Opinión

El futuro es la leche!

Deste xeito, coa frase coa que encabezo este artigo, responde unha suposta muller chegada de tempos vindeiros a unha outra do presente cando lle pregunta, nun anuncio televisivo dunha marca galega de leite que se está a emitir actualmente pola TVG, como é o futuro. Responde así, en perfecto castelán, a unha pregunta formulada en galego.

Deste xeito, coa frase coa que encabezo este artigo, responde unha suposta muller chegada de tempos vindeiros a unha outra do presente cando lle pregunta, nun anuncio televisivo dunha marca galega de leite que se está a emitir actualmente pola TVG, como é o futuro. Responde así, en perfecto castelán, a unha pregunta formulada en galego. E confírmase vendo isto como o principal medio público de comunicación do que se ten dotado Galiza deixou de ter entre as súas funcións a normalización da nosa lingua, para pasar a afondar máis, se cabe, na diglosia e nos prexuízos que xa ven padecendo de vello. Porque o que dá a entender esa muller do futuro coa súa frase en castelán, é que no futuro fálase castelán.

Non é o único exemplo, por desgraza. Sen facer un excesivo exercicio de memoria, podemos lembrar aquí a unha coñecida locutora da Radio Galega explicando algo que lle acontecera co seu fillo, e que cando imitou a voz do rapaz para expresar literalmente o que el dixera, falou en castelán, denotando así que o seu fillo se expresa nesa lingua, e sen incomodarse nin o máis mínimo por transmitir, unha vez máis, o prexuízo de que entre a xente nova o “normal” é falar castelán.

E tamén podo contar como en días pasados unha reporteira da TVG desprazada a un encontro sobre música clásica, falaba cun dos organizadores, que era alemán, e sen disimular nin inmutarse dixo que como o interlocutor é alemán “ímoslle falar en castelán para que nos entenda mellor”, coma se os alemáns tiveran un problema polo cal entenden mellor o español que o galego. Máis prexuízos.

Como digo, non son exemplos illados. Dun tempo a esta parte, comprobamos, a pouco que conectemos o aparello televisor e sintonicemos a Galega, como día si, día tamén, se transmiten, alentan e incluso crean, graves prexuízos lingüísticos.

A CRTVG naceu tendo como un dos seus obxectivos primordiais, tal e como o expresa o artigo 1.1 da Lei de creación do ente a “misión de servizo público consistente na promoción, difusión e impulso da lingua galega”, mais, como se ve, trátase dunha Lei que se está a incumprir reiterada e descaradamente, e non só no que respecta a este artigo. Se na Lei de creación se recollen, no seu artigo 16, unha serie de principios de programación, podemos tamén comprobar que varios deles son repetidamente vulnerados, como o que fala da “defensa da identidade da nacionalidade galega” ou o “respecto á liberdade de expresión, obxectividade, veracidade e imparcialidade das informacións”. Non temos máis que lembrar cantas actividades e roldas de prensa da Mesa pola Normalización Lingüística, a maior asociación cultural da Galiza, son censuradas, coa non participación de persoal da TVG ou da Radio Galega para recoller a información e, por suposto, coa non emisión de ningún tipo de noticia ao respecto.

Moito ten que mudar a CRTVG para cumprir verdadeiramente esa “misión” normalizadora que lle encomenda a Lei de creación deste ente, pois malia contar con grandes profesionais da comunicación, lamentablemente conta tamén, na súa dirección e no actual goberno en funcións, con grandes profesionais da manipulación e da desinformación, a quen o futuro da lingua galega lles dá igual, por non dicir que pensan que “es la leche”.

Comentarios