Opinión

Eu non pago a Audasa

  Galiza ten un problema en canto ás infraestruturas para o transporte. Malia o moito que insisten na necesidade do AVE, as necesidades reais da cidadanía galega pasan máis por unha rede de cercanías que por unha liña ferroviaria de que só se beneficiarán directamente a pequena porcentaxe de cargos públicos e empresarios con obrigacións regulares en Madrid.

Galiza ten un problema en canto ás infraestruturas para o transporte. Malia o moito que insisten na necesidade do AVE, as necesidades reais da cidadanía galega pasan máis por unha rede de cercanías que por unha liña ferroviaria de que só se beneficiarán directamente a pequena porcentaxe de cargos públicos e empresarios con obrigacións regulares en Madrid. Como o voo Vigo – Bruxelas cuxa demanda era practicamente nula mais que curiosamente persistiu mentres que a actual ministra de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Ana Mato, era eurodiputada na capital belga.

Por outra banda, vemos como o alicerce das comunicacións en Galiza, a autoestrada AP-9 atópase en mans privadas, máis en concreto nas do Citigroup cuxo principal investidor é o príncipe saudí Al-Waleed bin Talal. Socio nunha construtora e noutros negocios de varios membros da casa real española, como a infanta Cristina e o seu marido Iñaki Urdangarín, e que, para máis datos da catadura moral deste personaxe, cómpre dicir que foi acusado pola violación dunha modelo nun iate en Ibiza. Nin que dicir ten que a causa foi arquivada tras moitas presións á denunciante (cousas da marabillosa xustiza españistaní ) e que o monarca Borbón, non tardou en lle enviar unha nota de parabéns.

Así que a vía que artella o transporte de máis dun terzo da sociedade galega, ademais de non nos pertencer, é propiedade de, entre outros, un oligarca que non respecta os máis básicos dereitos humanos. Deste xeito pagamos un prezo absolutamente inxusto por tramos que xa están moito máis que amortizados dende fai varios anos, os traballadores e traballadoras alí empregadas están a sufrir recortes nos seus salarios e cambios unilaterais nas condicións laborais e o que o peor, parece que case ningún grupo político está a esixir a súa inmediata nacionalización.

A cidadanía parecía que comezaba a rebelarse contra esta inxustiza saltándoo indo detrás dalgún vehículo con telepeaxe pero sempre a título individual, sen unha iniciativa cidadá como a que está a se desenvolver en Cataluña, mais lamentablemente estes días o Ministerio do Interior parece que comezou a tomar medidas contra a insubmisión nas autoestradas. Ao igual que nos desafiuzamentos en que poñen os medios policiais para garantir os “dereitos” das entidades financeiras antes que o da cidadanía a unha vivenda digna, onte comecei a ver na AP-9 na peaxe de Pontevedra a patrullas da Garda Civil, corpo de seguridade que se paga cos nosos impostos, vixiando e garantindo os ingresos dunha empresa privada.

Fai tempo que teño claro cales son a prioridades para o estado español á hora de defender dereitos pero que traten de levar o medo aos condutores e condutoras nas autoestradas para que a ninguén se lle pase pola cabeza o feito de non pagar unha peaxe inxusta e esaxerada só consegue o efecto contrario. Eu non pago a Audasa.

Comentarios