Opinión

O Estado é o responsábel último da traxedia

Unha semana despois de consumada a traxedia, xa temos suficientes elementos para emitirmos un primeiro xuízo

Unha semana despois de consumada a traxedia, xa temos suficientes elementos para emitirmos un primeiro xuízo sobre as causas que levaron ao descarrilamento do Alvia na curva da Grandeira, unha catástrofe que custou a vida a 79 persoas.

O primeiro que cabe dicir é que a catástrofe non era inevitábel. Isto é, podía non ter acontecido. Esta é a cuestión chave. Non o é tanto as causas que orixinaron a traxedia, senón investigar por que razóns o que nunca debía ter ocorrido se precipitou sobre nós como se for unha maldición bíblica.

Segundo a información deitada polas caixas negras, é evidente que o accidente ten como primeira orixe un fallo humano. Mais a responsabilidade non se esgota en absoluto no condutor do comboio, linchado con saña desde as instancias estatais e a imprensa amiga. As responsabilidades atinxen de cheo ás empresas que xestionan os camiños de ferro: Renfe e o Adif. Renfe é a proprietaria da máquina sinistrada. Foi unha chamada telefónica de Renfe ao móbil corporativo de empresa a que presumibelmente puido distraer ao condutor. A ausencia das medidas de seguranza pertinentes é responsabilidade tamén destas empresas. Renfe exixe agora a Adif que coloque unha baliza nas proximidades da Grandeira, para advertir o maquinista que debe reducir a marcha até ila acomodando ao límite dos 80 quilómetros por hora. Mais faino agora!! Despois de 79 vítimas mortais. Ten responsabilidade Renfe por non telo feito antes, tena moito máis Adif por non dotar os comboios de todas as garantías de seguridade que a tecnoloxía pon hoxe no mercado.

A catástrofe non era inevitábel. Isto é, podía non ter acontecido. Esta é a cuestión chave

En definitiva, os responsábeis últimos de que un erro humano resultase nunha catástrofe que se saldou coa morte de 79 persoas son dous organismos estatais. Deles era a responsabilidade de garantir aos pasaxeiros a súa seguridade. De garantirlles que a súa vida non dependía de que o maquinista tivese un mal día.

As responsabilidades políticas son tamén obvias. Atinxen o PP (Álvarez Cascos, ministro de Fomento), responsábel do mantemento do actual trazado, que inclúe unha curva delineada na década dos 40 do pasado século. E atinxen o PSOE (José Blanco), responsábel de que no ponto do sinistro non estea instalado o sistema de seguridade máis avanzado, o ERTMS, o mesmo que, segundo o ADIF, tería evitado a traxedia.

As responsabilidades políticas son tamén obvias. Atinxen o PP (Cascos) e o PSOE (Blanco)

PP (Feijóo) e PSOE (Blanco-Zapatero) son responsábeis de venderen en Decembro de 2011 a liña Santiago-Ourense como Alta Velocidade. Tiveron que perder a vida 79 persoas para que agora nos digan que non era Alta Velocidade, que era Velocidade Alta. Insultan a nosa intelixencia.

O Estado español ten todas as competencias sobre o ferrocarril na Galiza. Xa sabemos con que neglixencia as xestiona e con que terríbeis resultados. No Prestige foi a xente a que apañou o chapapote, na Grandeira foi o pobo -as heroínas, os heroes de Angrois- o que organizou o resgate das vítimas. Non podemos continuar así. Necesitamos un Estado que verdadeiramente atenda as nosas necesidades. Necesitamos un Estado propio.

Comentarios