Opinión

Eses malvados populistas

Os gobernos democráticos da esquerda latinoamericana, e nomeadamente os seus respectivos presidentes, son case sen excepción demonizados constante e monocordemente nos medios hexemónicos españois, escritos e audiovisuais, dende os autoproclamados progresistas ou pluralistas até os máis orgullosamente conservadores.

Os gobernos democráticos da esquerda latinoamericana, e nomeadamente os seus respectivos presidentes, son case sen excepción demonizados constante e monocordemente nos medios hexemónicos españois, escritos e audiovisuais, dende os autoproclamados progresistas ou pluralistas até os máis orgullosamente conservadores. A distorsión que a oligarquía mediática exerce sobre as dinámicas políticas transformadoras deses gobernos populares sudamericanos fai case imposíbel que poidan ser adoptados como referente por esta sociedade abafada por unha crise que garda cada vez máis semellanzas coas odiseas sufridas até hai pouco máis dunha década polos pobos da outra beira do océano.

Eses malvados populistas, como adoitan ser etiquetados sen maior explicación nin conceptualización previa nos múltiples e ubicuos voceiros do poder mediático español, teñen moito que dicir na procura de saídas a unha crise europea que tamén repercute nas súas propias economías e nos seus migrantes, e abofé que o fan en cada discurso intenso que pronuncian, en cada política audaz que implementan e en cada posicionamento arriscado que adoptan. Daquela, por que non chega a mensaxe? Cales son os motivos do ocultamento, da ridicularización, da caricatura e da burda distorsión dos acontecementos sociopolíticos nesas repúblicas cuxo norte é o sur que vemos, lemos e escoitamos día tras día nos medios masivos?

Por unha banda, é probábel que toda análise que fagamos sobre a visión española da realidade latinoamericana deba ter presente o pasado colonialismo político e os seus ecos no presente neocolonialismo empresarial. O achegamento que os pobos ibéricos facemos á realidade sudamericana está aínda moi contaminada de prexuízos, desconsideración e menosprezo, sentimentos adquiridos tras séculos de dominio político sobre os pobos americanos e de memorización dunha Historia escrita para proclamar e aclamar o imperialismo. Non hai mellor antídoto para as orgullosas vítimas da falsidade histórica que a lectura de Las venas abiertas de América Latina, de Eduardo Galeano: as riquezas saqueadas aos pobos americanos facían breve escala en Sevilla, cando chegaban, e logo proseguían camiño até os seus destinos reais nos cofres dos prestamistas europeos, quen sabe se os mesmos que hoxe enredan, prima de risco mediante, cos destinos dos pobos ibéricos. Pero sexa como for, o certo é que na outrora metrópole a ollada sobre as antigas colonias é na maioría dos casos arrogante e despectiva. Os medios hexemónicos non son menos, e as crónicas políticas que chegan deses países amosan, e satisfán, eses mesmos prexuízos, con moita frecuencia a través de burlas, chistes, descualificacións, comentarios desprezativos e xuízos de valor. No caso particular da presidenta arxentina, ademais, o repugnante machismo endémico aquén e alén do océano é doado de atopar entre as liñas de moitos comentarios.

Se a Obama lle dá por cantar nun evento político, é presentado como un líder carismático que debemos escoitar con fascinación e do que todos deberíamos aprender. Se é Chávez quen o fai, é presentado como un bufón populista e grotesco sen sentido do ridículo que só merece burlas e insultos pola nosa parte. Os líderes da esquerda latinoamericana só adoitan ter espazo nos medios masivos españois cando as súas intervencións, intelixentemente editadas previa emisión, serven para contribuír ou agradar a eses prexuízos tan castizos, presentándoos como caudillos supostamente inestábeis, impulsivos, insolentes, excéntricos e incluso folclóricos, perigosos populistas en definitiva, pero rara vez contan con espazo nas páxinas que lemos, nas pantallas que ollamos e nas radios que escoitamos para difundiren os seus esforzos de pedagoxía política e económica, e aínda menos para informaren das súas decididas medidas transformadoras. Non vaia ser que nos gusten e nos dea por pedir algo semellante para nós.

En segundo lugar, e estreitamente vencellado ao neocolonialismo empresarial mencionado no anterior punto, as breves palabras de Rafael Correa en directo na Televisión Española durante un receso do Cumio Iberoamericano de Cádiz, nunha desas celebradas excepcións ao ocultamento informativo ao que estamos afeitos, dános unha boa pista sobre outra das razóns que poden subxacer á distorsión que a realidade latinoamericana sofre nos medios hexemónicos españois. “Dende que se inventou a imprenta, a liberdade de prensa é a vontade do dono da imprenta”, dixo o presidente ecuatoriano sen posibilidade de edición. Os grupos que publican os xornais, radios e televisións de maior difusión de España son efectivamente grandes empresas transnacionais, e como tal actúan co único fin de maximizaren os seus beneficios económicos en todos os lugares nos que están presentes. Non é difícil por tanto deducirmos o tratamento que recibirán todos aqueles gobernos cuxas políticas colisionen cos ambiciosos obxectivos económicos que estes enormes conglomerados globais de medios, os seus poderosos socios locais e os seus millonarios patrocinadores, teñen alén do Atlántico. Podemos crer o que nos conta un medio cuxos intereses empresariais se ven afectados polas políticas concretas das que esperamos que nos informe? É críbel unha información sobre o conflito entre o goberno democrático dun país soberano e unha gran empresa explotadora dos seus recursos naturais, cando esta figura entre os máis xenerosos patrocinadores do medio que nolo conta?

Finalmente, é obvio que Venezuela, Ecuador, Bolivia ou Arxentina, entre moitos outros casos diversos na súa ubicación e no seu contexto, son malos exemplos cuxa difusión é prioritario evitar por parte do sistema da orde mundial do que os medios hexemónicos de comunicación son tributarios: Seguindo relixiosamente as receitas neoliberais ortodoxas do Fondo Monetario Internacional e do Banco Mundial, expresadas no Consenso de Washington nos anos noventa, eses países afundíranse no máis profundo dos abismos, e facendo exactamente o contrario rexurdiron das cinzas, literalmente no caso arxentino, e encetaron cadanseu camiño de crecemento económico, redistribución da riqueza, reparación e xustiza social. É cuestión de vida ou morte por tanto para o sistema conseguir que fracasen tales experiencias transformadoras heterodoxas ou, entre mentres, evitar o seu potencial contaxio, silenciando e distorsionando todo canto no marco delas ocorra de positivo e magnificando os aspectos negativos até a esaxeración. Esta estratexia está claramente vencellada á teoría da mazá podre, plantexada a finais da década dos corenta polo goberno estadounidense e materializada no esmagamento sistemático e sucesivo de todo aquel país que tivese o atrevemento de plantexar un rumbo inconveniente, quer a través do derrocamento dos seus gobernos como en Chile, quer conseguindo por todos os medios extorsivos ao seu alcance o fracaso, total ou relativo, do modelo transformador iniciado, caso de Cuba e Nicaragua entre tantos outros.

Se non queremos vivir no que Heidegger deu en chamar estado de interpretado, debemos intentar coñecer a verdade dos acontecementos, comprender e contextualizar a realidade, interpretala e xulgala por nós mesmos sen intermediarios con intereses de parte. Evidentemente non podemos esperar que os medios hexemónicos de comunicación nos axuden nesta tarefa.

Buenos Aires, 20 de novembro de 2012

Comentarios