Opinión

Estilística da lingua galega

Estilística da lingua galega é o recente título editado que compendia, máis unha vez, o ímprobo esforzo de estudo e análise investigadora que o profesor da Facultade de Filoloxía da UDC, Xosé Ramón Freixeiro Mato, dedica á lingua galega.

 

Estilística da lingua galega é o recente título editado que compendia, máis unha vez, o ímprobo esforzo de estudo e análise investigadora que o profesor da Facultade de Filoloxía da UDC, Xosé Ramón Freixeiro Mato, dedica á lingua galega.

Desde comezos dos noventa, a recoñecida bibliografía persoal do profesor Freixeiro Mato vén desvelándonos en profundidade o ronsel de escritores referenciais para a historia da literatura galega como Noriega Varela, Crecente Vega, Rafael Dieste, Sebastián Martínez-Risco ou Manuel María. Con todo, este esforzo centrado na vertente máis literaria non oculta aqueloutra produción ensaística de obrigada consulta ao redor da lingua como poden ser os títulos Os diminutivos en galego, Lingua galega: normalidade e conflito, Manual de gramática galega, Lingua, nación e identidade, Os marcadores discursivos: conectores contraargumentativos no galego escrito, Lingua de calidade ou os catro volumes da Gramática da Lingua Galega.

Á vista deste perfil profesional especializado, ben poderían estar vostedes a concluír que estamos perante un académico da lingua, queremos dicir ante un membro da RAG, mais isto último aínda non admite resposta positiva. Acreditemos en que o tempo inmediato sexa o encargado de falar por si propio para nos dar resposta.

Mentres a normalidade da pluralidade procure o seu camiño, cómpre detérmonos no presente e parabenizármonos por asistirmos á presentación dunha obra volumosa que cobre un espazo eivado fundamental nas diferentes análises que da lingua galega nos teñen achegado as persoas especialistas na materia: a estilística.

"Parte, pois, o profesor Freixeiro Mato, do ermo, do baleiro, da ausencia de modelos orientativos globais, o que vén amplificar o éxito do resultado desta enciclopédica construción dunha estilística galega"

Parte, pois, o profesor Freixeiro Mato, do ermo, do baleiro, da ausencia de modelos orientativos globais, o que vén amplificar o éxito do resultado desta enciclopédica construción dunha estilística galega, unha obra que gañará en valor e recoñecemento a medida que avance o tempo, pois será de consulta obrigada para as persoas estudosas do noso idioma e mais para as de caquera outra lingua, nomeadamente románica.

As máis de cincocentas páxinas da Estilística da lingua galega presentan unha estrutura ben clarificadora e rigorosa para o lectorado combinada cun estilo propio do autor en que a claridade expositiva, sumada á exemplificación práctica continuada, atrápanos nunha lectura pulcra que excede os parámetros dos estritamente especialistas na materia para achegalo a todo o público interesado en coñecer o estilo da nosa lingua.

O primeiro nivel contextualiza o estudo da estilística nun marco global, xeral, diacrónico e internacional cunha completa apoiatura de citas e referencias bibliográficas a xeito de estilística de estilísticas de linguas próximas que, no entanto, en absoluto contan con traballos tan exhaustivos, globais e extensos como o do profesor Freixeiro Mato. Asemade, o autor colócanos na escolla dos alicerces que sosterán o seu estudo teórico e mais a argumentación práctica: os textos literarios. A lingua e a literatura a interseccionaren para entraren en acción, como testemuños fidedignos, para daren o seu visto e prace validante, desde unha mostraxe de aproximadamente duascentas obras literarias representativas de todos os xéneros literarios, de todos os tempos (desde os Cancioneiros medievais até as editadas en 2011, malia teren máximo protagonismo as propias da literatura contemporánea), procedentes do corpus oral tradicional e mais do impreso, sen esquecer aquela literatura pensada para o público infantoxuvenil ao pé daqueloutra dirixida especificamente para o adulto.

Un conxunto de citas literarias, de autoría ben diferente, que ecoan como unha coral polifónica a pluriformidade de estilos (de autor/a, de xéneros, de cronos, de destinatarios...), como unha suma de recursos estilísticos plurais que o autor consegue sistematizar nesta obra.

O segundo nivel concreta o peculiar marco sociolingüístico no que se asenta a lingua galega, de aí que o binomio Estilística/Sociolingüística actúe como marcador precedente e punto de partida determinante para o obxecto a estudar, porque é difícil argumentar que nun contexto de máis de cincocentos anos de conflito lingüístico, sometida a cidadanía a un uso social diglósico das linguas en conflito, non ten influído no desenvolvemento dunha estilística propiamente galega.

Un texto literario galego está interferido nun contexto diglósico por toda unha serie de variábeis condicionadoras tanto para quen emite o que escribe como para quen o recibe que non achan correlación no ámbito dunha lingua normalizada. 

Imposíbel ignorar variábeis que os escritores e escritoras a partir do XIX deberon atender, afrontar e superar na súa expresión literaria persoal: a inicial ausencia de normas nin regras de ningunha cras, que lembraba Rosalía de Castro no prólogo de Cantares gallegos; a atención ao tándem lingua expresiva/función estética – lingua minorizada/función normalizadora; a receptividade do propio lectorado; a progresiva fixación dun código lingüístico e literario exento de castelanismos, hiperenxebrismos e dialectalismos ou o longo conflito lingüístico que non contribuíu para a seguridade da persoa vocacionalmente escritora.

O terceiro nivel de concreción ofrécenos unha estilística aplicada aos diferentes planos: grafoestilística; fonoestilística ou estilística do son; estilística da palabra; estilística do enunciado e, finalmente, estilística do texto.

A lingua exprimida como máxima potencialidade expresiva podería ser a síntese totalizadora destas máis de cincocentas páxinas de lectura-espello para a descuberta e constatación dunha lingua con estilo.

Velaquí unha obra pioneira que nos lega ao suxeito colectivo galego o profesor Freixeiro Mato desde a aposta pola lingua como cordón umbilical nutricial da literatura e a múltiple capacidade estilística retroalimentadora desta para a actualizar, reinventar e se adaptar con plenas capacidades aos discursos contemporáneos. O estilo como roupa de gala, como marca de identidade na que tamén recoñecérmonos, pois o estilo da lingua fala de nós, por nós e para nós.

"Unha obra que nace coa vontade de pór en valor a lingua que espella e reflecte, como un calidoscopio multicor, toda a fértil potencialidade expresiva que posúe á procura dun irrenunciábel modelo de lingua de calidade".

Unha obra que nace coa vontade de pór en valor a lingua que espella e reflecte, como un calidoscopio multicor, toda a fértil potencialidade expresiva que posúe á procura dun irrenunciábel modelo de lingua de calidade.

Unha obra que quere ser unha homenaxe aos escritores e escritoras, modeladores incansábeis de grafías, sons e palabras que, con grande esforzo e escasa recompensa, loitaron e loitan por converteren a lingua escrita nun produto artístico. 

Infelizmente, aínda non seremos no presente conscientes do alto valor que esta publicación encerra, mais non caben dúbidas para afirmarmos que estamos a ser testemuñas vivas dun antes e un despois na investigación lingüística académica. É por iso que aplaudimos a afronta valente da súa publicación por parte de Edicións Xerais, cuxo catálogo gaña unha verdadeira xoia histórica.

Lembrándomos as derradeiras palabras do bardo bergantiñán, Eduardo Pondal -Déstesme unha lingua de ferro, devólvovos unha lingua de ouro-, concluída a lectura desta Estilística da lingua galega, ben poderiamos escoitar a Xosé Ramón Freixeiro Mato sentenciar: Déstesme unha lingua de ouro, devólvovos unha lingua con excelso estilo propio. 

Comentarios