer, esquécese que na inmensa maioría dos países as regras de xogo están trucadas nas eleccións. Os partidos sistémicos contan cos medios de información hexemónicos, e grandes recursos económicos para as campañas electorais, para marxinar e desprestixiar as opcións que se opoñen aos intereses das clases dominantes. Deste xeito reducen as alternativas que aparecen como “capaces” de gobernar a aquelas que xestionan o sistema e só manteñen diferencias de matiz. Moi poucas veces, e en conxunturas moi concretas, é posíbel superar estes atrancos, especialmente cando se poñen límites ás protestas populares. Tampouco se pode ignorar que nesta etapa de globalización neoliberal as “Bolsas votan todo os días”, os lobbys empresariais son moeda corrente e, en troque, aumentan arreo os límites de mobilización e as medidas represivas contra a protesta social. Non é casual o desprestixio dos partidos e das institucións “democráticas” e os niveis de corrupción existentes. 

Mais se a eiva é só pola intervención do exército ¿consideraríase lexítima a destitución se fose consecuencia dunha insurrección armada, dunha guerra civil ou de que os militares fosen derrotados polo pobo sen ter en conta a correlación de forzas, os custes e os posíbeis logros?  Por exemplo ¿en Siria a revolta é lexitima, e polo tanto democrática, porque cumpre con esta premisa? En realidade, nestes casos estremos, alén da leria, cada un se coloca da banda da concepción ideolóxica e dos intereses que defende, tanto no país afectado como cando se trata doutro Estado. Por esta razón sempre ten un valor esencial, para tomar unha postura correcta, saber cal é a actitude que manteñen en Exipto aquelas organizacións que defenden intereses estratéxicos da clase obreira e as camadas populares, e neste conflito todas as forzas de esquerda apostaron pola destitución de Morsi. É un dato fundamental. Por exemplo o secretario xeral do Partido Comunista Exipcio, Salah Adly di nunha recente entrevista: “Coa chegada da Irmandade Musulmá ao poder as masas descubriron a súa natureza autoritaria, o seu carácter fascista, o seu apoio ao sectores máis reaccionarios do capital (...) acordaron a tregua en Gaza e déronlle a Israel o que o réxime clientelar de Mubarak non lles proporcionou (...) O número de folgas, ocupacións, manifestacións e piquetes durante o último ano atinxiu a cifra de 7.400, e o desemprego acadou o 32%” (contrapoder.info). Este partido estivo brutalmente perseguido durante todo o período de Sadat e de Mubarak, a diferencia da IM.

Agora ben as organizacións de esquerda pediron en todo momento ao exército que non condicionara a vida política e a formación dun novo goberno, e seguen saíndo á rúa para empurrar a Mansur e a súa equipa para que respondan aos obxectivos da revolta popular. Entón ¿para que serviu a revolta social e a destitución? Pois para moito. Das mobilizacións sae reforzado o movemento popular e os sectores de esquerda, xa que a destitución e a intervención dos militares para evitar unha revolución, amosa as debilidades e temores das forzas sistémicas. Permite que o pobo colla conciencia da súa forza, e que de non cumprir este Goberno provisorio coas reclamacións sociais, existan todas as condicións para unha nova revolta. Con cada novo proceso, o exército, as clases dominantes, e o imperialismo, van perdendo capacidade para reconducir a protesta social, e medra a súa fractura interna. De aceptar as regras electorais nunca se daría esta agudización das contradicións, nen o protagonismo das clases populares tería igual peso.

"Resulta evidente que a revolta popular aínda non ten capacidade para condicionar o modelo económico e social e a dependencia exterior, aínda que sexa un dos obxectivos de Tamarod"

Porén, a destitución, como todo cambio na correlación de forzas, en principio vai frear a represión sobre o movemento obreiro e popular e por razóns relixiosas, e abrir espazos para unha maior participación social. Ademais, no caso de Siria a postura do Exipto pode ser menos belixerante, tendo en consideración que Morsi rachou as relacións e estaba chamando a unha intervención directa dos militantes integristas exipcios. Dirase que a represión se mantén, facendo mención aos mortos, feridos e detidos da IM; mais esquecese que estando Morsi no goberno, a represión non cesou contra o movemento obreiro, a oposición política e por razóns relixiosas, e mesmo se intensificara.

Resulta evidente que a revolta popular aínda non ten capacidade para condicionar o modelo económico e social e a dependencia exterior, aínda que sexa un dos obxectivos de Tamarod, xa que falta, polo dagora, nivel de conciencia e a forza política capaz de dirixir esta andaina liberadora. É un camiño que, para percorrelo con éxito, non pode someterse ás regras do xogo sistémicas, nen sequera aquelas aparentemente democráticas. Mesmo na nosa realidade, o nacionalismo de esquerda tivo que asociar a mobilización popular cos procesos electorais, e a protesta sempre tivo un papel central na formación da conciencia e no cambio da correlación de forzas. Se nos acusou acotío ao nacionalismo, dende a dereita e o españolismo en conxunto, de non respectar a democracia, entendendo esta como sinónimo de resultado das urnas nos procesos electorais. 

Mais, a pregunta que cada un de nós debe responder na situación exipcia é ¿en caso de conflito, a lexitimidade reside na maioría do pobo mobilizado ou nas institucións elixidas con antelación? Aclarado este aspecto fundamental, despois o papel do exército ten a súa importancia instrumental ¡resulta evidente! En moitos casos para frear os cambios, e nos menos para aceleralos. Non se pode facer unha leitura única do papel dos militares, depende do contexto e do país. Lembremos a Chávez do 92, Juan José Torres, Perón, Velasco Alvarado, Thomas Sankara, o 25 de abril en Portugal, etc. O problema principal en Exipto é acumular as forzas necesarias para a liberación nacional e social. E esta andaina na súa etapa final non se poderá facer da man da dereita neoliberal, islamista ou secular. Porén hoxe o proceso pode bulir por mor das súas contradicións. 

http://manuelmera.blogaliza.org/