Opinión

Eu son a feminista de Barreiros

Xa nos teñen acostumadas os señores (e tamén algunhas señoras, todo hai que dicilo) do Partido Popular aos seus exabruptos e ás súas saídas de tono. Pero aínda hai ocasións nas que poñen a proba a capacidade de sorpresa e indignación da xente. E lógrano. 


O Alcalde de Barreiros, dicindo que “os comunistas son comunistas ata que se fan ricos, as feministas son feministas ata que se casan e os ateos son ateos ata que ven caer o avión”, parece que non pretendía máis que  acusar á oposición de falta de coherencia. Eso si, fíxoo el (moi coherentemente) nunha resposta á argumentación dunha moción en contra do repago dos comedores escolares na que eu mesma lle propuxen que trasladara ao seu partido a posibilidade de deixar de financiar a relixión católica nos colexios para adicalo a comida. Mellor nenas e nenos ben alimentados e algo menos santificados.

Supoño que fala da coherencia que amosa el cando ao inicio dos plenos, a instancias do BNG, garda un minuto de silencio polas vítimas da violencia machista e minutos despois nos regala os oídos con esas perlas. A mesma coherencia que pode ter un representante público, non un calquera: o Alcalde, cando se vale de frases das redes sociais para as súas argumentacións. 

"Garda un minuto de silencio polas vítimas da violencia machista e minutos despois nos regala os oídos con esas perlas".

Quizais cando está coas súas amizades (coas de verdade, non coas que calquera pasea en iate dalgún que deixaría de ser comunista, digo eu) pode permitirse esas frases para usalas en tono humorístico ou de broma. Cando está presidindo un pleno, representando ás veciñas e veciños, non. 

Cada unha e cada un temos que ser consecuentes e responsábeis dos nosos actos e das nosas palabras, e máis, cando as soltas publicamente nun pleno.

Por se acaso, eu tamén o digo publicamente: son a feminista que hai na corporación de Barreiros, por se hai dúbidas.

Comentarios