Opinión

Esperanza Aguirre, ese talento

Non deixa de ser curioso que nun lugar do mundo coma este, con ses millóns de parados, camiño de sete, ou...

Non deixa de ser curioso que nun lugar do mundo coma este, con ses millóns de parados, camiño de sete, ou... (xa saben, os desempregados eses que se queixan moito e traballan pouco, non coma os nosos avós, como moi ben, mandatruconabana, nos lembrou Feijoo, o Presidente do Único Partido Honesto, segundo tamén dixo hai nada), non deixa de ser curioso, dicía, que exdirixentes coma Rato -enorme banqueiro- ou Esperanza Aguirre -santa varona- atopen tan pronto traballos caralludos superben pagados, sen necesidade de superar entrevista previa e sen ter que anotarse no paro. Se non fose porque é unha incompleta indecencia, ata poderiamos rir co chiste. E velaí a tendes, recén incorporada a unha empresa de cazatalentos para dedicarse -carallo que medo- a cazar (que verbo neste contexto, mimá) outros talentos coma ela.

Nos últimos tempos fálase moito da crise da democracia relacionándoa coa crise de lexitimidade dos grandes partidos. A análise, en si mesma, xa é perversa dende o primeiro instante, porque dá a entender algo así como que fóra dos grandes partidos a democracia é imposible. E que como os grandes partidos -enténdase, os dous grandes partidos- están enchoupados de estrume por financiamentos ilegais e procesos varios, pois daquela, que a democracia está en crise.

"Se o sistema democrático está en crise é, sobre todo, pola existencia de persoas públicas como Esperanza Aguirre"


Pois verán, non é así (e non me esquecín de Esperanza, non pensen vostedes que empecei un artigo e agora estou con outro, que va), iso non é certo para nada. De feito, a democracia está como estaba, e só o tres por cento, é dicir, unha mingurria de nada, dos políticos en exercicio do estado español están mergullados nalgunha clase de proceso xudicial. Por iso sempre que escoito iso de que os políticos son todos uns corruptos, rebélome, primeiro, porque non é así. Cando menos eu poño a man no lume por unha presadiña deles e delas. E, en segundo lugar, porque esa enmenda á totalidade pode levar á auxe de actitudes fascistas que o que pretenden, precisamente, é cargarse o sistema para impedir o que de mellor (aínda que pefeccionable) ten o sistema, que é a posibilidade de que o pobo se exprese e escolla, do que hai, o que máis lle conveña.

Se o sistema democrático está en crise é, sobre todo, pola existencia de persoas públicas como Esperanza Aguirre e outras persoas parecidas (Ana Botella, Francisco Vázquez...) que sendo tan claro como é que son xente claramente interesada, clasista, e incluso, cunha actitude de aparente superioridade sobre o resto, que esas persoas, ademais, dicten sentenzas morais, opinen sobre o que lles pete, e senten cátedra sobre todo. Sobre educación, sexualidade, horas que se debe traballar ou do que sexa. A inmoralidade, a crise do sistema, para min, está nese tipo de actitudes, nesas frases, neses titulares que continuamente nos agasallan estes políticos profesionais que saen sempre pola parte de atrás da historia aínda que, mentres non se van, tocan a moral de todos e cánsannos... cánsannos...

Comentarios