Opinión

Eloxio da Xeografía

 Hai dúas razóns primordiais que me animan a facer este pequeno artigo de opinión respecto á disciplina académica que cultivo, ocupa a miña vida laboral hai case trinta anos e que para min constitúe un xeito íntimo de entender a vida. A primeira, que na semana final de abril, o 22 ou 23, celebrouse o Día da Terra, unha iniciativa global que nós levamos adaptando aquí en Compostela como Día da Xeografía. A segunda, que o noso novo portavoz nacional do BNG, o colega e amigo Xavier Vence, afirmaba nunha entrevista concedida a este medio que o autor que máis influencia exercía sobre el nestes momentos era D. Harvey, “xeógrafo e economista”, segundo as súas declaracións. 

 Hai dúas razóns primordiais que me animan a facer este pequeno artigo de opinión respecto á disciplina académica que cultivo, ocupa a miña vida laboral hai case trinta anos e que para min constitúe un xeito íntimo de entender a vida. A primeira, que na semana final de abril, o 22 ou 23, celebrouse o Día da Terra, unha iniciativa global que nós levamos adaptando aquí en Compostela como Día da Xeografía. A segunda, que o noso novo portavoz nacional do BNG, o colega e amigo Xavier Vence, afirmaba nunha entrevista concedida a este medio que o autor que máis influencia exercía sobre el nestes momentos era D. Harvey, “xeógrafo e economista”, segundo as súas declaracións. Neste senso, cómpre afirmar que D. Harvey é tan só xeógrafo, nunca pretendeu ser outra cousa, como M. Castells é sociólogo ou P. Krugman economista, aínda que este último titulase un dos seus libros “Xeografía e Teoría Económica”. A admiración por D. Harvey non é nova no meu entorno, xa que outros compañeiros como C. Aymerich ou R. Ermida teñen mantido conmigo conversas sobre os seus libros, en xeral aqueles que desenvolven aportacións e ideas sobre o escenario mundial do capitalismo do presente. Pero Harvey só se entende como xeógrafo, no marco dunha ciencia social que mudou moito en épocas recentes, que demostra día a día a súa utilidade e que, xunto coa teoría crítica da ciencia económica, da socioloxía, a antropoloxía, a historia ou as ciencias políticas, axudan a comprender o funcionamento do inxusto sistema capitalista mundial, onde nos situamos. Por certo, para entender a D. Harvey como xeógrafo, e na nosa lingua, consultade, o pequeno estudio de X. Constenla, editado por Sotelo Blanco, “(Re)imaxinando o universo urbano”.

"Harvey só se entende como xeógrafo, no marco dunha ciencia social que mudou moito en épocas recentes, que demostra día a día a súa utilidade e que, xunto coa teoría crítica da ciencia económica, da socioloxía, a antropoloxía, a historia ou as ciencias políticas, axudan a comprender o funcionamento do inxusto sistema capitalista"

No meu argumentario vou partir da obra e evolución de D. Harvey para contextualizar o pensamento xeográfico dos últimos decenios. Logo falarei doutras contribucións recentes da disciplina e finalizarei co sentido da análise xeográfica en Galiza. Así, D. Harvey que hoxe bordeará os 75 anos de idade naceu británico e formouse nunha das escolas xeográficas máis reputadas dos 1960, a de Cambridge. Alí escribiu unha tese de doutoramento sobre “A propiedade da terra en Kent”, o que nos aporta unha primeira clave, a vinculación da xeografía coa historia durante decenios e o interese por coñecer os procesos de apropiación do solo, xeración de renda e valor, e a construción de mapas catastrais. Despois de doutorarse, Harvey pasa a traballar ao novo mundo, a Estados Unidos. A este respecto, cómpre reflexionar sobre dúas cuestións. A primeira, que as universidades elitistas e burguesas do mundo anglosaxón nunca teñen reparos en contratar a autores e pensadores moi críticos, anticapitalistas (Harvey traballou moitos anos na John Hopkins de Baltimore e agora faino na City University of New York), quizáis como xeito de defender un marcado relativismo cultural, ao que se engade unha absorción permanente de ideas novas e procuras de asimilación destes intelectuais. A segunda, Harvey acompañou fisicamente o tránsito do declinante mundo británico á potencia central hexemónica (fixémonos agora o que nos pode acontecer a respecto da universidade brasileira, que xa comeza a contratar parcialmente a algúns dos nosos mellores xoves doutores).

En Estados Unidos D. Harvey abrazou primeiro o paradigma sistémico e cuantitativo da disciplina (“Teorías, Leis e Modelos en Xeografía”) para a inicios dos 1970 asumir plenamente o enfoque marxista da xeografía. A obra que resume o inicio deste novo período referiuse xa á cidade, o auténtico cerne do mundo capitalista nos últimos douscentos anos. O libro titulado “Urbanismo e desigualdade social”, demostra como as categorías marxistas, socialistas en xeral, permiten entender as contradicións do proceso urbano, as lóxicas de segregación espacial nas urbes e os procesos especulativos que toman como base o valor de cambio do solo (as expectativas de urbanizar e construír no contexto da especulación inmobiliaria). Uns anos despois Harvey editou “Xeografía e teoría revolucionaria” e sobre todo “Os límites do Capital”, onde formula a súa principal teoría que mantén até o presente. Segundo Harvey, a gran obra de K. Marx, maxistral por múltiples aspectos, adoece dunha falta de reflexións espaciais, territoriais, xeográficas en xeral. Trátase dun tratado económico e histórico, pero para comprender o mundo dos séculos XX e XXI é imprescindible introducir o coñecemento xeográfico (doutro xeito, non se poderían analizar ben palabras como imperialismo, globalización, nación/nacionalismo, segregación espacial, produción do espazo, etc.). A partir deste momento, todo o esforzo central de Harvey ten sido colocar ao espazo e ao territorio no cerne da teoría crítica (marxista ou marxiana) do capitalismo. En épocas recentes, e cun ritmo de publicación elevado, tratou de introducir a lectura postmoderna (no senso crítico de F. Jameson ou F. Lyotard) na súa obra, afondar nas claves xeopolíticas do mundo actual, coñecer os mecanismos básicos dun sistema financeiro que se espacializa e continuar a comprender o exemplo proporcionado polas cidades para coñecer o funcionamento do capitalismo (cunha serie de traballos emblemáticos, a este respecto, sobre París).

"Segundo Harvey, a gran obra de K. Marx, maxistral por múltiples aspectos, adoece dunha falta de reflexións espaciais, territoriais, xeográficas en xeral".

No eloxio da Xeografía que acometemos D. Harvey preséntase como un autor fundamental, pero non único. Pensemos tamén na británica D. Massey, hoxendía asesora destacada da República Bolivariana de Venezuela en temas de biodiversidade, en E. Soja, D. Cosgrove, A. Berque ou Yi Fu-Tuán, por citar algúns dos nomes máis recoñecidos. De feito, E. Soja mantén a liña de pensadores alternativos ao capitalismo con reflexións profundas sobre o espazo urbano e os procesos especulativos de acumulación do capital a partir do solo (o concepto de “Postmetrópoli”). Tamén analizando os ámbitos de resistencia de pequenas colectividades, a partir da súa teorización sobre o Terceiro Espazo. Na mesma escola de UCLA á que pertence E. Soja, outro colega xa falecido, D. Cosgrove introduciu a teoría social crítica nos enfoques de Xeografía cultural. Na súa obra posúe especial interese a reivindicación da análise da paisaxe, como produto social e humano, que permite interpretar a dinámica de transformación da natureza segundo as lóxicas dominantes. Sobre este tema da paisaxe, das lecturas escenográficas do territorio, o francés A. Berque rompeu a visión eurocéntrica adaptando as interpretacións procedentes do mundo oriental, nomeadamente da cultura xaponesa. Por último, e neste rápido percorrido, aparece a obra de Yi Fu-Tuán cun valor excepcional ao estudar as percepcións e os sentimentos que xeran os lugares, acuñando conceptos como topofilia ou topofobia. Subliñando como os seres humanos nas súas diferentes sociedades non manteñen unha relación fría, indiferente, co seu espazo de vida, senón que se proxectan nel, danlle connotacións determinadas e deféndeno ou atácano de xeito natural. Un Yi Fu-Tuán que recentemente volveu reflexionar, case filosoficamente, sobre as relacións sociedade-natureza, na súa obra ”Escapismo”.

"Otero defendía a existencia de Galiza desde o inicio dos tempos, como realidade de seu, se ben as súas maiores aportacións virían dadas pola análise tipolóxica da paisaxe e do poboamento que ensaia".

Neste contexto de afirmación da disciplina xeográfica non se pode esquecer a Galiza. Un país onde a Xeración Nós durante os anos 1920 e 1930 trazou un proxecto completo de coñecemento integral, moderno cientificamente e nacional. No mesmo, xunto a historiadores, etnógrafos ou expertos en leis había un gran xeógrafo, R. Otero Pedrayo. D. Ramón, xunto con V. Risco, vai ser dos que posúan unha formación académica máis elaborada, aínda que os dous coincidan en manter unha visión esencialista, moi tradicional e conservadora, do feito galego; lectura minoritaria no eido político fronte ao progresismo de A.D. Castelao ou a. Bóveda. Otero defendía a existencia de Galiza desde o inicio dos tempos, como realidade de seu, se ben as súas maiores aportacións virían dadas pola análise tipolóxica da paisaxe e do poboamento que ensaia. Unha lectura onde os elementos de afirmación do propio sempre están presentes. Nos 1960 e 1970 coas novas teorías socialistas da colonización e da dependencia, a tese do atraso de X.M. Beiras non diferirá moito das conclusións das grandes obras de dous xeógrafos (con posicións ideolóxicas diferentes), J. García Fernández e A. Bouhier, que traballaron sobre o vello complexo agrario ou a organización do espazo tradicional do país. A Xeografía seguía reforzando as teorías explicativas de Galiza, como agora o traballo colectivo que se emprendeu se orienta a caracterizar o proceso de urbanización, de agresión ecolóxica a moitos lugares e de crise demográfica nun territorio moi contrastado entre a costa e o interior, que expresa as contradicións e dificultades que impón o capitalismo globalizado e serodio sobre o espazo. E a Xeografía, unha ciencia xeográfica empregada como instrumento de análise e propostas para mudar a realidade, segue a ser central no corpo básico das ciencias sociais dos inicios do século XXI.

Comentarios