mércores 05/08/20

Euro sí, pero doutro xeito

Hai unhas semanas, o noso semanario editaba unha ampla reportaxe sobre os escenarios de saída á crise financeira de Europa. A reportaxe abordaba as claves da situación actual e aportaba unha idea de fondo sobre a posibilidade de que unha serie de territorios abandoasemos o Euro como moeda común.

Hai unhas semanas, o noso semanario editaba unha ampla reportaxe sobre os escenarios de saída á crise financeira de Europa. A reportaxe abordaba as claves da situación actual e aportaba unha idea de fondo sobre a posibilidade de que unha serie de territorios abandoasemos o Euro como moeda común. Resulta evidente que esta proposta ten o seu interese, é digna de consideración, pero como eu non concordo con ela, quero expor os meus argumentos a prol dunha moeda europea. Enténdase, defendo unha posición proclive a unha forte integración en Europa (cos dereitos nacionais salvagardados, non como agora) e unha divisa común, pero controlada, que resposte aos intereses da cidadanía e que sirva para manter o estado social do que nos dotamos nos últimos decenios. Por iso, Euro si, pero non deste xeito.

No actual contexto de integración e interdependencia a nivel global, cómpre ao tempo que defender os dereitos das nacións, adaptarse a unha realidade económica e cultural que reforza os grandes conxuntos rexionais con posibilidade de intervención na escala planetaria. Non é unha cuestión na que poidamos mostrar as preferencias, o pensamento de Marx e do socialismo do século XX mostran que o primeiro que debemos facer na nosa práctica política é analizar correctamente a realidade, para logo intervir nesa realidade co obxectivo de transformala. E a realidade é que formamos parte de Europa, que a construción europea é unha boa idea per se (como a existencia da federación brasileira, canadiana ou india, ou dun estado chinés unificado). Europa que controlou e explotou ao resto do mundo, entrou en declive ao longo da pasada centuria e necesita reforzar a súa unidade para manter unha voz sólida no contexto mundial. Se esa voz é na defensa dun estado de benestar, dos dereitos políticos cidadáns, do respecto aos dereitos humanos e da multiculturalidade, benvida sexa. Pero as políticas prácticas da UE moitas veces afástanse destes principios.

Neste contexto, afirmouse unha idea que eu considero plenamente correcta: dispor dunha moeda única europea (o que logo sería o Euro). Por qué correcta? Hai varias razóns. En primeiro lugar, porque fronte a un mundo financeiro completamente centralizado ao redor do dólar, necesítase unha alternativa de cinco ou seis moedas fortes que compitan por estabelecer as regras de xogo económicas a nivel mundial. Fronte á hexemonía estadounidense completa (control das transferencias, dos pagos petroleiros, de armamento, etc.), resulta mellor un mundo integrado onde o euro, a libra británica, o yen xaponés, o yuán chinés e os reais brasileiros, entre un grupo reducido de divisas, conten. En segundo termo, porque os desexos manifestados de retornar ás antigas moedas estatais (o dracma, o escudo, a peseta, etc.), son inxenuos. Estariamos diante de divisas satélites doutras máis fortes que dirixirían a súa cotización. Os países escandinavos posúen moedas propias, pero moi influídas polo euro, agás a coroa norueguesa porque o país posúe unha importante riqueza petroleira, ademais de terse independizado e afirmado como Estado-nación no século XX. En terceira instancia, a nosa economía, para ben e para mal, está totalmente interrelacionada coas restantes de Europa. Non hai outra, e Galiza simplemente debe reivindicar unha voz propia diante das instancias centrais da UE, non un afastamento que sería ao final ficticio. En cuarto termo, desde a permanencia nun euro necesitado de reforma, Galiza debe reconstruír o seu poder financeiro propio. Neste senso, a creación dunha banca pública ten que ser o primeiro paso inmediato para este obxectivo.

Deste xeito, o problema non está no instrumento, senón nas demenciais políticas económicas que nos rexen. O escaso control da banca, a especulación inmobiliaria e unha feble regulación do crédito privado foron as tres principais causas da crise actual. Fronte ás mesmas, a resposta lóxica é maior regulación financeira (como en Islandia), control das normativas de aproveitamento urbanístico do solo e axudas activas aos grupos endebedados, nun contexto que debe favorecer o crecemento produtivo. Pola contra, o virus neoliberal contrae gasto público, deprime á economía e deixa aos máximos responsables da desfeita seguir exercendo como exemplares capitalistas e banqueiros. Aquí reside o problema, xunto aos fortes prexuizos culturais que sosteñen que os países do Norte do continente (a vella “ética protestante” de M. Weber), son máis idóneos para fomentar o desenvolvemento económico. A día de hoxe, cómpre ler The Economist que pontifica sobre a crise do Sur de Europa, xusto cando o Reino Unido decrece máis que Irlanda, Portugal ou o Estado Español. Polo tanto, o problema está no uso pervertido do Euro, ou das nocións ao redor do Euro, que fan os seus xestores e os responsables políticos desta vella Europa que non topa como saír da crise.

Esta situación require de medidas completamente diferentes. Primeiro, unha Europa dos cidadáns, lonxe do déficit democrático que caracteriza hoxe ás súas decisións. Segundo, unha real tipificación no eido económico-financeiro das responsabilidades, dos delitos que derivan dunha mala xestión da moeda común. Terceiro, unha definición explícita (e non exclusivamente monetarista) dos obxectivos do Euro: o mantemento do estado social como base da idea de Europa, a corrección das desigualdades sociais e territoriais, a promoción de novas regras de xogo económicas, etc. E cuarto, unha moeda autenticamente europea, non franco-alemá con territorios periféricos e dependentes ao redor. As opcións polo seu abandono son lícitas, pero xa plantexan unha ruptura coa actual fase do capitalismo global, que opinamos aínda non se vai dar no corto nin no medio prazo (e de rexistrarse adoitará formas que hoxe en día non podemos albiscar).

comentarios