Opinión

Estar sempre na primeira liña

  A dirección do BNG acaba de decidir abrir un período de reflexión e de debate, previo a unha Asemblea Nacional, para tomar medidas que lle permitan recuperar aquela parte da súa base electoral que ou se abstivo ou optou por votar a Beiras.

A dirección do BNG acaba de decidir abrir un período de reflexión e de debate, previo a unha Asemblea Nacional, para tomar medidas que lle permitan recuperar aquela parte da súa base electoral que ou se abstivo ou optou por votar a Beiras. Todo indica que se reafirmará nas teses de Amio e mesmo afondará nesta liña, ademais de poñer os focos nos métodos de traballo, no discurso, na imaxe pública, e mellorar a comunicación coa base social e o conxunto do pobo galego. É unha magoa que Guillerme Vázquez optara por non se presentar de novo como portavoz nesta Asemblea Nacional, xa que sen dúbida foi o que mellor cumpriu este papel na historia do BNG, tanto no aspecto organizativo como en expresar con rigorosidade a liña decidida colectivamente; lembremos que o fixo nunha etapa moi complexa. É unha persoa que non será doado substituír, e que debería seguir xogando un papel nos organismos de dirección da fronte.

"Non sería bo que o debate interno desviara a atención da fronte e dos militantes no relativo aos múltiples problemas que atinxen as clases populares da nación galega e a necesidade de manter e ampliar as protestas reivindicativas"

Non sería bo, para o nacionalismo anticolonial, que o debate interno desviara a atención da fronte e dos militantes no relativo aos múltiples problemas que atinxen as clases populares da nación galega e a necesidade de manter e ampliar as protestas reivindicativas. E entre estas últimas ten moita importancia, pola súa dimensión e proximidade, a folga xeral do 14 de novembro. Non abonda, tal como ficou expresado neste proceso electoral, con que fose o sindicalismo nacionalista o que tomara a iniciativa e fixese inxentes esforzos para conseguir que se efectivizara esta convocatoria, cómpre que toda a militancia do BNG, incluíndo os cargos institucionais a todos os niveis teñan unha participación moito máis activa que en anteriores ocasións, tanto pola gravidade da situación, como porque é fundamental manter a presión na rúa para botar abaixo as políticas reaccionarias do PP. Son dos que penso que será deste xeito, e máis unha vez o nacionalismo anticolonial, o BNG, estará na primeira liña na defensa dos intereses da clase traballadora, como fixo dende a súa fundación.

O nacionalismo galego actual xurdiu ligado á mobilización, na defensa dos intereses sociais e nacionais das clases populares da Galiza, para o que era e segue sendo fundamental acadar un Estado Galego soberano con xustiza social. As institucións son un dos eidos de actuación para avanzar nestes obxectivos, mais a mobilización, fortes organizacións partidarias e sociais, e medios eficientes para chegar ao conxunto da sociedade son igual de esenciais. Os resultados electorais teñen a súa transcendencia, porén sería un erro pensar que son o único baremo que reflicte o estado de ánimo da xente e o seu nivel de conciencia política. Os resultados de vindeiras convocatorias electorais definiranse non só nos programas, na xestión institucional, e nos apoios á mobilización popular, senón tamén na capacidade que cada forza teña para se colocar na primeira liña das reivindicacións nacionais e sociais. Isto sempre foi así, cando se trata de forzas alternativas ao sistema.