Opinión

EPA, soberanía e alternativas

A EPA bate o récord histórico na Galiza e pulveriza o argumentario do PP sobre a ilusoria recuperación.

A EPA bate o récord histórico na Galiza e pulveriza o argumentario do PP sobre a ilusoria recuperación. Os dados son estarrecedores. Achegámonos ás 300.000 persoas no desemprego. Por vez primeira temos menos de un millón de ocupad@s, 982.800. A taxa de desemprego entre os menos de 30 anos alcanza o 40,2%.

O cadro é dantesco, de emerxencia nacional. Non é o resultado de ningunha maldición bíblica nin do inexorábel cumprimento dunha lei física. É produto da orientación das políticas públicas practicadas no ámbito da UE, no Estado español e na Galiza por gobernos conservadores ou social-liberais (outrora chamados socialdemócratas).

No caso galego, a situación é aínda peor do que a española. Aduce o PP que temos unha taxa de desemprego menor, mais é un argumento tramposo. Temos menos taxa de paro non porque teñamos máis traballo, senón porque traballa menos xente (temos menos activos) e porque boa parte da nosa forza laboral procura emprego fóra (desde 2008, 118.000 moz@s galegos entre os 14 e os 34 anos apañaron as malas e puxeron rumbo cara á emigración).

Na Galiza non só temos un problema coas políticas neoliberais -políticas deflacionarias, feitas ao servizo dos intereses do capital financeiro-; temos tamén un problema engadido, o da dependencia do noso país a respecto de instancias políticas foráneas, quer o goberno de Madrid quer o eixo Bruxelas-Berlín.

Na Galiza temos un problema engadido, a dependencia de instancias políticas foráneas

Esa relación de dependencia e subordinación fai que non podamos tomar medidas para pór Galiza a producir, fai que non teñamos ferramentas para evitar o colapso dos nosos sectores produtivos estratéxicos (a pesca, o naval, o leite, o eólico...), desmantelados por decisións políticas alleas, tomadas en función de intereses que son antagónicos aos nosos (a destrución do noso rural beneficia o campo francés, etc).

Nada podemos agardar das forzas políticas maioritarias na Galiza e no Estado porque partillan en liñas xerais o mesmo libreto: políticas deflacionistas e liberais no económico e unha división internacional do traballo que penaliza as capacidades produtivas do noso país. Nada podemos agardar dunha Xunta que non só asume o marco, senón que fachendea del.

Tampouco ha vir a resolución dos nosos problemas pola vía dunha abstracta invectiva contra a Troika. Contra a Troika hai que estar, claro, mais non é abondo. A clave está en militar contra a Troika desde a defensa da soberanía nacional galega e desde a defensa dos intereses materiais concretos da Galiza, moitas veces contraditorios cos españois.
 

Comentarios