Opinión

Eu son (III)

  Eu son dunha xeración que aprendeu a ler nas voces e pensamentos impresos dos nosos escritores e escritoras, que recuperaron para nós a literatura oral popular e colocaron no escaparate da denominada literatura culta un abano creativo rico e comprometido, onde a lingua de noso é irrenunciábel e, polo tanto, visíbel na diversidade lingüística e literaria do mundo.

Eu son dunha xeración que aprendeu a ler nas voces e pensamentos impresos dos nosos escritores e escritoras, que recuperaron para nós a literatura oral popular e colocaron no escaparate da denominada literatura culta un abano creativo rico e comprometido, onde a lingua de noso é irrenunciábel e, polo tanto, visíbel na diversidade lingüística e literaria do mundo. Porque non nos sentimos nin queremos que se nos vexa coma aquel Balbino-ninguén que acordou hai 50 anos neste país empobrecido, que non pobre!

Eu acompaño hoxe unha sociedade que maioritariamente acredita nos valores que nos identifican como pobo sen complexos e que rexeita, desde a razón argumentada, as agresións que o goberno galego actual está a amparar e promover contra a lingua galega, anulando até a extenuación a súa presenza na Administración, reducíndoo vertixinosamente no ensino e alentando decadentes prexuízos lingüísticos desestruturadores da sociedade galega, capaz historicamente de convivir desde a harmonía respectuosa verdadeira, nas súas propias diferenzas.

Antonte e onte foron outras persoas as que reaxiron contra os que Castelao cualificou como imperialistas fracasados ou Manuel María retratou como desertores repelentes desde a vocación de señoritos; hoxe somos nós os que tomamos o necesario relevo; existirá un mañá e un pasadomañá que falará de nós como usuarios activos en defensa da lingua galega e garante da súa normalización ad futurum. Somos o que outras persoas defenderon antes por nós. Sen regalías gratuítas. Gozamos dos dereitos humanos e profesionais que alguén vindicou para nós. Velaí o exemplo e a forza. Porque non hai volta atrás para un pobo que se nega a tecer e destecer somnolento o fío de Penélope!

Permitídime, pois, que recupere estes versos do poeta noiés, Antón Avilés de Taramancos, que pechan o poema Fusquenlla:

Terra querida, que sempre chegas tarde

ou chegas antes ou despois da Historia

e andamos foscos no correr do tempo.

Hai que romper, romper agora!

Comentarios