mércores 14/04/21

En Galiza cemento galego. E por que non?

Reflexións sobre os nosos sectores produtivos. A situación de crise que vivimos está a levar ós sectores produtivos da Galiza a unha situación realmente preocupante, preto do abismo e do desmantelamento, da creba e da desaparición total dos grandes baluartes da nosa economía produtiva.

Reflexións sobre os nosos sectores produtivos.

A situación de crise que vivimos está a levar ós sectores produtivos da Galiza a unha situación realmente preocupante, preto do abismo e do desmantelamento, da creba e da desaparición total dos grandes baluartes da nosa economía produtiva.

Naval, gandeiro, forestal ou mineiro e da transformación son sectores chave na nosa economía e teñen en común a forza coa que a crise os está a golpear.

Unhas veces por medidas externas, como pode ocorrer co naval, a pesca ou coa gandería, levados ate o borde da desaparición por medidas adoptadas lonxe da nosa Terra e que nada teñen que ver con necesidades obxectivas da nosa economía ou dos propios sectores, e outras veces, polo débil desenvolvemento de sectores nos que somos punteiros pero nos que non acabamos de pechar ciclos produtivos e xerar valor engadido coma poden ser o forestal ou o mineiro, o caso é que as grandes ferramentas que tiñamos para o desenvolvemento de Galiza coma País, para xerar emprego con garantías de permanencia, para acadar uns niveis de desenrolo óptimos para a confluencia económica con outros territorios do estado Español ou de Europa, están a piques de desaparecer condenando a Galiza, unha vez máis ó atraso e á miseria.

A calquera observador externo pódelle dar a impresión de que estamos a vivir as consecuencias dunha crise económica mundial que afecta duramente ós países desenvolvidos e polo tanto, na Galiza, ten a súa traslación golpeando irremediabelmente aqueles sectores nos que somos máis fortes.

Porén, para un observador interno, para calquera persoa que siga a política económica e industrial dos sucesivos gobernos da Xunta de Galiza e do Estado Español, facendo un exercicio de memoria e valorando certas medidas tomadas que afectaban seriamente ó desenrolo destes sectores, verá como medida tras medida, por acción ou omisión, os sucesivos gobernos estaban a condear ós nosos sectores mais competitivos e a aqueles que maior posibilidade de desenrolo tiñan, á situación de emerxencia na que vivimos.

Fagamos un pequeno repaso:

Naval. Un sector no que a pesares de continuas reconversións, do desmantelamento premeditado e culpábel ordenado por unha Unión Europea na que pesan moito os intereses da industria nórdica, e executado miserabelmente polos sucesivos gobernos do Estado Español coa complicidade e servilismo habituais da Xunta de Galiza (especialmente intenso nos primeiros anos da autonomía nas épocas de Albor-Laxe-Fraga), a pesares do nulo apoio ó desenvolvemento, da política da mentira continua e do despilfarro de millóns de euros en plans de reindustrialización e reconversión, a pesares de todo isto, seguimos a ser punteiros e potencia mundial, tanto produtivamente coma tecnolóxicamente.

Porén, todos sabemos como está o sector naval nestes momentos: falta de carga de traballo, un índice de paro enorme e empresas en concurso de acredores e con pouco futuro e un sistema de incentivos fiscais similar ó que teñen no resto de Europa pero que na Galiza está recorrido diante da Comisión Europea e polo tanto non se pode empregar mentres que nen o Goberno Español nen o Goberno Galego, tomaron a decisión de recorrer outros sistemas europeos que posibilitan que neste momento os asteleiros do norte de Europa non dean abasto e os galegos estean a podrecer.

Gandería. Sector primario cunhas posibilidades enormes na Galiza, encanto a produción, calidade e posibilidades de crecemento co apoio necesario.

Un sector no que non somos quen de xerar valor engadido, no que se pagan os prezos mais baixos do estado español e europeos ós produtores, condeandoos á pobreza e o peche de explotacións.

Especialmente castigado polas políticas europeas, este sector leva feito un esforzo enorme en trinta anos para cumprir coas directrices políticas que emanaban da Unión Europea, modernización, cotas, reestruturación e un longo etcétera que permitiu por unha parte que se convertese nun sector fortemente dependente das subvencións e por outra, a pesar das políticas encamiñadas ó peche de explotacións, que seguira a ser o referente produtivo no Estado Español.

Demandas históricas coma o Grupo Lácteo Galego foron ignoradas, cando non torpedeadas dende os gobernos central e autonómico, que nunca apostaron firmemente por un sector que hoxe, inmersos na crise, crea miles de postos de traballo e xera millóns de euros de valor engadido noutras zonas do estado (que sí tiveron políticas de apoio e de desenrolo firmes por parte dos seus gobernos) coma Euskadi.

Pesca. No sector pesqueiro somos potencia mundial, primeira flota do mundo, con barcos faenando na maior parte dos caladoiros do mundo. Unha flota acosada e atacada en moitas pesquerías para excluirnos dos caladoiros. A crise do fletán foi todo un paradigma de este feito e veu a demostrar a tibieza na defensa deste sector polo Estado Español que aínda hoxe se demostra en cada unha das negociacións que a Unión Europea mantén cos países de destino da nosa flota, dos que ano tras ano, fumos sendo expulsados como acaba de acontecer en datas recentes coa flota de Mauritania.

Esta falta de apoio do Estado Español na defensa do sector veu acompañada dunha política de desmantelamento e desguace da flota dirixida dende Europa e encamiñada ó afundimento do sector en Galiza en contraste co apoio decidido a flotas do norte de Europa.

Forestal. Neste sector paradoxalmente foi a política de fomento indiscriminado de plantacións, incluso en terreos de enorme importancia agro-gandeira, sen unha mínima planificación e totalmente descontrolada a que esta levando o sector a unha situación alarmante. A forestación con plantas de pouco valor madeireiro, encamiñadas case en exclusiva á produción de papel e á construción, coma son o eucalipto e o pino fomentada dende os derradeiros anos do franquismo e que se mantivo durante anos está a producir unha caída de prezos enorme pola sobreprodución e polo monopolio na merca de madeira pola pasteira Ence.

A pouca especialización e modernización dun sector moi importante, que non remata de desenvolverse e pechar o ciclo produtivo, con aserradoiros e primeiros cortadores empregando medios e procesos pouco desenvoltos e modernos, limitados pola pouca marxe de beneficio do sector, xunto con unha grande dependencia do sector da edificación residencial está a lastrar un sector de moita importancia social debido á enorme cantidade de produtores que conforman o mesmo.

A importancia de empresas coma Finsa, Losán ou Tablicia (esta última en proceso de liquidación inmersa nun concurso de acredores) temos que relativizalas nun contexto de concentración do mercado, redución da demanda e sobre todo na incapacidade de pechar ciclos coa conversión do taboleiro (subsector no que temos certa relevancia) en produto rematado.

Minería. Representado na Galiza sobre todo nos subsectores da Lousa, na que somos unha vez máis primeira produtora do mundo, Pedra Natural, cun potencial tremendo e grandes produtores do Estado, e Áridos, no que grazas á especial tipoloxía xeolóxica da nosa Terra mantemos unha boa posición no sector.

Neste sector temos que salientar os grandes avances producidos no subsector da Pedra, na que fumos evolucionando ata acadar unha boa posición na transformación do produto (nestes momentos a pedra transformada ou rematada supón un 80% da exportación, que aínda agora está a medrar na orde do 3% anual favorecendo que este sector non acuse a crise coa mesma gravidade que outros tamén dependentes da construción).

A pedra de toque neste sector, ademais da evidente dependencia do sector da construción e obra pública, é sen dúbida a falta de ordenación e de control desta actividade, só regulada timidamente coa Lei da Minaría do bipartito, que non chegou a ser desenvolta na súa totalidade polo goberno entrante do PP, e que se traduce en centos de explotacións ilegais, sen autorización administrativa nen licenza e que ademais adoecen dunha falta de modernización que as faga realmente operativas e competitivas.

En resumo, e para achegar conclusións, podemos atopar certas similitudes nestes sectores. O grande potencial e a capacidade de produción non teñen o seu reflexo nas políticas dos nosos gobernantes. A falta de apoio e implicación política ou a falta de regulación están a lastrar sectores moi competitivos da nosa economía, que poderían darnos unha vantaxe obxectiva en relación a outros territorios do estado e incluso de Europa nuns sectores que diferencian claramente a nosa economía e que poderían representar o desenrolo industrial e o despegue económico para un País moi pouco industrializado, con grandes zonas sen desenrolar e baseadas aínda hoxe na economía da subsistencia e na subsidiarización.

A pregunta é: son estas políticas, indolentes nuns casos e abertamente subordinadas a intereses alleos noutros, froito da incompetencia ou son mostras evidentes da mentalidade colonizada dos sucesivos gobernos da Galiza? Pode alguén, á vista destes argumentos, afirmar que os gobernos da Xunta de Galiza (nomeadamente as do partido que acaparou o goberno nestes trinta anos de autonomía nominal, o Partido Popular) realmente fixeron uso das súas prerrogativas e tomaron as decisións axeitadas para desenvolver estes sectores e por ende a nosa economía, ou realmente o noso exiguo autogoberno non dispón das ferramentas axeitadas para o fomento e desenrolo da economía produtiva galega? Eu téñoo claro, mais gustaría que fora o lector, ó que á vista da miña argumentación, chegara ás súas propias conclusións.

Mais aínda hai unha pregunta que os pacientes lectores e lectoras, os que tiveron a paciencia e asumiron o tedioso exercicio de lectura de este artigo, se estarán a facer...

Cal é o porqué do título? A resposta é sinxela, e ven a conto da situación pola que está a pasar a fáctoría de Cementos Cosmos en Oural (Lugo), sobre a que pesa unha ameaza de peche, coa conseguinte perda de postos de traballo e duro golpe para a economía da comarca, que ó igual que moitas outras zonas da Galiza, adoece de industrias e de posibilidades de crecemento.

Pois ben, neste caso, chamoume a intención a resposta dun “opinador” do diario El Progreso á proposta e reclamación efectuada polo Comité de empresa sobor da posibilidade de que na Galiza se primara o consumo de cemento elaborado na Galiza fronte ó de outras zonas (nomeadamente Toral de los Vados en León), e que este “opinador” desechaba e incluso ridiculizaba en nome da sacrosanta liberdade de mercados, e que ó final ven a explicar moitas das cousas que mencionaba anteriormente.

Nalgúns círculos de pensadores e de dirixentes do noso País, a nosa economía é sacrificable fronte a outras, inmolada no altar da metrópole e fagocitada por intereses alleos ós do noso País para maior gloria do Imperio, que pode empregar a nosa economía produtiva e o noso esforzo e traballo como moeda de cambio para favorecer outros intereses. Esa é a súa mentalidade fronte os que pensamos que este País só se poderá salvar se camiña por sí soa, sen dependencias nen subordinacións e antepoñendo os intereses da súa cidadanía fronte ós de grandes maquinarias económicas e estruturas supranacionais.

Por iso, dende aquí clamo... en Galiza, cemento galego, e lácteo e pesca e naval e forestal galego tamén, e minaría e un longo etcétera de sectores e potencialidades que nunca nos deixaron desenvolver.

comentarios