Opinión

De Europa e de floteis

Non deixa de ser curioso que a táboa de salvación propagandística dun partido fanaticamente neoliberal, como é o PP, sexa na Galiza a parcería cunha empresa parestatal, Pemex.

Non deixa de ser curioso que a táboa de salvación propagandística dun partido fanaticamente neoliberal, como é o PP, sexa na Galiza a parcería cunha empresa parestatal, Pemex. Finalmente, concretizáronse os contratos dos floteis para Galiza. Non foi a troca de nada. Foi a troca da perda dun estaleiro, o vigués de Barreras, que pasa a estar controlado polo Estado mexicano, como punta de lanza no mercado europeo. Utilizará Barreras para ficar co know how galego, para transferir tecnoloxía. Engordamos así un competidor directo.

A Xunta e a incansábel, e ben engraxada polas arcas públicas, imprensa amiga falaron de suceso sen precedentes. Admira comprobar como o que debería ser normal, que estaleiros galegos obteñan pedidos, se nos vende como unha auténtica proeza empresarial. É esixíbel un maior sentido do ridículo aos nosos responsábeis públicos. Se o fan, o ridículo, é porque actúan sempre con rede de seguranza, a que lles fornecen medios de comunicación que os aplauden fixeren o que fixeren, e que reservan todas as súas enerxías para mallaren en Artur Mas, que debe ser o responsábel último de todos os problemas da Galiza.

Desmantelamento

O asunto dos floteis foi desde o principio unha intelixente manobra de distracción de Monte Pío. Focando o ollar aí perdíase de vista a grande reivindicación do sector: o dique flotante, compromiso do PP cando ocupaba as bancadas da oposición. Safaba tamén así a Europa realmente existente, esa Unión Europea que nas últimas décadas, con gobernos en Madrid de PP e PSOE, ten ditado normas que resultaron no desmantelamento do outrora potentísimo sector naval galego.

O asunto dos floteis foi desde o principio unha intelixente manobra de distracción de Monte Pío.

En Europa xógase, con efecto, boa parte do noso futuro. Esta Europa, a realmente existente, non nos vale. Non axuda a resolver os nosos problemas: críaos. Nese sentido, acerta o BNG cando, no limiar da súa precampaña para as europeas, proclama que a UE é o problema, non a solución.

A solución está en máis mobilización social -sen a cal hoxe non teríamos nin os floteis-, na demanda do que en xustiza nos corresponde: podermos desenvolver sen trabas os nosos sectores produtivos. A solución está en que Galiza sexa unha nación soberana nunha Europa liberta de dominios imperiais.

Comentarios