Opinión

Encol de ideas e comportamentos errados

Malia o fracaso dun sistema necesitado de ser cada vez máis opresivo e explotador, ate chegar ao xenocidio e ao delito como algo normal, e á sistemática destrución da natureza, as clases dominantes foron quen de manter a súa hexemonía ideolóxica, afastando o político do social e fragmentando a clase traballadora. Trátase dunha evidencia cen veces analizada nas últimas décadas, mesmo na nosa nación, mais segue sendo unha realidade que non devece ¿a que se debe? Sen dúbida á enorme concentración de poder nos grandes grupos económicos, a que o lucro se obtén, no fundamental, por medio da especulación, a economía delituosa e a depredación, o aumento da represión, e polo abranguente dunha revolución informacional controlada polas clases dominantes. Mais tamén pola incapacidade da esquerda (e como parte dela, a que loita pola liberación nacional) para superar métodos de traballo trabucados e unha praxe incorrecta. 

Malia o fracaso dun sistema necesitado de ser cada vez máis opresivo e explotador, ate chegar ao xenocidio e ao delito como algo normal, e á sistemática destrución da natureza, as clases dominantes foron quen de manter a súa hexemonía ideolóxica, afastando o político do social e fragmentando a clase traballadora. Trátase dunha evidencia cen veces analizada nas últimas décadas, mesmo na nosa nación, mais segue sendo unha realidade que non devece ¿a que se debe? Sen dúbida á enorme concentración de poder nos grandes grupos económicos, a que o lucro se obtén, no fundamental, por medio da especulación, a economía delituosa e a depredación, o aumento da represión, e polo abranguente dunha revolución informacional controlada polas clases dominantes. Mais tamén pola incapacidade da esquerda (e como parte dela, a que loita pola liberación nacional) para superar métodos de traballo trabucados e unha praxe incorrecta. 

 "Tamén pola incapacidade da esquerda (e como parte dela, a que loita pola liberación nacional) para superar métodos de traballo trabucados e unha praxe incorrecta". 

Voume centrar en como divulgamos dende o nacionalismo a nosa práctica social e política. Lembrando que a comunicación é fundamental para fixar no imaxinario colectivo o camiño e os obxectivos, e combater as ideas que fan asumir como algo normal a realidade colonial na Galiza. Pódenos servir como exemplo, xa que é un feito recente e coñecido pola maioría dos leitores, o tratamento que se lle deu á mobilización nacional do Día das Letras Galegas.

En todos os textos, mesmo os daqueles medios próximos ao nacionalismo, destácase exclusivamente a presenza na mobilización (de Compostela) dos que falaron e dos dirixentes dos partidos e deputados. Unha visión reducionista, que mesmo na crónica dalgún medio nacionalista  está constituída por anécdotas, esquecendo que o xornalismo debe ser os ollos e ouvidos dos que non estiveron para lles dar unha información completa e unha perspectiva. Por exemplo, cales foron as organizacións participantes, número de manifestantes, pancartas, consignas, intervencións, dirixentes políticos e sociais, persoas relevantes, e ademais nesta mobilización destacar o gran número de asistentes que acudiron malia o tempo e o boicot dos medios sistémicos. 

Volvendo ao tema central. Resulta entendíbel, aínda que non sexa ético, que os medios próximos ao poder ignoren a presenza das organizacións sociais, xa que deste xeito desvinculan os problemas económicos e sociais da cuestión lingüística e da identidade colectiva, ou sexa de dar unha visión global da dependencia. Porén que tamén o fagan os medios nacionalistas é preocupante. Despois pódese teorizar moito sobre a interdependencia entre as reivindicacións de clase e a problemática nacional, entre a opresión-explotación e a cuestión da soberanía, mais na práctica non se liga para que forme parte do imaxinario colectivo. O esquecemento resulta máis grave cando se ignora a presenza do secretario xeral da maior organización do país ¡non é secundario que pertenza ao ámbito do nacionalismo e estea presente na manifestación! Como se non tivese valor abondo a CIG con máis de 6.000 delegados e delegadas, máis de 70 mil cotizantes e moitos milleiros máis de simpatizantes. O mesmo podemos dicir en relación a outras organizacións do eido agrario, estudantil, feminista, ecoloxista, etc. Semella un xeito de facer a información que asume os valores xerárquicos do sistema en relación ao que é relevante na sociedade.

"Pódese teorizar moito sobre a interdependencia entre as reivindicacións de clase e a problemática nacional, entre a opresión-explotación e a cuestión da soberanía, mais na práctica non se liga para que forme parte do imaxinario colectivo"

O outro tema que quero salientar é a análise que se fai acotío da clase obreira. Neste aspecto o sistema teno claro; fai todo o que está na súa man por fracturala, para debilitar así a oposición ás medidas neoliberais e frear unha revolución social. Faino mentres di que o desemprego e a emigración son o maior problema para a poboación, e culpa cinicamente os salarios, condicións laborais e prestacións públicas por esta situación. Agocha taimadamente o aumento dos lucros empresariais, así como dos salarios e bonos dos altos executivos. Nesta estratexia os medios sistémicos cumpren á perfección o seu rol desinformador. Os medios nacionalistas deberían ter un papel moi distinto e, dentro das súas limitacións, reflectir a realidade dun xeito consistente e construtivo. Non sempre é así. Por exemplo, non é de recibo que se fale dos obreiros e obreiras e das profesións como se ambos conceitos fosen homologábeis. Unha cuestión son as profesións e outra a clase social. Non se poden mesturar tan alegremente conceitos tan distintos ¿a menos que se considere erroneamente que os obreiros e obreiras carecen de calquera profesión? Sería unha barbaridade, máxime cando na actualidade practicamente non hai operarios e operarias sen cualificación profesional e non por iso deixaron de traballar en precario, con baixos salarios e xornadas esgotadoras (se cadra é que se descoñece?).

"Resulta difícil de entender que a mobilización laboral non teña o mesmo valor nos medios de comunicación nacionalistas e progresistas que os actos que se realizan por outros motivos"

E por último, resulta difícil de entender que a mobilización laboral non teña o mesmo valor nos medios de comunicación nacionalistas e progresistas que os actos que se realizan por outros motivos (sendo todos eles importantes). Para alén das folgas xerais, difíciles de ignorar, as protestas laborais seguen a ser as máis numerosas e as que contan cunha maior participación. Neste mesmo intre temos as manifestacións de Navantia, de Unísono, do ensino contra a LOMCE, de Teleperfomance, dos empregados autonómicos, de Vesta Chavin, etc. Entón ¿por que se recoñece a importancia do tema laboral, especialmente neste intre, e despois se lle resta protagonismo á clase obreira? A maior parte da información relacionada cos traballadores e traballadoras é xenérica, non entra na cuestión de fondo, e poucas veces se lle dá voz aos afectados, para lle engadir a noticia a forza dos problemas concretos, dos sentimentos e das arelas da clase social máis numerosa e esmagada. Non é estraño que a clase obreira teña dificultades para considerar como referencia aqueles que, por máis que se definan como antistémicos, a tratan como se fose exclusivamente masa. Cómpre rectificar na práctica estas ideas e comportamentos errados. Cómpre ser os mellores no que se fai, se queremos mudar a sociedade, se confiamos e queremos gañar o pobo, e desexamos a liberación nacional e social de Galiza.

http://manuelmera.blogaliza.org/