Opinión

Edward Snowden

Algo moi tenebroso e inquietante debe estar a producirse no corazón neurálxico dos USA cando algunhas persoas que pertencen, coñecen e actúan desde os seus servizos de intelixencia, senten un desacougo, un espanto e un repudio moral como para denunciaren e renunciaren a seguir colaborando e amparando omnímodos métodos de facer mal dentro e fóra das súas fronteiras. A sociedade americana foi sempre propicia a xerar, a partir dos seus moi arraigados valores individualistas, como responsabilidade e valor persoais, condutas dignas de encomio pola súa destemida defensa fronte as inxustizas do poder. Mesmo é admirábel por xerar reaccións heroicas de desobediencia e confrontación co poder e a súa capacidade de represión en contextos de grave alienación colectiva. Rechama que a denuncia e a confrontación, no canto da intimidación, se produza xustamente cando algúns individuos, sen por isto poñeren en cuestión o sistema, acadan plena conciencia da esmagadora maquinaria de control que mantén un Estado, de vocación confesional ultracapitalista, ao servizo directo dos ricos, e do seu deseño imperialista do mundo.

Algo moi tenebroso e inquietante debe estar a producirse no corazón neurálxico dos USA cando algunhas persoas que pertencen, coñecen e actúan desde os seus servizos de intelixencia, senten un desacougo, un espanto e un repudio moral como para denunciaren e renunciaren a seguir colaborando e amparando omnímodos métodos de facer mal dentro e fóra das súas fronteiras. A sociedade americana foi sempre propicia a xerar, a partir dos seus moi arraigados valores individualistas, como responsabilidade e valor persoais, condutas dignas de encomio pola súa destemida defensa fronte as inxustizas do poder. Mesmo é admirábel por xerar reaccións heroicas de desobediencia e confrontación co poder e a súa capacidade de represión en contextos de grave alienación colectiva. Rechama que a denuncia e a confrontación, no canto da intimidación, se produza xustamente cando algúns individuos, sen por isto poñeren en cuestión o sistema, acadan plena conciencia da esmagadora maquinaria de control que mantén un Estado, de vocación confesional ultracapitalista, ao servizo directo dos ricos, e do seu deseño imperialista do mundo.

"Os servizos de intelixencia USA teñen, segundo a súa información, capacidade para interceptalo todo e capturar a inmensa maioría das comunicacións humanas de maneira automática e sen seleccionar obxectivos, e todo dentro da legalidade".

O caso Bradley Manning –nestes días sometido a consello de guerra, após tres anos nunha prisión militar maltratado, e cunha petición de cadea perpetua-, coas correspondentes secuelas do caso Assange –cúmprese este mes un ano do seu refuxio na embaixada de Ecuador en Londres, para librarse de ser extraditado a Suecia e de aquí aos USA-, fixo posíbel a divulgación, a nivel masivo, de documentos ilustrativos das inxerencias e  intimidacións políticas e diplomáticas ás que recorren os USA en todas as partes do mundo. As filtracións de Edward Snowden revelan o control das comunicacións e das informacións, con fins mafiosos e criminais, que aplican dentro e fóra. Este mozo, que cobraba 200.000 dólares anuais, como axente da NSA, experto en informática, vén de levar a cabo a maior filtración nun organismo de intelixencia, desde hai moito tempo. El mesmo explicou que o facía porque “non quería vivir nun mundo no que se grava todo o que digo e o que fago”. Os servizos de intelixencia USA teñen, segundo a súa información, capacidade para interceptalo todo e capturar a inmensa maioría das comunicacións humanas de maneira automática e sen seleccionar obxectivos, e todo dentro da legalidade. Snowden considera “espantoso” até onde chega a súa capacidade de actuar, de forma que unha persoa, convertida no seu obxectivo, “nunca está a salvo por máis que se protexer”.

Coñecendo todo isto, Snowden, como Manning, concluíu, a través dun proceso natural, que xa estaba ben, consolidándose na súa conciencia a idea “de que estamos facendo mal”. Desde entón, xa non puido soportar o seu servizo a un organismo de intelixencia no que, coa mesma naturalidade, se falaba de procedementos legais e “accións decisivas”, asasinatos, crimes, preferindo estes a aquelas. Todo xustificado, paradoxalmente,  en nome do combate contra o “crime” a nivel internacional. O seu caso vale de ilustración. O analista de política exterior, Steve Clemons dixo escoitar unha conversa no aeroporto de Dallas da capital, Washington, entre catro homes: falaban das filtracións após asistiren a unha xunta dos servizos de intelixencia. Un deles propuña que había que facer desaparecer tanto o xornalista que as publicou como a quen revelara os documentos, neste caso, Snowden. Nunha entrevista publicada nalgúns medios europeos, este certificou que así falaban e actuaban os membros destes servizos: el fora un deles.

Coa súa valente denuncia, Edward Snowden, como antes Manning e Assange, vén de nos alertar, con probas moi contundentes, sobre o control irrespirábel e sumamente opresivo, perigoso e autoritario dos USA sobre a súa poboación e verbo do mundo. Loxicamente este control ten consecuencias, de maior ou menor gravidade, no exterior, segundo o papel que ocupa cada pobo na xerarquía imperial, nas relacións de dependencia. Tamén, máis unha vez, desvenda a hipocrisía dos USA cando considera inimigos da democracia e criminais a todo aquel que non partilla os seus criterios e deseños, mentres practica o maior control e piratería contra todos, incluídas Rusia e China, ás que, cando convén, se cualifica de Estados autoritarios, por non se someteren incondicionalmente, en todos os casos.  Porén, tamén resulta ilustrativo comprobar como a información na prensa occidental, a comezar por The Guardian, e a seguir por El País no Estado español, sobre as filtracións faise sen o menor aceno condenatorio, repulsa ou análise crítica sobre a realidade monstruosa que revela. É como se quixeren limitalo a un escándalo máis. Algo que non debe servir para alertar e incitar a opinión pública en contra de quen, de forma tan criminal e autoritaria, usa un aparato de intelixencia ao servizo da súa política, fóra de todo control democrático e público, e con incidencia en todo o mundo.

"O caso Manning, e agora o caso Snowden, certifican, tal e como acabou por convencerse este após esperar por unha mudanza nos servizos de intelixencia que nunca chegou, de que a política de Obama non é máis que a continuación da do seu predecesor, noutra fase e co recurso a outras lexitimidades marxinais". 

O ton elixido pretende consolidar a idea de que este espanto nunca nos vai afectar, se non nos metemos en política ou non discrepamos activamente. Que nada ten a ver coas nosas vidas cotiás o que fagan os servizos de intelixencia, cando non convencernos de que é o prezo a pagar –teoría oficial da Casa Branca- pola protección do mundo libre occidental, en primeiro lugar, USA, dos perigos da ameaza terrorista. Mesmo podemos detectar como agora, neses mesmos medios, de forma sibilina, déixase caer que o normal é que quen as fai as pague, demostrando un aliñamento noxento coa pretensión aniquiladora, autoritaria e criminal, do Goberno dos USA. Por se non nos tiveramos decatado, o caso Manning, e agora o caso Snowden, certifican, tal e como acabou por convencerse este após esperar por unha mudanza nos servizos de intelixencia que nunca chegou, de que a política de Obama non é máis que a continuación da do seu predecesor, noutra fase e co recurso a outras lexitimidades marxinais. 

A realista conciencia de Snowden sobre as consecuencias, para el, do seu atrevemento, está en coherencia coa súa experiencia dun mundo inquietante, espantoso e autoritario. Sabe que pode ser asasinado, que pode ser capturado e ir ao cárcere, mesmo sentenciado a morte. En paradoiro descoñecido, á espera de que se lle conceda asilo político onde o solicitar, dubida que poda volver endexamais aos USA, “o meu país”, subliña. Porén, considera que o resultado da súa actuación será positivo. Móstrase xa satisfeito coa reacción cidadá, minoritaria, pero incisiva, de defensa dos dereitos que se están a reprimir coa escusa da seguridade. Non creo que a defensa da 4ª Emenda da Constitución do USA –prohibición dos rexistros sen orde xudicial- vaia abondar para acabar coas prácticas mafiosas instaladas no corazón da maquinaria de control e represión- incluída a informativa- máis poderosa do mundo. Mais axudará a que medre a conciencia sobre o feito do control e a represión interiores en USA iren ligadas a un seu papel imperial no mundo, caracterizado por un autoritarismo criminal que só provoca sufrimento, dor e miseria dentro e, por suposto, fóra. Autoritarismo criminal que goza do beneplácito, a comprensión e o apoio, velado ou aberto, segundo as ocasións, dunha Unión Europea que, polo seu servilismo, non aspira máis que a imitar o modelo. 

Comentarios