Opinión

Eu tamén son vítima dun plan para amedrentarme

Rematada a Semana Santa de Paixón, Morte e Resurrección, xa estou en disposición de confesar publicamente algo que a algunhas persoas ha sorprender: comprendo a mensaxe, letra por letra, palabra a palabra, frase por frase e mesmo desde a oración simple até a subordinada final, que o Presidente da Xunta pronunciou este 1 de abril nunha rolda de prensa para explicar a publicación dunhas fotografías súas marítimo-estivais en

Rematada a Semana Santa de Paixón, Morte e Resurrección, xa estou en disposición de confesar publicamente algo que a algunhas persoas ha sorprender: comprendo a mensaxe, letra por letra, palabra a palabra, frase por frase e mesmo desde a oración simple até a subordinada final, que o Presidente da Xunta pronunciou este 1 de abril nunha rolda de prensa para explicar a publicación dunhas fotografías súas marítimo-estivais en compañía dun coñecido contrabandista, na actualidade encarcerado.

Certamente, a lonxanía daqueles tempos -as fotos son de 1995-, a inconsciente mocidade do Presidente do Goberno galego naquela altura –34 anos-, a friaxe da neve dalgún outro lugar da xeografía próxima retratada cuxo nome non é quen de se lembrar, xunto ao descoñececemento absoluto da nosa tradicional carta de presentación compañeira e ti de quen vés sendo?, sentenzan en firme a bonhomía do Sr. Presidente e, por suposto, a inocencia total perante as linguas marmuladoras que de seguro xa andarán a espallar ese maldicir de dime con quen andas e direiche quen es!

Porque que andarían a facer vostedes daquela? Lémbrano? Eu, si, simplemente traballar nun estudo de dobraxe como asesora lingüística, onde era moi difícil cobrar puntualmente cada mes, e preparar as oposicións ao corpo de profesorado de ensino secundario. Nada estimulante nin divertido, a verdade, e sempre en terra firme, abofé! Ou tentando manter os pés na terra! E de sol mariñeiro e corpo do(u)rado, nin falar!

Toda a miña solidariedade, xa que logo, para co Sr. Núñez Feijoo, porque eu, e estou ben segura de que non son a única cidadá galega, polo que a meritaxe do ego persoal pretende aquí ser nula, tamén son vítima dun plan para me amedrentar. Sei de que fala, Sr. Presidente. E desde hai tempo non lle me é nada novo, pódolle asegurar que, ás veces, mesmo causa efecto este plan tan maquiavelicamente definido desde macroestratosferas lonxanas que eu chego a identificar a duras penas, malia si me localizaren a min e os meus cos seus potentes radares, porque acabo por ser sempre albo das súas poderosas determinacións.

Preguntarase o porqué, con boa razón. E eu debo xustificarme tamén con razóns esclarecedoras, mais do que con figuras de pobreza retórica evasiva.

Desde o 1 de marzo de 2009 percibo un nivel de agresividade na miña persoa e no meu contorno difícil de ignorar, como se eu tamén fose vítima dun plan para me amedrentar.

"Comprobo, como vítima amedrentada, que a miña nómina como funcionaria mingua vertixinosamente a un ritmo inversamente proporcional á suba dos produtos de consumo básico"

Comprobo, como vítima amedrentada, que a miña nómina como funcionaria mingua vertixinosamente a un ritmo inversamente proporcional á suba dos produtos de consumo básico; incluso alguén puido decidir que debía sacrificar, sen a miña consulta, a paga extra do pasado mes de xullo. 

Comprobo, como vítima amedrentada, que o meu traballo como docente do ensino público se viu reiteradamente desprezado e infravalorado, ao verme obrigada a asumir tarefas que non me correspondían como profesional especialista nunha materia determinada e asistir, indefensa, á instalación na sociedade de prexuízos de extrema confusión, prexulgándome até extremos en que me debía sentir culpábel, dobremente culpábel, ou incluso triplemente, por ter traballo, ser funcionaria e ademais profesora -Santísima Trindade!- porque xa se sabe... hai alguén máis larchán, incumpridor, paria, irresponsábel e deshonesto no mercado laboral?

Comprobo, como vítima amedrentada, que o ensino público suma cifras interminábeis de recortes e restricións en recursos humanos e económicos que afectan, de maneira significativa, a atención á diversidade, mentres que o ensino privado -nada diverso e con dereito de admisión ben restrinxido- aperta cada vez maiores ingresos millonarios para concertar todo o posíbel e máis, mesmo sacrificando a igualdade de xénero.

Comprobo, como vítima amedrentada, que as familias daquela coñecida clase media, grandes perdedoras dunha partida bárbara en que alguén mudou as regras do xogo á súa egoísta vontade, perderon a gratuidade de libros e material escolar para os seus fillos e fillas, gratuidade que agora han perder tamén para o acceso ao comedor escolar, en momentos en que as microeconomías familiares son especialmente febles e inseguras para as e os menores.

Comprobo, como vítima amedrentada,  que a miña lingua é cacheada en canto asoma nalgún espazo público de uso común -fóra do uso limitado e litúrxico- e é illada en corentena inmediata para que non se contaxie o seu proceso normalizador progresivo, iniciado hai trinta anos e conducente a estimular o seu emprego común pola sociedade. 

"Comprobo, como vítima amedrentada, que o ensino público suma cifras interminábeis de recortes e restricións en recursos humanos e económicos"

Comprobo, como vítima amedrentada, como prescribe a aprendizaxe e uso da lingua propia e oficial de Galiza nun dos berces fundamentais da súa adquisición -xunto coa casa, a familia e o contorno- ao tempo que se alenta o profesorado a incumprir a lexislación do TSXG que anula os apartados cruciais do tan denigrado, social e profesionalmente, por incompetente para os usos que di defender,  Decreto do plurilingüismo.

Comprobo, como vítima amedrentada, que os nenos e nenas galegos, nin tan sequera os galegofalantes iniciais, non poden escolarizarse xa en galego nas zonas urbanas, nin sequera como medida garantista de respecto á petición das súas familias.

Comprobo, como vítima amedrentada, que o andazo do desemprego vai contaxiando o meu redor, ameazando con ficar longo tempo para converter en inservíbeis aqueles profesionais de curriculum de altura ou anular as capacidades mozas de reacción da xuventude máis e mellor preparada da historia de noso, convencéndoa de que en ningún lugar se está mellor que coa maleta ao lombo para coñecer mundo, xogando a ser os Callejeros viajeros buscadores de tesouros ou os Galegos polo mundo máis fashion, cuquis e triunfadores.

Comprobo, como vítima amedrentada, que os meus parentes xubilados, logo dunha vida de traballo intenso e sen regalías, comezan a pagaren as súas medicacións crónicas cando, aínda en 2012, Galiza era a comunidade coas pensións máis baixas de España, ou como a solución á redución das listaxes de espera incontroladas na sanidade pública consiste en derivar pacientes do SERGAS á sanidade privada, adiantando estes o custe das consultas médicas ou intervencións necesarias.

Comprobo, amedrentada, que a luz do día manca para me descubrir, ao pé de cada portal e de cada supermercado do barrio, novos habitantes do contorno ao asexo do mantedor refugallo dos contedores de lixo orgánico e inorgánico.

Comprobo, como vítima amedrentada, que milleiros de homes e mulleres se botan á rúa día a día, incansabelmente, para reclamaren aos especuladores ladróns bancarios os seus aforros dunha vida de restrición e recuperaren a dignidade roubada, non sucumbindo á mentira duns e doutros e advertindo que isto non vai ficar así.

"Comprobo, como vítima amedrentada, que milleiros de homes e mulleres se botan á rúa día a día, incansabelmente, para reclamaren aos especuladores ladróns bancarios os seus aforros dunha vida de restrición"

Comprobo, como vítima amedrentada, que o verbo quitar se conxuga e amplifica nunha familia léxica nunca antes tan dominada -as quitas- para tentar xustificar o que non deixa de ser un roubo, unha estafa, un espolio, unha cruel mofa soberbia, pois os teus custosos aforros nunca debiches pensar que eran teus, senón un produto para partillar en partes desiguais á procura da salvación do propio banco, sen dereito a opinión e con autorización e connivencia gobernativa para o sacrifico dos pobres.

Comprobo, como vítima amedrentada, que o comercio local, motor económico, esmorece engolido por macrosuperficies devoradoras e impersoais que focalizan o interese económico no hiperconsumo megalómano irracional.

Comprobo, como vítima amedrentada, a sinatura de necrolóxicas de cabeceiras de xornais, empresas editoras, compañías de teatro, o ocaso da produción audiovisual ou do sector da animación e o ocultamento da difusión, en xeral, de toda a identidade plena que amosa a cultura galega.
Rematada a Semana Santa relixiosa oficial, a cidadanía galega continúa a súa letanía de desalentadores calvarios programados desde esa doutrina-penitencia do shock perpetuo en que o peor aínda está por chegar. 

Mais, en pé, sereos, a limpa fronte erguida, arroupando con calor humana e alento solidario as sucesivas procesións laicas resistentes, que, estación tras estación, nos veñen convocando, tantas veces convertidas en manifestacións irreais polos medios de comunicación públicos, milleiros e milleiros berran xustiza para visibilizaren con potente luz de contraste que as novas de información xornalística nacional, estatal e internacional que o Presidente do goberno galego provoca deberían ir máis aló dunha indecente, inmoral e inxustifícabel travesía en iate de ocio de procedencia dubidosa e en compaña de amizades perigosas.

Comentarios