Opinión

Educación democrática

Así se chamaba na Arxentina, país no que vivín parte da miña nenez e mocidade, unha das materias que tiñamos tanto na escola primaria como na secundaria, e á que se lle daba bastante relevancia, cando menos na década dos cincuenta e sesenta do século pasado. Nesta materia aprendiamos comportamentos cívicos, e os nosos dereitos e deberes como cidadáns.


Así se chamaba na Arxentina, país no que vivín parte da miña nenez e mocidade, unha das materias que tiñamos tanto na escola primaria como na secundaria, e á que se lle daba bastante relevancia, cando menos na década dos cincuenta e sesenta do século pasado. Nesta materia aprendiamos comportamentos cívicos, e os nosos dereitos e deberes como cidadáns. Sabiamos que debiamos ceder o asento a unha persoa maior ou eivada no “colectivo”, ou que os nosos dereitos estaban sempre indisolubelmente unidos aos nosos deberes individuais e colectivos.

Coido que “Educación Democrática” era unha materia fundamental, e sempre pensei que se debía ensinar a todos os escolares do mundo algo semellante. Claro que, ademais de ser unha necesidade tratar estes temas, o realmente importante é o contido da materia, porque disto dependerá que contribúa a formar persoas situadas na realidade do entorno e do mundo, con capacidade de diálogo, comprensivas coa diversidade de opinións e comportamentos das persoas, ou que pola contra, axude a formar seres humanos alienados e dogmáticos.

Falo deste tema, xa que é moi grave a decisión do Partido Popular de utilizar “Educación para a Cidadanía” como a punta de lanza dun adoutrinamento ideolóxico conservador nas escolas, mediante unha revisión reaccionaria do contido desta materia. Na proposta que algúns xornais divulgaban estes días destacaban que terá menos contidos sobre a cuestión social, ignora as desigualdades, a homofobia e outras discriminacións, sacraliza o empresariado privado como xerador de riqueza (como se os demais non o foran), demoniza o “nacionalismo excluínte” (convertendo en agresor a vítima da colonización española, e transformado o conquistador no nacionalismo bo).

Non é unha cuestión menor, e amosa até que punto as clases dominantes apostan por amordazar e destruír calquera intento de conseguir, por exemplo, un Estado galego, e un reparto xusto da riqueza. Tamén se menosprecia o respecto a dereitos individuais e colectivos básicos. Na práctica esta involución é consubstancial coa que se dá no eido económico, social, cultural, e do chamado Estado das Autonomías, e coa involución da UE e das potencias occidentais.

Podemos dicir que o Estado español que saíu da constitución de 1978, está a punto de ser totalmente liquidado. Se non se impide só quedaran algúns vestixios, como proba do que algunha vez foi o modelo que o españolismo amosaba como un exemplo no exterior. Na práctica nunca foi para alén dunha descentralización administrativa, proba dilo a expeditiva recuperación ou invasión polo Estado español de moitas das competencias transferidas.

Por último, un comentario sobre o Día das Letras Galegas. Teño que dicir que, diante de tanta agresión por parte da dereita españolista, centralista e resesa, e da súa sucursal no país, resúltame difícil de entender algunhas actitudes. Refírome concretamente ao acto da Real Academia Galega en Vigo, en homenaxe a Valentín Paz Andrade, ao que asistiron o Presidente da Xunta e o conselleiro de Educación e Cultura, ambos responsábeis directos dos maiores ataques que sufriron a nosa lingua e cultura desde o fin da ditadura. A escenificación pública do acto da RAG, para alén do argumento protocolario, e do valor do homenaxeado, politicamente serviu para lavar a cara dos agresores (xa que, non serán tan malos cando todos andan remexidos), alentando como mínimo a confusión social sobre a actitude de cada quen neste tema transcendental. Fraco favor á defensa da lingua e da identidade nacional de Galiza. Pasaran estas cousas porque falta un chisco de educación democrática, ou porque de tanto estudar as verbas algúns terminan esquecendo o pobo?... ou sinxelamente por fuxir da confrontación co poder instalándose na ambigüidade?... O tempo dirá se foi un erro puntual ou é unha deriva.

Non todo foi negativo ese día. Milleiros de persoas manifestáronse en Compostela, ateigando a praza da Quintana, na defensa da lingua e denunciando o Partido Popular. Fixéronse asemade moreas de actos en toda Galiza de exaltación da lingua nacional e da cultura patria.

Comentarios