Opinión

En boas mans está o pandeiro!

Permítaseme comezar por un recordo persoal. No Pleno que o Parlamento Galego celebrou no 19 de Decembro de 2003, apresentei a miña demisión como deputada do mesmo.

Permítaseme comezar por un recordo persoal. No Pleno que o Parlamento Galego celebrou no 19 de Decembro de 2003, apresentei a miña demisión como deputada do mesmo. Entrevistada que fun ese día por un xornal editado na Galiza, e a perguntas do xornalista, comentei que non tiña pensado autoxubilarme, e tiven a ocorrencia de evocar que Brahms compuxo a súa primeira sinfonía aos 43 anos, como exemplo de que a vida laboral activa non remata na cincuentena. Malia semellante ocorrencia! No día seguinte, na publicación da entrevista, Brahms foi milagrosamente mudado por… Mozart! Poden imaxinar non a emoción, senón a indignación, que me embargou. En irada e rápida chamada ao xornal, esixín a oportuna rectificación, que se produciu, en efeito, no día seguinte, en forma de “Aclaración” de tres centímetros, apto, por tanto, para leitura de detectives. Xa quen estexa a ler terá advertido que a semellanza fónica entre os nomes dos dous músicos é total (¡!), así que sobre a confusión recaen todas as suspeitas. Mais, en fin, fose intencional ou froito do desleixo, o mal xa estaba feito. Melómana que son desde a infancia, a miña ignorancia técnica ou académica sobre a música clásica é ben grande, mais non tanta como para descoñecer que Mozart morreu aos 35 anos, polo que é de todo imposíbel que compuxese a súa primeira sinfonía aos 43! Deuse a circunstancia de que unha miña amiga, ao ler a noticia e saber da miña indignación, acrecentou: -“¿Non levabas ti os asuntos de Cultura no Grupo Parlamentar do BNG? Pois a xente pensará: ¡En que mans estaba o pandeiro!”

Frase e anécdota viñeron á miña recordación estes días ao coñecer a astracanada derivada do aparecemento do Códice Calixtino e dos episodios que o rodearon. Volvo expresar as miñas saudades dun Castelao, na nosa cultura, dun Bagaría ou dun Valle-Inclán na española, que desen boa conta artística de semellante recital de disparates. E lembrei tamén como hai un ano, no 13 de Xullo de 2011, no extinto Xornal de Galicia, unha servidora publicara un artigo en que, sob o título “Furto, roubo, espolio”, apontaba:

O Códice Calixtino segue missing. Supoño que quen o tiver -sexa institución, sexa persoa física ou xurídica- estará rindo ben, chufándose do doado que foi proceder ao seu furto, vistas as condicións de facilidade subtractora en que se atopaba.

Engadía como a responsabilidade da súa custodia, con ser altísima, non era só da Catedral de Santiago e das autoridades eclesiásticas, senón tamén da propria Xunta, vinculada ao cumprimento da Lei de Patrimonio Cultural, desde 1995, en que se promulgara. Na tramitación desta lei, puxéramos especial empeño en que se asegurase o apoio financeiro á Igrexa Católica, como titular que era e é dun enorme e riquísimo patrimonio histórico-artístico, mais sempre coa garantía da súa visitabilidade, conservación, transmisión e divulgación. A tal efeito, o corpo de inspectores públicos do patrimonio histórico-artístico debería funcionar eficazmente.

Aforro a quen ler estas liñas calquer comentario actualizador. Sobrante sería, á vista dos feitos. Ora, o que é absolutamente fóra de cacho é que teñamos que ATURAR o seguinte:

  1. Os comentarios dun alto responsábel da policía, que, na pior tradición do autoodio, cualifica de “tipicamente galego”, cerrado e “taimado”, o comportamento e perfil do ladrón. Típicas de galego colonizado ascendido ao mando do colonizador son as súas declaracións, abofé! En todo caso, “típico” da política gobernamental operante na Galiza é o desprezo e maltrato para co noso patrimonio histórico-artístico.
  2.  Á vista das detencións practicadas, fica á vista de xeito flagrante o que durante moitos anos -e, tamén, o ano pasado- denunciamos: a irresponsabilidade, lixeireza, desprezo, en suma, con que pezas singularísimas do noso patrimonio foron e son tratadas. Digo mal: non é a ausencia de protección debida para xoias excepcionais; é unha política sistémica (desculpen a pedantada de moda) de ignorancia, ocultación, falta de accesibilidade, maltrato, en fin, do patrimonio histórico-artístico no seu conxunto.
  3. ¿Cando se van dignar responder a toda a mada de perguntas que acumula o aparecemento do Códice? ¿Como é que se demora un ano en deter o responsábel do roubo, se o seu nome xa foi apontado por un axente aos tres de cometido aquel como principal suspeitoso?
  4. E chegamos xa á traca final, ao delirio da manipulación e instrumentalización política. Temos que suportar que veña o Presidente do Goberno español “devolver”(¡!) e entregar ao arcebispo compostelano a peza roubada. Nen nas hipérboles esperpénticas valleinclanianas o veríamos escrito! No canto de ser, como é, unha vergoña nacional e unha vergoña estatal a comisión do roubo, que, en todo caso, como xa dixemos, pon de manifesto o estado ventureiro en que libro tan valioso se achaba, aínda temos que aturar que se converta a súa recuperación nun triunfo exhibido como impúdica mercadoría pre-eleitoral por dous elementos galegos de nacemento a quen a galeguidade indisimulábel dos seus apelidos (Feixoo, Raxoi, Brei) debe de pesar como unha lousa. O Presidente da Xunta de Bois fala de reforzo do europeísmo (¡!), nunha Galiza que só recebeu da Unión Europea labazadas, prohibicións de producir, impedimentos de continuidade industrial e un longo etcétera de restricións. O señor Raxoi -que non se dignou visitar a súa terra de nacencia e de captura de votos para se interesar polo presente-futuro do sector naval, da pesca, do sector lácteo ou, por suposto, do enorme e valioso patrimonio histórico-artístico galego- si se presta, nun revival franquista da pior especie (o brazo de Santa Teresa…) a “entregar” o Códice á autoridade eclesiástica. Que noxo, meu Deus! O único que podería “entregar”, en boa lei, é a “contrición” e o “propósito da emenda”, após a “confisión” do descomunal desleixo que permitiu pecado semellante. Aínda temos que ler que se procederá á asinatura dun “convenio” (¿?) ou que un cínico ministro de Educación afirme que a responsabilidade do caso é só da Catedral. ¿Acaso non hai Lei de Patrimonio? ¿Acaso non hai responsábeis políticos que seguen entregando cantidades do erario público á Igrexa Católica? ¿Acaso non teñen competencias a Xunta e o proprio Estado?

Efectivamente, como ironicamente di o refrán de noso: En que mans está o pandeiro!

De novo acudo a Luís Cernuda e a un seu poema de Desolación de la quimera:

Lo cretino en ti

no excluye lo ruin.

Lo ruin, en tu sino

no excluye lo cretino.

Así que eres, en fin,

tan cretino como ruin.

 

Insira aquí: …………………………….................................... a leitora, o leitor, o nome de quen quixer. Hai ben onde escoller!

Comentarios