Opinión

Españolizar: o imperio contraataca.

O ministro de Educación do reino de España aclarou hoxe, con absoluta frialdade neonazi, cal é a razón última da reforma educativa que o goberno de Rajoy promove e o de Feijóo aplica sen cuestionar: ESPAÑOLIZAR.

O ministro de Educación do reino de España aclarou hoxe, con absoluta frialdade neonazi, cal é a razón última da reforma educativa que o goberno de Rajoy promove e o de Feijóo aplica sen cuestionar: ESPAÑOLIZAR.

Non é a redución do fracaso escolar nin a mellora das competencias en lingua ou matemáticas; non é ter un maior dominio do inglés; non é privatizar o sistema educativo nin aforrar en gastos de profesorado. Non.

É ESPAÑOLIZAR.

É retornar a Nebrija e o exterminio lingüístico; é entrar na historia da monarquía borbónica imitando os Decretos de Nueva Planta que Felipe V promulgou para nos ilustrar que “ he juzgado conveniente (...) reducir todos mis reynos de España a la uniformidad de unas mismas leyes” e a que todos “aprendan Doctrina Christiana”. O señor Wert, e todos cantos o apoian, non dubida en seguir a orde daquel rei cando ordena “se procure mañosamente ir introduciendo la lengua castellana” en todos os pobos do seu uniforme reino. Mañosamente, con trampas raposeiras.

Españolizar é seguir a taxativa orde aparecida en 1801 “En ningún teatro de España se podrán representar, cantar, ni baylar piezas que no sean en idioma castellano”, instrución que explica ben a retirada de todo tipo de apoios á produción cultural que leva a cabo o señor Feijóo.

ESPAÑOLIZAR é o que fai o Eduardo Dato cando lexisla para evitar que “en las Escuelas del Estado se enseñe otro idioma que el español, no permitiendo textos escritos en ningún dialecto, como libros de enseñanza” Que ben recolleu esta idea o señor Feijóo e o seu conselleiro Vázquez gastando millares de euros para destruír libros de texto por estaren en galego.

ESPAÑOLIZAR é pois o obxectivo e a declaración desta intencionalidade no Congreso, o lugar onde segundo se nos reitera unha e outra vez reside a soberanía popular, non deixa de ser un acto infinitamente máis violento que o intento dos manifestantes de rodearen o Congreso.

O señor Rajoy debería cesar o ministro, ou declararse cómplice de actos que se aproximan ao totalitarismo exterminador dalgúns reximes; o señor Feijóo, por canto é presidente dun territorio con lingua de seu, debería aclarar se comparte esas teorías dun ministro que, polo que parece, non pretende simplemente inspirarse para a súa reforma educativa no modelo alemán, senón que se inspira en ideoloxías da Alemaña de outro tempo.

Mais, infelizmente, o señor Feijóo non di nada e, nos debates televisivos, despídese, ou preséntase, falando español. Seguramente concorda con Wert, hai que ESPAÑOLIZAR  Galiza. Só así el poderá seguir de presidente.

Comentarios